Arquivos diarios: 15 Outubro, 2017

A etapa dos mordiscos

Os mordiscos, ou outros conflitos que poidan xurdir no proceso de socialización que conleva a incorporación temperá das nenas e nenos á escola infantil, é un tema complexo e tarefa compartida da escola e da familia.

A literatura consultada confirma que a fase de morder forma parte do desenvolvemento normal de bebés e nenas e nenos ata os 36 meses de idade.

“Xa que a maioría dos incidentes de morder se deben á etapa do desenvolvemento das crianzas, os expertos recalcan que o morder non é motivo de botarlle a culpa ao neno, aos pais ou aos mestres.” (Greenman y Stonehouse, 1994)

“Oesterreich (1995) e outros teóricos cren que, como no caso dos bebés, o morder nos nenos entre 12 e 36 meses de idade representa unha forma de comunicación. Tamén postula que os nenos desta idade raramente fan plans de antemán, senón que máis ben perciben e actúan baseandose no que experimentan ao momento. Non dispoñen da linguaxe necesaria, a esta idade demostran ganas extremas de emocións, tanto alegres como tristes, e fanlles falta as maneiras de clasificar e comunicar estas emocións. Moitos nenos destas idades aínda non entenden como compartir as cousas ou que o contacto físico pode causar dor, e necesitan aprender outras maneiras de comunicarse ademais de morder (Claffey, Kucharski y Gratz, 1994). Outros morden como estratexia de auto-defensa, ou por imitación doutro neno que morde (Marlowe, 1999; NAEYC, 1996).”

Para os bebés os teóricos do desenvolvemento suxiren que o morder probablemente constitúe unha forma de exploración, os bebés usan a boca para explorar porque é unha das partes máis desenvolvidas do seu corpo. Cando os bebés morden tamén podería ser unha forma primitiva de comunicarse; probablemente o bebé non se dá conta do lazo entre o morder e a dor allea (Claffey, Kucharski e Gratz, 1994; Marlowe, 1999; Oesterreich, 1995). Os bebés tamén actúan por impulso e carecen de autodominio; algúns bebés tal vez mordan simplemente porque hai algo alí que poden morder; outros morden canto están emocionados ou reciben demasiado estímulo. Por iso é polo que a literatura conclúe que os bebés morden porque queren cheirar e tocar obxectos, experimentar coa causa e o efecto, ou aliviarse a dor de dentición. Os expertos suxiren ofrecer aos bebés que pasan pola dentición os xoguetes de chupar ou morder e outros obxectos seguros.

DSCN2899

“O persoal de programas en centros necesita recoñecer que o morder é tan normal e natural como as rabechas, á vez que aceptar a súa responsabildiade de prover e manter un ambiente seguro.”(Greenman y Stonehouse, 1994)

Tamén a literatura consultada resalta a importancia da confidencialidade: mestres e directores non deben revelar a identidade do neno que morde; tamén recomendan que non é unha estratexia eficaz pedir desculpas aos familiares, xa que iso implica que hai un modo absolutamente garantizado para previr os incidentes (Legg, 1993).

Independentemente de que os profesionais entendemos que os mordisco forman parte do día a día na escola, establecemos estratexias que nos permiten mitigar estas actuacións:

  • Observación e rexistro: axúdanos a previr cando un neno comeza ou está en plena fase de morder.

  • Evitar as situacións de conflito ou cansazo do neno: como xa quedou documentado, o estrés é motivo de aumento destas actuacións.

  • Cando sucede, a actuación da educadora é a de protexer ao neno que foi mordido (xeo) e trasládarlle ao neno que mordeu que iso non se pode facer porque fai dano aos demais.

  • Aumentar o contacto visual con esa nena ou neno para detectar posibles actuacións.

Con todo, fáisenos imposible nun aula de 13 nenas e nenos no grupo de medianos (1-2) e de 20 nenas e nenos no grupo de maiores (2-3), controlar todas as situacións.

Aínda que temos a sorte de contar con parella educativa para moitos momentos da xornada, dentro dun grupo tan numeroso existen moitas situacións onde as educadoras perden o contacto visual ou a capacidade de actuación rápida: no momento de hixiene individual ou colectiva, axudando ou falando cun neno, recollendo o material, atendendo a algunha familia, anotando información,…

É sen dúbida a situación de conflito máis complexa que se da na escola infantil, entre outras cousas porque a mesma estratexia non funciona igual para todas as nenas e nenos e porque despois de anos de atención á primeira infancia vimos constatando que soamente unha causa resolve de xeito natural o conflito: medrar.

Fonte bibliográfica: http://ecap.crc.uiuc.edu/poptopics/biting-sp.html