Escoller a escola. Unha decisión para a reflexión.

Achegándose o período de solicitude de praza para a escolarización das vosas fillas e fillos no segundo ciclo de educación infantil, consideramos importante que teñades en conta varios aspectos á hora de escoller o novo centro educativo:

Proxecto educativo. Os principios educativos do centro reflicten a educación que nenas e nenos reciben: como se entende o proceso de adaptación á escola infantil (na nosa escola chamámoslle proceso de familiarización), a participación das familias na vida da escola, a metodoloxía de traballo (metodoloxías activas que fomenten a creatividade das nenas e nenos, a curiosidade, as competencias sociais, que respecten os ritmos de aprendizaxe e non teñan especial empeño en adiantar etapas sobre todo en materia de lectoescritura…).

O comedor. En realidade formaría parte do proxecto educativo pero pola súa especial relevancia facemos especial fincapé neste tema. Una alimentación saudable é fundamental para o bo desenvolvemento de nenas e nenos polo que para todas as familias que precisan deixar as súas fillas e fillos no comedor escolar valoramos que a mellor das opcións é a cociña propia (faise a comida na cociña do propio centro). Tamén apostamos porque sempre que sexa posible as nenas e nenos coman na casa, no seu entorno familiar.

Distancia casa-escola: A posibilidade de que as nenas e nenos podan ir andando ao cole é un aspecto a ter en conta co tempo, cando sexan máis maiores poderán ir sós, autonomía que lles virá moi ben para a súa madurez e adquisición de responsabilidades, evitar madrugóns innecesarios ou percorridos de gran distancia en autobús que se sumarán ás actividaes extraescolares e as tarefas escolares para casa (os deberes).

O ambiente educativo. Que tamén formaría parte do proxecto educativo pero consideramos de especial relevancia. Nenas e nenos pasan moito tempo na escola, algúns demasiado, polo que é necesario que o ambiente que lle rodea sexa agradable, luminoso, amplo, con posibilidade de xogo no exterior, con aulas distribuídas por recantos ou talleres, a ratio de alumnado, o numero de profesorado, o profesorado especialista, os tempos de descanso,…

Si! son moitas as cuestións a ter en conta á hora de escoller a futura escola, na nosa opinión precisa de reflexión, son moitas horas o día, durantes moitos anos, e é moita a pegada que a educación deixa en nenas e nenos. Acompañamos esta entrada cun pequeno video do día a día na nosa escola,

Para os que estades neste proceso de transición ao segundo ciclo de educación infantil (neste momento as vosas fillas e fillos cursan o primeiro ciclo de educación infantil), agardamos de todo corazón que levedes a idea dunha boa elección cando decidichedes matricular as vosas fillas e fillos no noso centro.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará