Arquivo da categoría: EXPERIENCIAS

99 post e unha despedida

 Ao longo destes primeiros anos, cinco xa facemos do inicio da nosa andaina, temos empregado o blogue como ferramenta para recoller e compartir a nosa idea de escola.

 Un paseo visual pola páxina permite, así o cremos, facerse unha idea da idiosincrasia da escola e dos piares que pouco a pouco fomos desgranando entre estas liñas.

 Podemos atopar artigos onde falamos de experiencias realizadas coas nenas e nenos: collages, obradoiros de cociña, trasvases, saltar nos charcos, pintar, con auga e area,…etc).

Outras entradas fan referencia á ferramenta metodolóxica máis potente e que constitúe un eixo vertebrador do noso proxecto educativo: o xogo. Así, temos falado do xogo heurístico, simbólico, do cesto dos tesouros, da scatola azzurra ou mesa de experimentación, da illa da calma e dos xogos presimbólicos ( xogar a caer, xogar a correr e ser atrapado, xogar a aparecer e desaparecer,…).

Os momentos cotiáns e coidados básicos teñen ocupado bastantes liñas deste blogue. Xunto ao xogo temos defendido a súa importancia nesta etapa: o momento da alimentación, o momento de hixiene e do descanso, e outras actividades da vida cotiá como limpar, recoller, por a lavadora,…favorece a progresiva adquisición da autonomía e o sentimento imprescindible de sentirse ben (fundamental para a consolidación das aprendizaxes).

Temos falado tamén da utlización dos espazos: dos espazos abertos, dos espazos no exterior, doutros espazos que non son as aulas, incluso das relacións que se dan nestes espazos cando favoreces as relacións intergrupais.

Cada proxecto iniciado foi compartido nestas liñas, coa idea de contaxiarvos da emoción que supuxo para nós contar cunha biblioteca, unha horta, cos gusanos de seda e coas tartarugas, co xardín sonoro, clasificar o lixo, ir de visita ao mercado, á radio, á biblioteca e á residencia de maiores.

Das inquedanzas da crianza tamén temos falado; do seu desenvolvemento motor, da etapa dos mordiscos, de deixar o pañal, das rabichas,…

E como non, da importancia da relación familia-escola. Teñen sido varias as propostas para estreitar vínculos, non só festas, que tamén! Xuntanzas de inicio de curso, charlas con especialistas, obradoiros, visitas culturais, e a documentación, incluído este blogue, para mantelas informadas, coñecedoras do noso quefacer e abertas á súa participación. Temos explicado nestas liñas o uso da axenda escolar, o por qué dos diarios individuais e máis recentemente da importancia de recoller a proposta pedagóxica de cada grupo de idade.

Resumindo, pensamos que ten sido un bo traballo para o equipo de reflexión e de recollida de documentación, e tamén unha ventá sempre aberta para todo aquel que tivera interese en saber máis sobre as nosas decisións.

Cinco anos e 99 post, van deixando paso a unha despedida. Ésta, a nosa sociedade da información, non permite ferramentas pouco dinamizadas, pouco activas e sen posibilidades de “me gustas”. O blogue forma parte dun portal en desuso e polo tanto, a sensación, hai tempo que vai sendo dun traballo que se garda nun caixón.

Como non nos gusta o pesimismo, vai ser un ata logo, quen sabe, aínda que o máis probable é que utilicemos outras canles más dinámicas para difunfir o noso traballo, pode que nalgún momento sintamos a tentación de retomalo…

Xuntos contamos!

Na escola  tivemos sempre claro a importancia dos contos como transmisores de coñecemento, canalizadores de emocións, estimuladores de relacións e captadores da atención de nenas e nenos.

Entendemos os contos como pontente estratexia de apoio para o desenvolvemento da linguaxe oral. O Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, no apartado de Contidos no seu Bloque 3 do punto 1.2. Currículo do primeiro ciclo, cita:

  • Observación e interese polo significado de signos e símbolos presentes na vida cotiá.

  • Descuberta e interese da funcionalidade de textos diversos.

  • Diferenciación entre as formas escritas e outras formas de expresión gráfica.

  • Interese e gozo ao mirar libros e escoitar a súa lectura.

  • Recoñecemento dos elementos básicos dos relatos escoitados ou vistos.

  • Interese por comunicar interpretacións, sensacións, emocións e opinións provocadas polas producións literarias.

  • Comprensión das situacións representadas nos relatos escoitados ou vistos

  • Identificación de diferentes xeitos de representación dramática.

  • Interese e gozo ao mirar e participar en representacións dramáticas.

img123

Durante a lectura de contos e a súa compresión con apoio dun adulto (no noso caso coa axuda do alumando do IES San Paio), nenas e nenos adquiren coñecementos sobre as accións que lles permiten identificar, describir e explicar aspectos da localización, tempo, obxectivos, persoas, accións e resultado das accións.

A importancia do desenvolvemento destes procesos permite fomentar nas nenas e nenos:

  • Unha adecuada participación nas distintas actividades que teñen lugar na aula por medio da conversación que se xera ao redor da lectura do conto.

  • As interaccións sociais con profesores e compañeiros.

  • Relacionar a nova información coa adquirida con anterioridade.

  • Potenciar a imaxinación, a creatividade e a expresión de sentimentos, ademais de explicar as reaccións ante eles.

  • E sí, o asentamento das bases para a adquisición da lectura e escritura.

Existen diversos estudos realizados desde a década dos 70 ata a actualidade que demostran que a lectura conxunta entre adulto, neste caso adolescentes, e o neno, provoca unha mellora na adquisición da linguaxe oral.

Algúns autores sinalan que as verbalizaciones dos adultos, que inclúen enunciados cun nivel maior de abstracción, aplicando estratexias de estimulación como o modelado, repercuten no desenvolvemento dos procesos de categorización, nomeamento de obxectos e elaboración de significados de palabras novas no vocabulario nos nenos menores de 3 anos.

Nesta mesma liña de investigación outros autores demostran que a aplicación da lectura conxunta de libros con ilustracións mellora o léxico expresivo e comprensivo e o discurso das nenas e nenos, e á súa vez tamén provoca unha mellora da capacidade dos adultos para realizar preguntas abertas e facer máis fluído o diálogo.

Podemos concluír, que a experiencia é enriquecedora tanto para os emisores como para os receptores.

Este texto está incluído no Proxecto “Xuntos contamos” no que colaboramos co IES San Paio.

 

Os coidados da horta ecolóxica

png

 

Como son moitos os beneficios de ter unha horta ecolóxica na escola, e xa son varios cursos mellorando os seus coidados, quixemos este curso escolar recibir asesoramento dun experto no coidado da terra, e foi unha tarefa ben gratificante porque ese experto estaba dentro da nosa comunidade educativa. Martin Crusat, licenciado en medioambiente y biólogo, compartiu a súa experiencia e sabedoría co equipo da escola. A continuación sinalamos as ideas chaves da súa intervención:

  • A importancia de manter unha rizoesfera  (zona de interacción entre as raíces das plantas e os microorganismos do chan) rica e variada.
  • A rizosfera é un complexo e dinámico microambiente, onde as bacterias e fungos, en asociación coas raíces, forman comunidades únicas que teñen considerable potencial para a detoxificación de compostos orgánicos nocivos. No caso da nosa horta interésanos unha terra rica en bacterias.
  • Para manter en bo estado a rizoesfera non é aconsellable remover a terra. Cando aramos a terra estamos a provocar a morte de todos os microorganismos que estaban en capas inferiores do chan e que os expoñemos directamente ao Sol. Ademais, a terra que estaba húmida e tiña materia orgánica empeza a perder vida de novo e se reseca antes do que pensamos.
  • O compost vexetal é un gran abono; triturar cascas de ovo para proporcionar calcio; e algas mariñas (frescas) lavadas para que as nosas plantas conten con fósforo e nitróxeno, son algunhas das propostas para combatir as plagas.
  • Tamén falou do acolchado  que  é un labor complementario ao cultivo que consiste na protección dos terreos fronte á evaporación excesiva e plantas competidoras.
  • Poñer un hotel de bichos na horta para os insectos beneficiosos que  son aqueles que se alimentan das pragas habituais que adoitamos ter no xardín e no horto. Desta maneira, lograremos acabar de maneira natural coas pragas das cochinillas, pulgón, mosca branca, etc. Entre os insectos beneficiosos podemos atopar os seguintes: avispas, mariquitas, abellas, escaravellos, arañas, lombrigas, etc.
  • Ah! e tamén nos falou dunha vermicompostera e das marabillas do humus de lombriz,… darémoslle unha pensada pero cos gusanos de seda cremos que xa temos bastante!

Só nos queda agradecer a Martín o seu tempo e os seus consellos de experto, a verdade é que pensamos que moitas das cuestións xa están en práctica na nosa horta ecolóxica.

DSCN1400

Polo Samaín: cabazas sen fín!

Achegándonos ao Samaín poderíamos falar da tradición e da magnífica exposición de cabazas talladas que temos na entrada, pero ao longo do mes de outubro fixemos unha chea de experiencias ao redor das cabazas que nos parece interesante compartir:

Horta

Que medraran cabazas na nosa horta é un luxo que nos ofreceu experiencias moi significativas para nenas e nenos, xa que todas as propostas de actividade desenvolvidas con elas,  ademáis de partir da vinculación coas familias que colaboraron coa achega deste produto, puideron disfrutarse porque tiñamos cabazas na horta!

DSCN5050

Cesto de cabazas

Un xogo no que a actividade céntrase na exploración de obxectos de uso cotiá ou como neste caso de cabazas. Hainas, grandes, medianas e pequenas e de moi diversas formas.

O cesto dos tesouros esperta a curiosidade pola diversidade de obxectos e o desexo de practicar a súa crecente habilidade de tomar posesión, polos seus propios medios, das cousas novas, atractivas e que están ao alcance da sua man.

IMG-20171028-WA0012

Mesa de experimentación con cabazas

Inspirada na “mesa azul” de Paola Tonelli xera experiencia manipulativa cos diversos materiais que lle incluímos. Promove o desenvolvemento expresivo, reforza a habilidade lóxico-matemática xa que nos permite experimentar cos obxectos, fomenta a observación e activa a imaxinación e a creatividade.

IMG_0207

Instalacións

Presentamos as cabazas partidas á metade con diferentes obxectos que lles permitía baleiralas e manipulalas. Foi realmente interesante observar a reacción das nenas e nenos. Tedes neste enlace unha pequena mostra:

Biscoito de cabaza

Por suposto, despois da manipulación coas cabazas gardamos as semillas para a vindeira colleita, levamos o resto de cabaza para os animais e tamén deu para poder facer un rico biscoito  para festexar os cumpreanos do mes de outubro (celebrámolo sempre o último venres de mes).

IMG_0126

Corre corre , cabaciña!

Conto repetitivo que lles enganchou desde o principio e xa é un clásico para as sesións de conto grupais.

IMG_0012
Exposción de cabazas

E non nos podemos resistir a disfrutar da gran creatividade e orixinalidade das familias á hora de tallar e decorar cabazas. A entrada énchese de terroríficas e divertidas cabazas, e aínda que sabemos que as nenas e nenos son moi pequenos para facelas, a pouco que colaboran sérvelles para sentirse tremendamente contentos da súa cabaza. A que traen coa súa nai, pai ou avós e é fantástico ver como disfrutan saíndo de visita a ver todas as cabazas, como si estiveramos nun museo!

7 (3)

E concluíndo, é a cabaza un elemento fantástico para facer propostas de experiencias con continuidade, que culminan coa exposición de cabazas pero que non deixamos de lado en todo o ano porque o puré de cabaza é o noso preferido!

DSC09942

VIVIR EN GRUPO

Di a UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura ) que “as primeiras experiencias do neno constitúen a base de toda aprendizaxe posterior”.

Con esta idea vimos traballando desde o inicio. As primeiras experiencias pois, non son as que se ofrecen no segundo ciclo de educación infantil ou primaria (como ben sabedes agora mesmo están escolarizados no primeiro ciclo de educación infantil), as primeiras experiencias  prodúcense nada máis nacer, nas primeiras horas, día e anos.

Sabemos que a decisión que motiva a incorporación á escola en idades tan temperás na ampla maioría é por unha cuestión de conciliación, por resolver onde deixar ós pequenos mentres imos traballar (calquer tipo de traballo, o do fogar tamén conta). Pero para nós, os profesioanais da etapa, sabemos que é unha boa opción porque:

  • O sistema escolar conta que aos tres anos, cando se inicia a escolarización no segundo ciclo de educación infantil,  xa adquiriron suficiente competencia falada para basear o groso da acción do docente na comunicación verbal.
  • Dáse por feito que teñen adquirido un grao de autonomía persoal non so para resolver as súas necesidades persoais en relación á hixiene, alimentación,…senón para xestionar procesos máis complexos de exploración e descubrimento do entorno.
  • Tamén se conta con que teñan adquirida suficiente capacidade de regulación persoal para participar sen moitos conflitos en dinámicas colectivas: situacións de quendas, compartir xogos, contos,…
  • Supón unha gran dificultade se aos tres anos non se ten adquirido o xogo simbólico e o uso social dos código comunicativos. Por qué? Porque a aprendizaxe baséase nos procesos simbólicos (a propia linguaxe é un código simbólico!).
  • Contan que aos tres anos se teñan adquiridas competencias percetivas que lles permitan ser competentes na discriminación de sons, imaxes,..
  • E por último,  consideranse necesarios algúns requisitos cognitivos: capacidade de atención, identificación de obxectos, capacidade de sostemento das intencións (non cambiar constantemente de materiais ou actividade),…

E aínda que non o tiverades en conta, todo isto é o que levan de bagaxe as vosas fillas e fillos, poderíamos facer unha lista moito máis extensa do que supón pasar por unha boa escola infantil. E dicimos boa, porque así o cremos, non serve calquera escola para que todos estos procesos base de futuros aprendizaxes se dean. Pero o que nos parece máis importante é formar parte dun grupo: construír a súa identidade, aprender do respeto a un mesmo e aos demáis, a empatía, solidaridade, compromiso, o manexo das fustración, facer amigos, compartir, enfadarse, perdoarse e quererse, SER!

Deixamos unha montaxe de fotos a modo de resumo destas experiencias da vida en grupo:

Referencia bibliográfica: ¿Por qué escolarizar a los dos años? Viçent Arnaiz

 

Mil maneras de disfrutar cos contos

O conto ten como vehículo á palabra, ten a virtude de atrapar a atención das pequenas e pequenos, eles son capaces de sentir o conto, expresando moitas emocións: sorpresa, emoción, intriga, medo,…todas elas frecuentes cando un conto está presente.

Dada a resposta tan positiva a todas aquelas actividades  relacionadas co mundo dos contos, na escola seguimos desenvolvendo unha bataría de propostas que recolle o noso proxecto da biblioteca, e que cada curso escolar vemos enriquecido coas achegas do entorno educativo. Este temos que agradecer moi especialmente a colaboración do alumnado do IES San Paio, e por suposto ao seu profesorado. É máxica a relación que se establecen entre o alumnado, as nosas nenas e nenos escoitan con deleite as narracións dos maiores, e eles á súa vez fan un gran traballo para captar a atención dun público tan exisente coma o noso.

Relacionamos a continuación as actividades máis significativas:

Acompañento lector. O alumnado do instituto achégase ao noso centro con contos da biblioteca e a petición das nosas nenas e nenos contan os contos que traen, tantas veces como piden,… e piden de seguido!

IMG_4243

Kamishibai. Teatro de papel. O alumnado do instituto achégase ao noso centro e emprega esta técnica milenaria para a naracción de contos ilustrados.

IMG_3595

Venres de conto. Cada venres unha educadora achégase  a outra aula diferente á súa para contar un conto sorpresa a ese grupo de nenas e nenos.

P1060811

Conto no teito. Sempre hai un conto moi popular entre as nenas e nenos. Este ano fixeron entre todos “Arbol”, que podedes ver prependo no enlace.

Visita á biblioteca. Unha visita imprescindible para dar continuidade ao fomento da lectura tamén na casa.

 

Conto teatralizado. Os tres porquiños e o lobo feroz. É un conto que lles gusta moito, este ano tivemos a sorte de contar cunha traductora en lingua de signos (familiar dunha nena da escola).

 

Conto viaxeiro. Con esta proposta as nenas e nenos teñen a oportunidade de compartir os seus contos preferidos da escola na casa coa súa familia.

DSCF8039

 

Sesión de contacontos. Miriam, unha estudante de Grao quixo compartir con nós o seu traballo de fin de Grao e convidounos a unha sesión de contacontos na Biblioteca Municipal.

IMG_4038

 

As familias contan contos. Grandes contadores de historias disfrutamos ano tras ano. O vínculo ente a escola é a casa vése reforzado.
20160419_100444
Todas estas e algunha que outra actividade máis quedan resumidas neste video:

Desde a escola vos animamos a compartir a maxia dos contos,  de seguro que na casa antes de durmir non se cansan de escoitar unha e outra vez as vosas historias, invadamos o seu maxín de fantásticas historias!

Un maio na escola infantil

Un dos obxectivos do noso proxecto educativo cita “promover a escola como axente cultural sobre a infancia e dinamizar actuacións cos diferentes axentes do contorno próximo”; tamén recolle como obxectivo “avanzar nunha actitude de escoita activa e respecto polas iniciativas, necesidades e intereses da nena e do neno”.

Con algunhas actividades que promovemos, ás veces temos dúbidas: merece realmente a pena? É do interese do noso alumnado? Cal é o obxectivo da proposta?,….

Con todas aquelas actividades que rachan a rutina diaria xorden estas dúbidas, porque se a actividade non é verdadeiramente significativa, podemos ter resultados contrarios aos desexados. Non cómpre pois, baixo estas premisas, promover actividades para festexar o Día da muller traballadora, nin o Día da auga, do neno, da Constitución,… e un longo etc. que poderiamos incluír no noso currículo.

Nas tradicións populares, coma o Magosto, o Nadal e o Entroido, atopamos significatividade en favorecer os vínculos coa comunidade educativa, vivir as tradicións e entender a escola como espazo de socialización e desenvolvemento cultural.

É por iso que cando recibimos a proposta do Concello para a elaboración dun Maio co gallo de recuperar a tradición na zona, pareceunos unha proposta interesante.

Un obradorio coas familias para a súa elaboración considerámolo o mellor enfoque. A estrutura dun Maio é suficientemente complexa para que as nosas nenas e nenos puideran participar activamente, o que a convertía nunha proposta atractiva e interesante contrariamente ás que supoñan para o noso alumnado excesivos tempos de espera: o que lles corresponde é disfrutalo!

A participación das familias ten moitas variantes, sempre é así, porque somos moitos, e a posibilidade de colaborar dunha ou doutra forma, axuda a que todos nos sintamos parte do proceso e do resultado. As achegas de material son fundamentais: fiúncho, xestas, musgo, cocas, flores, canas,… imprescindibles para a elaboración dun Maio. A colaboración directa no obradoiro, con achegas de ideas, elaboración dos adornos e a experiencia na elaboración dos nós foi fundamental!

E por último, pero non menos importante, é o que sen dúbida enche de significado o esforzo desenvolto por algúns: pararse, ver, comentar, falar, disfrutar do Maio na entrada e na saída do centro coas nosas fillas e fillos.

Podemos garantir que as nenas e nenos disfrutaron con todo o proceso, vendo ao longo da semana como se enchía a entrada de flores para o Maio, cantando unha e outra vez a copla inventada, e coa sorpresa de velo e saír a cantarlle. Moitos nenos e nenas do grupo de maiores dicían que na entrada había unha árbore de Nadal! Resultounos moi gracioso pero sobre todo dounos a satisfacción de saber que se acordaban do obradoiro de Nadal cando fixeramos moitas árbores con material de refugallo coa colaboración das familias da escola. E é que o traballo compartido coa comunidade devólvenos experiencias que enchen de lembranzas a memoria das nosas pequenas e pequenos.

 

Garabateando!

O período comprendido entre os dous e seis anos está dominado pola función simbólica, cuxas manifestacións principais son o debuxo, o xogo e a linguaxe verbal. As tres atópanse íntimamente relacionadas e son xustamente a base sobre a que se desenvolverá a experiencia artística.

É por tanto a expresión plástica un dos camiños que empregan as nenas e nenos para comunicarse co seu entorno, e o medio de expresión plástica máis habitual é o debuxo. E nestas idades unha ferramenta estupenda para que expresen as súas emocións e sentimentos.

Nesta etapa á nena e ao neno non lles importan as cores, nin o material que empregan, simplemente gozan debuxando, independientemente de cal sexa o resultado.

Na escola ofrecemos unha ampla gama de materiais e texturas para que experiementen: pintura de dedos, ceras, tizas, rotuladores, esponxas, pinceis, …e que non falten as propias mans!

A actividade é libre, todas as nenas e nenos sen excepción son capaces de expresarse a través da plástica. A intervención do adulto é un obstáculo para o desenvolvemento da creatividade, a súa función principal será garantir as condicións para que as nenas e nenos podan disfrutar plentamente da actividade, ao seu ritmo e interese.

O primeiro rexistro permante de expresión plástica toma forma de garabato a partir dos 18 meses. O garabato non ten intención representativa. Son estruturas liniais que amosan as variacións de tensión muscular que está atravesando o neno e que non requiren de control visual. Esta etapa do garabateo ten o seguinte percorrido:

Garabateo desordenado. Non ten ningunha finalidade representativa. Son trazos largos, sen sentido nin orden, puramente xestuais, como xogo, que xeralmente dan lugar a dous tipos de garabatos: lonxitudinais e circulares. A nena e neno non ten control visual.

Garabateo controlado. Máis tarde a nena e neno adquiren maior coordinación viso-motora e goza practicándoa. O neno non pretende debuxar nada en concreto, é capaz de copiar un círculo, pero non un cadrado, e comeza o seu interese polo uso das cores.

Desde a escola intentamos favorecer este medio de expresión tan importante para pequenas e pequenos co principio fundamental de gozar da actividade en si mesma, porque como xa temos dito en numerosas ocasións: todo aquilo que provoca emocións se aprende!

Deixamos unha secuencia de fotos destes momentos de creatividade na nosa escola:

Unha horta na escola infantil

O proxecto dunha horta na escola xorde da necesidade do contacto cotiá coa natureza, entendendo que o compromiso e o respecto polo medio ambiente son actitudes que se adquiren na infancia desde unha relación próxima e positiva co entorno.

En contacto co contorno natural as nenas e nenos teñen múltiples posibilidades de desenvolver aprendizaxes por descubrimento, empregando os seus sentidos vitais, espertando as ganas de aprender e explorar, facilitando o seu desenvolvemento motriz e activando a súa imaxinación a través de vivencias propias.

A experiencia resultou moi positiva o anterior curso escolar xa que contamos coa axuda do Concello facilitándonos a terra, e tamén a das familias, colaborando e participando activamente removendo a terra co tractor, informando e asesorando sobre os coidados, achegando sementes,…, fixo posible que nenas e nenos puideran observar, coidar e asombrarse das marabillas da natureza.

En grupos pequenos sementaron, regaron, recolleron, comeron e levaron para a casa os produtos hortícolas. Evidentemente, a actividade que máis éxito tivo foi a da rega, e en máis dunha ocasión corremos o risco de afogar algunha semente!

Page1

Este ano volvemos, nestas datas, a traballar na horta: preparar a terra, sementar, regar, apañar os froitos, coidar, observar,…, coa satisfacción de que os maiores, que xa colaboraron o ano pasado neste proxecto, lembran a experiencia, recordan os produtos que recolleron,…, e se mostran moi interesados en participar. Parece que o proxecto merece a pena: na motivación, interese e curiosidade de pequenas e pequenos temos a resposta.

Pequenos Kusama

IMG_20150309_091406

A obra da xaponesa Yayoi Kusama chamounos moito a atención: todo un mundo de formas e contrastes. Unha obra sinxela que ofrece múltiples posibilidades lúdicas; así nolo contan neste enlace: http://www.alaya.es/2011/11/01/pequenos-kusamas/

Así que, provistos de botellas de leite e caixas brancas, creamos o noso propio espazo kusama, pasando do branco a todo un mundo cheo de cor.

IMG-20150309-WA0017

 

Primeiro foron nenas e nenos os que introduciron a cor no espazo en branco cos gomets de cores, e logo convidamos ás familias a continuar a obra.

Pareceunos moi interesante deixala sen rematar, e durante unha semana permaneceu no banco da entrada, onde situamos a obra de arte, e cada día cambiaba de forma: máis cor, as botellas e caixas colocadas doutra maneira,…; en definitiva, unha composición diferente todos os días!

 

Deixamos neste enlace varias secuencias de fotos onde poderedes comprobar a gran concentración d@s nos@s artistas: