Arquivo da categoría: ESCENARIOS DE XOGO

Espazos alternativos de xogo

DSCF0488
As rutinas da aula xa están incorporadas, nenas e nenos son quen de participar activamente no seu desempeño: sacar e poñer os zapatos para ir e volver da sesión de psicomotricidade, poñer e sacar o mandilón para ir e volver do comedor, coñecer os espazos da aula e onde está o material, sacar os zapatos e poñer as botas de auga cando chove, limpar mesas, sillas e chan cando ensuciamos…, e un longo etcétera porque o día está cheo de secuencias que se suceden e que lles ofrecen aos pequenos seguridade para desenvolver o seu traballo: xogar!

É neste contexto cando decidimos abrir as portas das aulas, nun primeiro momento as do grupo de maiores, e permitir que cada nena e neno decidan onde queren xogar. Noutras entradas temos explicado en que consiste a proposta pero nesta ocasión gustaríanos contarvos que observamos:

  • Nun primeiro momento, a proposta de psicomotricidade é a máis concorrida, son poucos os que prefiren quedar no xogo simbólico, contrución ou plástica (a oferta é variada e mudan también os materiais). Cando as enerxías foron liberadas, algúns nenos optan por investigar outras opcións pero tamén os hai que quedan na sala de psicomotricidade o tempo total que dura a proposta.

  • Aínda que se escoita algarabía, é un caos controlado, de nenas e nenos concentrados na súa actividade e felices. É moi raro que xurdan conflitos neste tempo, pode chorar porque tropezan entre eles, algún roce non desexado,…, pero con carácter xeral, as normas de convivencia son aceptadas con maior facilidade. No xogo simbólico o material non cae polo chan, nas propostas de construcións as pezas non se esparexen polo chan, tampouco coas pinturas ou outros materiais que se van ofrecen nas sesións.

  • Polas observacións efectuadas, concluímos que a proposta de abrir as aulas resulta positiva para nenas e nenos e para adultos, que poden adquirir o papel de observador e ceder o protagonismo a quen corresponde: a infancia.

Actividades sensoriais: estímulos imprescindibles!

Cando falamos de estimulación sensorial facemos referencia á entrada de información do entorno ao sistema nervioso a través dos sentidos para elaborar sensacións e percepcións, que constitúen a primeira etapa do desenvolvemento das funcións cognitivas básicas (atención e memoria) e permiten o desenvolvemento das funcións cognitivas superiores (linguaxe, creatividade, resolución de problemas,…).

É a través dos sentidos e explorando o entorno mediante o movemento cando se produce o proceso de asimilación e acomodación, que permite a construción de aprendizaxes e a comprensión do mundo que nos rodea. Este proceso é natural desde o nacemento, favorecéndoo ampliamos a bagaxe de estímulos recibidos beneficiando o desenvolvemento do pensamento, a intelixencia e a linguaxe.

En definitiva, poderiamos dicir que a estimulación sensorial (táctil, propioceptiva -posición e movemento- e vestibular -equilibro e control espacial-) é a base fundamental para asegurar respostas axeitadas ás demandas do entorno.

Existe unha aposta clara na nosa escola por este tipo de actividades: a estimulación propioceptiva e vestibular obtémola das sesións de psicomotricidade e do xogo libre nas zonas exteriores con variedade de estímulos e retos para nenas e nenos. Das actividades de estimulación sensorial xa temos defendido a importancia de aproveitar os recursos do contorno e os materiais non estruturados. Nesta presentación tendes unha pequena mostra do traballo desenvolvido:

Un outono cheo de sensacións

Inmersos xa no mes de outubro, unha das actividades que máis conectan coa escola e axudan a deixar atrás o período de adaptación é compartir experiencias.

É por iso que todos os anos aproveitamos estas datas para pedirvos que gocedes dun pequeno paseo coas vosas fillas e fillos na procura de elementos do entorno. Estes elementos da natureza que as nenas e nenos traen con tanta ilusión axúdannos a vestir a escola de outono, sentir e conectar cos cambios que se producen na natureza nesta época do ano.

Cesto dos tesouros de outono

Un xogo no que a actividade consiste na exploración de obxectos de uso cotiá ou neste caso, materiais da natureza (piñas, cabazas, follas,…), que estimulan e axudan no desenvolvemento dos cinco sentidos: ábreselles todo un novo horizonte cara o descubrimento do mundo que os rodea.
O cesto dos tesouros esperta a curiosidade pola diversidade de obxectos e o desexo de practicar a súa crecente habilidade de tomar posesión, polos seus propios medios, das cousas novas, atractivas e que están ao alcance da súa man.

IMG_6585

Mesa de experimentación

Inspirada na “mesa azul” de Paola Tonelli, xera experiencia manipulativa cos diversos materiais (follas, castañas, cocas, piñas, cabazas,…) que lle podemos incluír, promove o desenvolvemento expresivo, reforza a habilidade lóxico-matemática xa que nos permite experimentar cos obxectos, fomenta a observación e activa a imaxinación e a creatividade.

IMG_6244

 Trasvases

Dependendo da proposta, máis ou menos recipientes ou máis ou menos materiais, pode ser de maior ou menor complexidade.
A actividade principal é o trasvase dun recipiente a outro do material presentado. O que supón para as nenas e nenos investigar e experimentar con este tipo de accións: encher, baleirar, trasladar, volcar, esparcir, recoller,…
Neste caso, os materiais empregados son ofrecidos pola natureza (castañas, cocas e noces) e recollidos polos eles mesmos na nosa horta (millo e fabes).

DSCF9724

Instalacións

A proposta supón presentar a diversidade de materiais de xeito atractivo, provocador do asombro e que motive e estimule o xogo creativo.

IMG-20161011-WA0001

Na entrada do centro, podedes ver a variedade de elementos que fomos recollendo das vosas achegas para que pequenas e pequenos interactúen, experimenten, investiguen,… Animámosvos a que teñades na casa un pequeno recanto con estes “tesouros” para que as vosas fillas e fillos xoguen. Sorprenderavos o concentrados que poden chegar a estar manipulando castañas, follas, cocas,…

P1090126

Soamente nos queda mostrar as experiencias en imaxes:

 

Chorar ou non chorar

Entre os moitos sistemas que se desenvolven desde o nacemento ata os dous anos están os que empregamos para xestionar a nosa vida emocional; en concreto, a resposta ao estrés fórmase durante os tres primeiros meses de vida. O choro non atendido nun bebé xera unha situación de estrés que provoca un aumento dos niveis de cortisol. O seu exceso activa a amígdala do cerebro. Esta é o órgano encargado do control das emocións, emitindo un sinal de alarma de que algo non vai ben.

Se un bebé medra cunha cantidade de cortisol constantemente elevada porque o deixan chorar moito, a amígdala acaba acostumándose a ese cortisol sobrante e deixa de emitir o sinal de alarma. Ao non ter alerta, o cerebro non ofrece resposta de xestión de estrés e o neno acaba por non saber manexar esas situacións, o que lle xeran ansiedade.

Certo é, que o cerebro humano evolucionou para ser moldeado pola experiencia e que as dificutades temperás eran comúns durante a vida dos nosos antepasados.

As condicións de coidado axeitado, sen estrés temperán, permiten o desenvolvemento cerebral dunha forma menos agresiva, máis estable desde a perspectiva emocional, cunha maior intergración social. As nenas e nenos que medran sen unha exposición prolongada ao estrés teñen maiores posibilidades de contruír estruturas interpersoais máis complexas e desenvolver ao máximo o seu potencial creativo.

Segundo isto, parece claro: é necesario impedir sempre que un neno chore?

Non exactamente.

Curiosamente, moitos adultos toman a decisión de deixar chorar ao recén nado no berce (altísimo nivel de estrés) e cando o neno medra é habitual que escoite con demasiada frecuencia: non chores, no pasa nada! (cando cae, está canso, triste,…). Nestas ocasións deberamos acompañar o pranto do neno pero non suprimilo. Porque?

A composición das lágrimas conteñen un analxésico natural que se libera cando o corpo está en situación de estrés. Os últimos estudios sobre o choro postulan que as persoas se senten mellor despois de chorar. Sabemos que as emocións humanas xorden a partir dunha rede de rexións cerebrais interconectadas, o que supón que os nosos sentimentos teñen unha repercusión nas nosas respostas corporais. Chorar polo tanto, é unha característica humana. Claro está que nos gusta máis velos rir!

Parece que toca aplicar unha vez máis o sentidiño común!

P1090030

Fonte: Milagro Valiente Martínez en https://escuelaconcerebro.wordpress.com/2015/06/25/neuroeducacion-y-modelos-de-crianza/

Encontros e reencontros

Unha vez máis chega setembro e con el, misturas de sentimentos para nenas e nenos, profesionais e familias.

As familias, se tiveron ou teñen oportunidade, asistirán a charlas informativas sobre algo chamado período de adaptación. Si, está ben: a escola dá consellos, pón normas, marca pautas de incorporación á escola, etc: non poden máis que estar de acordo con tantísima información!

Pero na cabeza levan outros temas, outras preocupacións: é moi pequeno, non coinciden os seus horarios cos do traballo, quen irá recollelo, terei que pedir o favor aos avós, como serán os coidados,….

É unha realidade, somos conscientes da dificultade que acarrea a certas familias, pero o período de familiarización á escola infantil é, desde o punto de vista profesional e pensando sempre na infancia, irrenunciable.

As nenas e nenos do primeiro ciclo de educación infantil teñen gran dependencia do adulto; é imprescindible sentar unha boa base para que a súa permanencia na escola supoña oportunidades de aprendizaxe e soamente poderemos garantilo cando pequenas e pequenos se sintan na escola seguros e confiados. Cremos que o esforzo ben vale a pena!

DSCF9901

Auga e area

Xogar con auga e area non é só algo que nenas e nenos aman facer senón tamén unha actividade esencial para o seu desenvolvemento.

Non se precisan xoguetes especiais para xogar con auga e area. Esponxas, funís, cunchas, caixas, vasos de iogur,… son estupendos moldes para que nenas e nenos amplíen as súas habilidades manipuladoras. A coordinación man-ollo ao verter a auga ou area dun lado a outro, a experimentación lóxica cando observan que uns obxectos se mergullan e outros non, as cantidades, o peso, a temperatura,… Auga e area estimulan a creatividade, a concentración, as habilidades físicas, cognitivas e sociais.

En definitiva, xogar con area e auga ábrelles un mundo de posibilidades que provoca explorar, aprender cuestións básicas de causa-efecto e a resolver pequenos problemas, todas cuestións de gran importancia para o seu pensamento.

Xoguemos!

Grupos heteroxeneos. Enriquecer as interaccións entre iguais.

O debate sobre a división da escola por idades é vello; en principio, na nosa vida cotiá non nos separan por idades (no cine, na praia, na piscina, no teatro, no circo, no autobús, na oficina, no hospital,…).

Unha aula de idades diferentes é un ambiente máis natural e realista que o grupo convencional (todos da mesma idade).

Ao longo do curso, a escola promove diferentes situacións onde a interacción entre grandes e pequenos é posible: cando xogan no exterior, en momentos de acollida e recollida, co acompañamento lector do alumnado do IES San Paio, cando o grupo de maiores axuda no comedor de medianos e pequenos,.., pero é no grupo de nenas e nenos da tarde cando esta situación se converte en cotiá. Todos os días, en todo momento, maiores e pequenos interactúan.

collage-2016-07-26

Fóra da escola non nos separan por idade estamos xuntos pequenos e maiores, mozos e adultos, vellos e bebés, e todos precisamos da referencia dos demais para aprender.

A interacción das nenas e nenos, cando as idades son diferentes enriquece porque:

  • Se producen maiores oportunidades de avanzar ao su ritmo, segundo a súa personalidade e necesidades.

  • Están máis estimulados a aprender cando teñen referencias de nenas e nenos maiores.

  • A riqueza de experiencias aumenta (os maiores alentan as experiencias dos máis pequenos).

  • O xogo é máis rico e variado.

  • Os maiores convírtense en modelos de aprendizaxe para os máis pequenos.

  • Os maiores adquiren compromisos, complicidade co coidado dos máis pequenos.

Na escola valoramos a riqueza da interacción entre o noso alumnado, cremos que os agrupamentos mixtos son posibles e beneficiosos.

Para que poidades comprobar esta riqueza achegamos un pequeno resumo das actividades desenvolvidas polas nenas e nenos da tarde neste curso escolar:

 

Fonte: Elena Laiz Sasiain. ¿Tiene sentido dividir la escuela por edades? Ed. Graó.

Coidando vermes de seda

O coidado dos vermes de seda enche de experiencias “invisibles” (deixan pegadas na memoria de nenas e nenos): a observación do proceso biolóxico da metamorfose, a espera da eclosión dos ovos, o crecemento das larvas, a súa alimentación, limpeza, observación de como tecen o seu casulo ata marabillarse cos misterios da natureza cando deste sae unha “linda” bolboreta!

Neste vídeo podedes observar a capacidade de concentración, o mimo e entusiasmo que poñen no seu coidado:

Cada ano, o remate do seu ciclo coincide cos últimos días de escola. É por iso que solicitamos, unha vez máis, a colaboración das familias para vestir o noso corredoiro de coloridas bolboretas. Coma sempre, a resposta das pequenas e pequenos é magnífica, gozan ensinando a súa bolboreta, e disfrutan vendo un espazo da escola cheo de tanta cor: entre todos facemos o espazo máis alegre, con máis vida!

A escola. Un lugar para as emocións.

Di a UNESCO que “as primeiras experiencias do neno constitúen a base de toda aprendizaxe posterior”.

Ao longo destes tres anos temos aunado esforzos no seo do equipo para construír unha escola onde pesen as experiencias significativas e por ende o benestar físico e emocional das nenas e nenos.

Nunha escola destas características o coidado das emocións está presente en cada momento, en cada recanto, en cada diálogo, en cada mirada que se establece entre o adulto e o neno.

Non decimos máis, xa di o refrán que unha imaxe vale máis que mil palabras. Van milleiros de palabras pois:

De seguro volveremos atoparnos. Unha vez máis o noso agradecemento pola vosa confianza e o voso acompañamento, as veces crítico, pero sempre agradecido e axeitado.

” Soamente se  ve ben co corazón. O esencial é invisible aos ollos”

Antoine de Saint-Exupéry. O principiño.

 

Xardín dos sons

Observar para atinar.

Xa vos temos contado en entradas anteriores a importancia de repensar os espazos para satisfacer as necesidades das nenas e nenos.

Nesta ocasión, queremos compartir unha nova proposta que levamos á práctica recentemente no patio da escola.

Temos a sorte de contar cunha magnífica zona exterior, o que nos leva a miúdo a reflexionar para buscarlle o maior número de posibilidades de aprendizaxe para as pequenas e pequenos.

Terminanos o curso anterior cun novo proxecto relacionado coas zonas exteriores da escola; a idea principal era involucrar a toda a comunidade educativa para enriquecer as propostas de xogo no xardín da escola. E comezamos o curso co forte compromiso de desenvolver, senón todas, gran parte das ideas plasmadas no citado proxecto.

Xa no primeiro trimestre construímos unha cociña de palés. Foi relativamente fácil: unha compañeira cedeu os palés que tiña na casa, outra conseguiu un fregadoiro, outras achegaron as ferramentas e a fundamental man de obra.

O resultado foi realmente satisfactorio: a acollida das nenas e nenos ao novo elemento do patio non decepcionou. Menos mal que xa tiñamos un nutrido repertorio de utensilios de cociña para colmar plenamente as necesidades de xogo simbólico que manifestaron.

Entre o material dispoñible atópanse: potas, tixolas, culleres e garfos de madeira, escumadeiras,…; espontaneamente varias nenas e nenos comezaron a poñer as potas boca abaixo e golpealas coas culleres e as escumadeiras, como se dunha batería se tratara. O xogo observamos que día a día se facía máis popular, polo que consideramos necesario habilitar unha zona do patio para a experimentación musical. E desta maneira naceu “O xardín dos sons”.

O xardín dos sons ou cotiáfono

Froito da observación dos intereses das nenas e nenos xorde pois o recanto para facer música no noso patio exterior.

Cotiá” é un adxectivo que fai referencia a algo diario, habitual ou frecuente. Os materiais que conforman a idea son de uso coñecido para o noso alumnado.

O sufixo -fono, indica “son, voz”. Estimúlase e provócase coa colocación destes materiais cotiáns.

Desde o primeiro momento a proposta foi ben recibida polas nenas e nenos, investigando, experimentando e sobre todo gozando da súa propia produción sonora.

É moi probable que o noso xardín dos sons ou cotiáfono medre, todo dependerá do que vaiamos observando nas nosas crianzas. De momento, as observacións que facemos devólvennos confianza; confianza para seguir o camiño que as propias nenas e nenos nos marcan.