Arquivos diarios: 3 Decembro, 2017

A potencialidade da vida en grupo

Nesta época de catarros, mocos e demais virus é frecuente que aparezan  dúbidas sobre a idoniedade de que nenas e nenos tan pequenos asistan á escola. E aínda que compartimos moitas das reflexións que recollen os pediatras e outros especialistas no senso de que non é necesario someter a inmunización nestas idades porque que teñan agora determinadas enfermidades non lles inmuniza para volver a telas,  ou que a nivel social non precisen ir a escola para ter oportunidades de relación con iguais, e un longo etcétera;  xa temos recollido en anteriores entradas,  que  o feito de ir á escola ofrece para nós moitas máis experiencias enriquecedoras e cheas de potencialidade para a vida en grupo.

A piques de rematar o primeiro cuatrimestre de curso, apetécenos compartir varias escenas da vida en grupo na aula dos maiores, onde a linguaxe está en plena ebullición o que axuda a potenciar as relacións sociais.

Esta primeira escena é un momento de encontro ao inicio da xornada, aínda que logo abrimos as portas e comparten experiencias con outros grupos, ou outras veces dividimos o grupo para determinadas actividades, o ritual do saúdo e do conto permítenos escoitar, expresarnos e organizar o que virá despois.

Este outro momento da xornada onde nos colocamos en roda e repartimos os vasos, favorece a identificación do vaso do compañeiro e polo tanto o recoñecemento do outro, a participación e colaboración nunha actividade de grupo, os tempos de espera e por suposto a linguaxe.

E nesta última secuencia, que tamén é un saúdo pero de despedida da xornada, potenciamos o manexo das emocións, saber respectar ao outro e tamén amosar afectos, que como poderedes ver non todas as nenas e nenos son quen de facelo, e todas as emocións son válidas na vida en grupo.

Desde a nosa perspectiva, a vida en grupo, está chea de potencialidades. E vos,… que opinades?