Arquivos mensuais: Outubro 2017

Polo Samaín: cabazas sen fín!

Achegándonos ao Samaín poderíamos falar da tradición e da magnífica exposición de cabazas talladas que temos na entrada, pero ao longo do mes de outubro fixemos unha chea de experiencias ao redor das cabazas que nos parece interesante compartir:

Horta

Que medraran cabazas na nosa horta é un luxo que nos ofreceu experiencias moi significativas para nenas e nenos, xa que todas as propostas de actividade desenvolvidas con elas,  ademáis de partir da vinculación coas familias que colaboraron coa achega deste produto, puideron disfrutarse porque tiñamos cabazas na horta!

DSCN5050

Cesto de cabazas

Un xogo no que a actividade céntrase na exploración de obxectos de uso cotiá ou como neste caso de cabazas. Hainas, grandes, medianas e pequenas e de moi diversas formas.

O cesto dos tesouros esperta a curiosidade pola diversidade de obxectos e o desexo de practicar a súa crecente habilidade de tomar posesión, polos seus propios medios, das cousas novas, atractivas e que están ao alcance da sua man.

IMG-20171028-WA0012

Mesa de experimentación con cabazas

Inspirada na “mesa azul” de Paola Tonelli xera experiencia manipulativa cos diversos materiais que lle incluímos. Promove o desenvolvemento expresivo, reforza a habilidade lóxico-matemática xa que nos permite experimentar cos obxectos, fomenta a observación e activa a imaxinación e a creatividade.

IMG_0207

Instalacións

Presentamos as cabazas partidas á metade con diferentes obxectos que lles permitía baleiralas e manipulalas. Foi realmente interesante observar a reacción das nenas e nenos. Tedes neste enlace unha pequena mostra:

Biscoito de cabaza

Por suposto, despois da manipulación coas cabazas gardamos as semillas para a vindeira colleita, levamos o resto de cabaza para os animais e tamén deu para poder facer un rico biscoito  para festexar os cumpreanos do mes de outubro (celebrámolo sempre o último venres de mes).

IMG_0126

Corre corre , cabaciña!

Conto repetitivo que lles enganchou desde o principio e xa é un clásico para as sesións de conto grupais.

IMG_0012
Exposción de cabazas

E non nos podemos resistir a disfrutar da gran creatividade e orixinalidade das familias á hora de tallar e decorar cabazas. A entrada énchese de terroríficas e divertidas cabazas, e aínda que sabemos que as nenas e nenos son moi pequenos para facelas, a pouco que colaboran sérvelles para sentirse tremendamente contentos da súa cabaza. A que traen coa súa nai, pai ou avós e é fantástico ver como disfrutan saíndo de visita a ver todas as cabazas, como si estiveramos nun museo!

7 (3)

E concluíndo, é a cabaza un elemento fantástico para facer propostas de experiencias con continuidade, que culminan coa exposición de cabazas pero que non deixamos de lado en todo o ano porque o puré de cabaza é o noso preferido!

DSC09942

A etapa dos mordiscos

Os mordiscos, ou outros conflitos que poidan xurdir no proceso de socialización que conleva a incorporación temperá das nenas e nenos á escola infantil, é un tema complexo e tarefa compartida da escola e da familia.

A literatura consultada confirma que a fase de morder forma parte do desenvolvemento normal de bebés e nenas e nenos ata os 36 meses de idade.

“Xa que a maioría dos incidentes de morder se deben á etapa do desenvolvemento das crianzas, os expertos recalcan que o morder non é motivo de botarlle a culpa ao neno, aos pais ou aos mestres.” (Greenman y Stonehouse, 1994)

“Oesterreich (1995) e outros teóricos cren que, como no caso dos bebés, o morder nos nenos entre 12 e 36 meses de idade representa unha forma de comunicación. Tamén postula que os nenos desta idade raramente fan plans de antemán, senón que máis ben perciben e actúan baseandose no que experimentan ao momento. Non dispoñen da linguaxe necesaria, a esta idade demostran ganas extremas de emocións, tanto alegres como tristes, e fanlles falta as maneiras de clasificar e comunicar estas emocións. Moitos nenos destas idades aínda non entenden como compartir as cousas ou que o contacto físico pode causar dor, e necesitan aprender outras maneiras de comunicarse ademais de morder (Claffey, Kucharski y Gratz, 1994). Outros morden como estratexia de auto-defensa, ou por imitación doutro neno que morde (Marlowe, 1999; NAEYC, 1996).”

Para os bebés os teóricos do desenvolvemento suxiren que o morder probablemente constitúe unha forma de exploración, os bebés usan a boca para explorar porque é unha das partes máis desenvolvidas do seu corpo. Cando os bebés morden tamén podería ser unha forma primitiva de comunicarse; probablemente o bebé non se dá conta do lazo entre o morder e a dor allea (Claffey, Kucharski e Gratz, 1994; Marlowe, 1999; Oesterreich, 1995). Os bebés tamén actúan por impulso e carecen de autodominio; algúns bebés tal vez mordan simplemente porque hai algo alí que poden morder; outros morden canto están emocionados ou reciben demasiado estímulo. Por iso é polo que a literatura conclúe que os bebés morden porque queren cheirar e tocar obxectos, experimentar coa causa e o efecto, ou aliviarse a dor de dentición. Os expertos suxiren ofrecer aos bebés que pasan pola dentición os xoguetes de chupar ou morder e outros obxectos seguros.

DSCN2899

“O persoal de programas en centros necesita recoñecer que o morder é tan normal e natural como as rabechas, á vez que aceptar a súa responsabildiade de prover e manter un ambiente seguro.”(Greenman y Stonehouse, 1994)

Tamén a literatura consultada resalta a importancia da confidencialidade: mestres e directores non deben revelar a identidade do neno que morde; tamén recomendan que non é unha estratexia eficaz pedir desculpas aos familiares, xa que iso implica que hai un modo absolutamente garantizado para previr os incidentes (Legg, 1993).

Independentemente de que os profesionais entendemos que os mordisco forman parte do día a día na escola, establecemos estratexias que nos permiten mitigar estas actuacións:

  • Observación e rexistro: axúdanos a previr cando un neno comeza ou está en plena fase de morder.

  • Evitar as situacións de conflito ou cansazo do neno: como xa quedou documentado, o estrés é motivo de aumento destas actuacións.

  • Cando sucede, a actuación da educadora é a de protexer ao neno que foi mordido (xeo) e trasládarlle ao neno que mordeu que iso non se pode facer porque fai dano aos demais.

  • Aumentar o contacto visual con esa nena ou neno para detectar posibles actuacións.

Con todo, fáisenos imposible nun aula de 13 nenas e nenos no grupo de medianos (1-2) e de 20 nenas e nenos no grupo de maiores (2-3), controlar todas as situacións.

Aínda que temos a sorte de contar con parella educativa para moitos momentos da xornada, dentro dun grupo tan numeroso existen moitas situacións onde as educadoras perden o contacto visual ou a capacidade de actuación rápida: no momento de hixiene individual ou colectiva, axudando ou falando cun neno, recollendo o material, atendendo a algunha familia, anotando información,…

É sen dúbida a situación de conflito máis complexa que se da na escola infantil, entre outras cousas porque a mesma estratexia non funciona igual para todas as nenas e nenos e porque despois de anos de atención á primeira infancia vimos constatando que soamente unha causa resolve de xeito natural o conflito: medrar.

Fonte bibliográfica: http://ecap.crc.uiuc.edu/poptopics/biting-sp.html

Tipos de xogos presimbólicos

O presimbólico, é un tipo de xogo previo á adquisición da función simbólica, e polo tanto á aparición do xogo simbólico como tal. Nenas e nenos se expresan a través das accións co propio corpo.

O recorrido expresado no xogo presimbólico é a vinvencia da unión e da separación que, elaborada axeitadamente, permite conquistar a identidade e desenvolver a creación das propias ideas e proxectos.

Seguindo a proposta de Acouturier (citado en Abad e Ruíz de Verdasco, 2011, p.53), os xogos simbólicos de aseguración profunda que podemos observar a diario nas nosas aulas son os seguintes:

Xogar a destruír.

Os nenos xogan a destruír desde moi pequenos as torres que os adultos contrúen para eles. Destruír non significa romper, senón transformar e reogranizar a orden que se lles ofrece no inicio da acción, para configurar un proxecto de xogo propio. Despois de agotar o impulso de destruír, aparece o desexo de construír.

IMG_20170511_102242

Xogar co pracer sensoriomotor.

Os xogos sensoriomotores son presimbólicos porque son xogos no que se teñen vivencias de separación, de afirmación da identidade, de perda momentánea de seguridade, etc. Cando o neno xoga a caerse está xogando a perder o equilibrio e a posición vertical porque está seguro de tela conquistado e de poder recuperala e erguerse só sen a axuda do adulto.

DSCN3623

Xogar a envolverse.

As sesións de xogo soen comezar cun intenso movemento (correr en círculos, gabear polas colchonetas, tirarse ao chan,…), máis tarde aparecen os xogos de envolturas: taparse cunha coclchoneta, envolverse nunha tela ou adoptar posición fetais de descanso. Son manifestacións de desexo, de protección, de procura de benestar ou de revivir situacións de coidado.

P1120466-2-297x300

Xogar a esconderse.

De todos os xogos presimbólico, quizais sexa o que máis claramente demostra a necesidade de sentir a vivencia da presencia e da ausencia, de estar e non estar. O seu orixe está no “cucu-trás” e co tempo transfórmase en múltiples modalidades.

O sentido de esconderse é experimentar a sensación de ser importante para alguén, proba disto é a emoción que o neno vive mestras está escondido e escoita a voz do adulto que lle chama (aínda que saiba onde está) e a alegría das partes implicadas no reencontro.

DSCN3835

Xogar a ser perseguido.

Ao escapar e correr o neno emprega a carreira como conquista do espazo, ten a posibilidade de ser dono do seu corpo o que lle provoca unha importante sensación de independencia.

O medo a ser perseguido transfórmase no pracer de xogo e diversión ao sentirse perseguido, pero a diferenciaa entras as dúas emocións é tan sutil que as veces o xogo remata en llanto.

PATIO (70)

Xogar a encher e baleirar, reunir e separar.

Son xogos que favorecen a contrución da estrutura cognitiva a través da curiosidade e da investigación do entorno, cando observamos aos nenos mentres realizan estas accións (encher, baleirar, dispersas, agrupar, separar, apilar,,,,) observamos a intencionalidade de desenvolver un proxecto, no que empregan grandes doses de atención e concentración.

P1130211

Fonte: Aucouturier, B., Mendel, G., (2004). Porque los niños y las niñas se mueven tanto?.Ed. Graó.

Ruíz de Velasco, A., Abad, J., (2011). El juego simbólico, Ed.Graó.