Na escola tivemos sempre claro a importancia dos contos como transmisores de coñecemento, canalizadores de emocións, estimuladores de relacións e captadores da atención de nenas e nenos.
Entendemos os contos como pontente estratexia de apoio para o desenvolvemento da linguaxe oral. O Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia, no apartado de Contidos no seu Bloque 3 do punto 1.2. Currículo do primeiro ciclo, cita:
-
Observación e interese polo significado de signos e símbolos presentes na vida cotiá.
-
Descuberta e interese da funcionalidade de textos diversos.
-
Diferenciación entre as formas escritas e outras formas de expresión gráfica.
-
Interese e gozo ao mirar libros e escoitar a súa lectura.
-
Recoñecemento dos elementos básicos dos relatos escoitados ou vistos.
-
Interese por comunicar interpretacións, sensacións, emocións e opinións provocadas polas producións literarias.
-
Comprensión das situacións representadas nos relatos escoitados ou vistos
-
Identificación de diferentes xeitos de representación dramática.
-
Interese e gozo ao mirar e participar en representacións dramáticas.
Durante a lectura de contos e a súa compresión con apoio dun adulto (no noso caso coa axuda do alumando do IES San Paio), nenas e nenos adquiren coñecementos sobre as accións que lles permiten identificar, describir e explicar aspectos da localización, tempo, obxectivos, persoas, accións e resultado das accións.
A importancia do desenvolvemento destes procesos permite fomentar nas nenas e nenos:
-
Unha adecuada participación nas distintas actividades que teñen lugar na aula por medio da conversación que se xera ao redor da lectura do conto.
-
As interaccións sociais con profesores e compañeiros.
-
Relacionar a nova información coa adquirida con anterioridade.
-
Potenciar a imaxinación, a creatividade e a expresión de sentimentos, ademais de explicar as reaccións ante eles.
-
E sí, o asentamento das bases para a adquisición da lectura e escritura.
Existen diversos estudos realizados desde a década dos 70 ata a actualidade que demostran que a lectura conxunta entre adulto, neste caso adolescentes, e o neno, provoca unha mellora na adquisición da linguaxe oral.
Algúns autores sinalan que as verbalizaciones dos adultos, que inclúen enunciados cun nivel maior de abstracción, aplicando estratexias de estimulación como o modelado, repercuten no desenvolvemento dos procesos de categorización, nomeamento de obxectos e elaboración de significados de palabras novas no vocabulario nos nenos menores de 3 anos.
Nesta mesma liña de investigación outros autores demostran que a aplicación da lectura conxunta de libros con ilustracións mellora o léxico expresivo e comprensivo e o discurso das nenas e nenos, e á súa vez tamén provoca unha mellora da capacidade dos adultos para realizar preguntas abertas e facer máis fluído o diálogo.
Podemos concluír, que a experiencia é enriquecedora tanto para os emisores como para os receptores.
Este texto está incluído no Proxecto “Xuntos contamos” no que colaboramos co IES San Paio.