O proxecto educativo da escola recolle entre outros obxectivos:
- Compartir, divulgar e reflexionar coas familias os coñecementos que vaiamos adquirindo a través da observación das súas fillas e fillos.
- Promover a escola como axente cultural sobre a infancia e dinamizar actuacións cos diferentes axentes do contorno próximo.
É por iso que, ao longo do curso, ofrecemos charlas con diferentes profesionais da infancia para compartir visións, formas de facer e estratexias sobre diferentes temas relacionados coa crianza de pequenas e pequenos.
Nesta ocasión tocoulle o turno ao control de esfínteres; no grupo de medianos moitos xa teñen os dous anos e no grupo de maiores, a incorporación ao segundo ciclo pulula polas cabezas dos seus pais!
Neste enlace poderedes consultar toda a presentación:
https://www.facebook.com/pg/relatosdunhaescola/photos/tab=album&album_id=131449676843606
Bárbara Abascal, mestra na aula de Areas do CRA de Tui, fixo unha moi boa defensa da necesidade de respectar os tempos, os ritmos, e a comunicación coas nenas e nenos. Quedámonos cun dos seus exemplos, que nos parece moi significativo:
“Se eu vos pido voar, “veña que ti podes”, “veña que xa sodes grandes”, “veña que logo che dou un premio”,…, por moito que queirades satisfacer o meu desexo, non poderedes; isto mesmo lles pasa ás nenas e nenos: non cumpren os nosos desexos, simplemente porque non poden”.
Sabemos que deixar o cueiro é un acontecemento importante para todas as nenas e nenos a unha determinada idade; canto máis preparados estean, máis natural será o proceso e a normalidade será a característica máis importante na crianza de fillas e fillos.