“Imos cambiar a mirada.
Por que?
Porque, ata os tres anos, nenos e nenas están a configurar a súa autoestima e a seguridade en si mesmos. Se aos tres anos desconfían das posibilidades do seu corpo en movemento e se desenvolven con medo, estanse a sentar as bases dunha grande inseguridade para o seu futuro. Porque nos bebés xa está todo en potencia; polo tanto, todas as persoas que rodeamos o bebé necesitamos saber como respectalo, como respectar os seus tempos madurativos e como proporcionarlle os medios para que sexa o protagonista da vida que acaba de comezar.
Que significa que sexa o protagonista da súa vida?
O bebé, como ser humano, vén con todas as facultades para se desenvolver e nós debemos acompañalo na súa curiosidade, no descubrimento da súa contorna, no pracer que isto lle vai proporcionar.
De que xeito?
Facilitándolle as experiencias, sabendo recoñecer e aceptar as súas eleccións, entendendo que apurando un proceso non gañamos tempo, nin intelixencia, nin tampouco coordinación; todo o contrario, estamos limitándolle as súas oportunidades de experiencia e de maduración e, en definitiva, estamos limitando a súa felicidade.”
Así, así?, O bebé é protagonista da súa vida 0-3, Fundación Igualarte, 2017, Xunta de Galicia.