Ten como obxectivo esta entrada facer un resumo polas propostas desenvoltas no centro con motivo da celebración do Nadal. Case todas elas xa son tradición na escola por estas datas, aínda que procuramos cada ano aderezalas con ingredientes fundamentais: novidade, sorpresa e alegría.
CESTO DE NADAL
Coa idea orixinal do “Cesto dos tesouros”, substitúense os obxectos cotiáns por elementos relacionados co Nadal que suscitan moitas sensacións ao tacto.

LUCES DE NADAL
Xogar coas luces provoca un efecto visual moi atractivo para as pequenas e pequenos. As súas primeiras expresións son de gran asombro e curiosidade.

MESA DE EXPERIMENTACIÓN
Ao igual que o cesto, é unha proposta moi adaptable a calquera circunstancia: de estar chea de cabazas, follas ou castañas, a atopala con elementos de Nadal entre serpentinas de cores.

ENTRE PAPEIS DE AGASALLO
É moi popular recoñecer que máis dunha vez xogan mellor co envoltorio que co propio presente. Na escola temos varias propostas de experiencias con papel; nesta ocasión, que mellor que aproveitar todo ese papel que queda sen utilidade!

OBRADOIRO DE GALLETAS
Botar a fariña, o azucre, a manteiga, bater os ovos, mesturar, remover, transformar a materia, estender, dar forma, crear, esperar, saborear…! Mmm! Que boas as nosas galletas!

CONCERTO DE NADAL
É o Nadal un tempo que favorece os vencellos coa comunidade. Nesta ocasión tivemos a sorte de contar coa colaboración do alumnado do instituto que temos xunto a escola. Agasalláronnos cun concerto de Nadal. A cara de ledicia das nosas pequenas e pequenos foi fantástica e a ilusión dos maiores, emocionante! Unha experiencia marabillosa que temos a sorte de repetir todos os anos pola gran colaboración entre os dous centros: o instituto e a escola infantil, para propiciar relacións xeracionais. Estiveron moi atentos á música pero… gustoulles máis creala!

SAÍDA AO MERCADO
Saímos ao mercado co grupo de nenas e nenos maiores. Na visita acompañáronnos varias familias, fixemos o recorrido a pé, parando a saudar á xente na rúa, a ver os comercios, as luces,…; atopámonos con xente coñececida, parando nos escaparates dos comercios, sen présa, co ritmo que pequenas e pequenos nos marcaban… Tivemos que agardar no paso de peóns para poder cruzar. Unha vez chegamos ao Mercado Municipal, fixemos parada en todos os postos: a peixaría, a carnizaría, a froitaría, a floristaría,…; en definitiva, unha experiencia moi enriquecedora e que nos permitiu conectar co entorno próximo.

FACER ADORNOS DE NADAL
As nenas e nenos maiores gozaron moito realizando manualidades propias destas datas: campás con casos de iogur, árbore de Nadal con oveiras, etc.

ENCHER A ESCOLA DE ADORNOS DE NADAL
Como xa temos defendido, todos os espazos educan e dan significado de vida. Nesta ocasión ao corredoiro tocoulle engalanarse para o tempo de Nadal. Tradición tamén é solicitar a colaboración das familias, e este ano tocou traer calcetíns dos pais e dos fillos decorados con motivos navideños. Tamén fixeron adornos con material de refugallo para o patio, e de xeito espontáneo foron varias as familias que nos sorprenderon con aderezos feitos nas súas casas, moi creativos e orixinais.

FESTA DE NADAL
E como non podería ser doutro xeito, rematamos cunha festa. A idea orixinal era facela na rúa e adornar as árbores do municipio dun xeito moi creativo, pero por mor do tempo, celebrámola na escola; e aínda que non foron as árbores da rúa as que acabaron decoradas, si que os colocamos noutras: as do noso patio. Desde ese día, cada vez que saen o patio pequenas e pequenos sinalan co dedo o adorno que trouxo coa súa familia ou que fixo o día da festa. Obradoiros, chocolate con biscoito e música tradicional en directo grazas á colaboración do grupo de pandeireteiras do Centro Cívico foron os pratos principais dunha celebración moi familiar.

Pódese dicir que gozamos todos: pequenas e pequenos pero tamén familias e profesorado. Non é difícil deixarse contaxiar pola inocencia e capacidade de fascinación de nenas e nenos. Observalos, escoitalos, acompañalos e deixarse guiar polo seu encanto!
