Arquivos diarios: 30 Xaneiro, 2017

A hora de comer. Unha perspectiva desde as competencias básicas.

Non é baladí a hora de comer na escola infantil; desde o enfoque das competencias básicas, o momento ten un compoñente educativo de grande importancia para todos. Desenvolvemos a continuación a proposta desde la perspectiva das competencias básicas (aqueles coñecementos, destrezas e habilidades que todos precisamos para o desenvolvemento persoal).

Autonomía e iniciativa personal. Adquirir conciencia e saber aplicar un conxunto de valores e actitudes persoais interrelacionadas: responsabilidade, perseverancia, autoestima, creatividade, control emocional,…

Esta competencia potenciámola cando se favorece que laven as mans antes e despois de comer, collan o mandilón do seu colgadoiro e intenten poñelo, axuden a colocar os manteis, intenten poñer os babeiros, repartan o pan, sirvan auga da xerra, leven a lavar os seus utensilios, decidan canta comida queren botar no prato, decidan se queren repetir, axuden a recoller o comedor, cando van a por a lavadora,…

P1110091

Social e cidadá. Cooperar, convivir, afrontar a convivencia e os conflitos desde valores e prácticas democráticas, adquirir capacidade para expresar os sentimentos, respecto polas normas, disposición para a aprendizaxe, capacidade de adaptación aos cambios,…

Os momentos de alimentación na escola favorecen situacións onde traballar as competencias sociais. Son numerosas os momentos onde as nenas e nenos poden colaborar, axudar e compartir co outro (os maiores colaboran dando de comer aos máis pequenos, exercen responsabilidades, axudan a poñer e recoller o comedor, responsabilízanse de servir, comparten o momento de comer,…)

Tamén se dan numerosos conflitos que os nenos deben resolver con ou sen a axuda do adulto: cando queren sentar no mesmo sitio, cando se lles acaba o pan, cando lles cae comida ao chan, cando esta está demasiado quente, cando o compañeiro colle o seu cuberto,…).

IMG_9394

Comunicación lingüística. O uso da linguaxe como instrumento de comunicación. Escoitar, interpretar e comprender as mensaxes, falar e regular condutas e emocións.

Todas as accións que se desenvolven no comedor necesitan da comunicación (ata os silencios forman parte da comunicación), entre os adultos, entre as nenas e nenos e entre os adultos e os pequenos.

Cando os adultos comunican as normas do comedor: falar baixo, andar a modo, recoller os pratos,.., cando os nenos informan das súas necesidades: quero repetir, non quero máis, necesito unha culler, a comida está fría, non me gusta,…, cando os adultos acompañan o proceso,…

DSCN2898

Interacción co mundo físico. Interactuar co mundo físico a través da curiosidade, a imaxinación, unha actitude observadora, experimentar, explorar solucións diferentes,…

Traballamos esta competencia no comedor cando os nenos teñen a posibilidade de manexar os obxectos, os utensilios do comedor, e interactuar con eles; en todas as ocasións que proban alimentos novos ou presentados de diferentes formas e texturas; cando buscan solucións para resolver situacións novidosas ou que se presentan con dificultade: remover coa culler a sopa para que arrefríe, acción que observaron previamente no adulto,…

IMG_8928

Aprender a aprender. Dispor de habilidades para iniciarse na aprendizaxe e ser quen de continuar aprendendo de forma cada vez máis eficaz e autónoma.

En todas as situacións de alimentación se favorece a adquisición de autonomía: a autorregulación, cando non necesitan dunha indicación do adulto para recoller o prato, para botar máis cantidade, para coller máis pan, encher o vaso de auga,… A súa capacidade autónoma vese reforzada cando buscan estratexias para colocarse o mandilón, pór os manteis, acender a lavadora,…

DSCF0179

Matemática. Adquirir a habilidade para utilizar as formas de expresión e razoamento matemático para resolver problemas relacionados coa vida cotiá.

IMG_9419

No desenvolvemento da actividade danse multitude de oportunidades para a aprendizaxe de conceptos matemáticos: as cantidades (máis ou menos comida), situacións espaciais (máis preto ou lonxe, as gabetas para recoller, as fontes para poder repetir,…), equilibrio e peso (cando traslada o prato cheo ou baleiro), seriación (cando teñen que coller o seu prato, o seu vaso e o seu cuberto), clasificación (cando teñen que recoller o seu prato, o seu vaso, o seu cuberto en diferentes recipientes), ubicación espacial (distancias entre a mesa e a comida), ordinais (o primeiro e o segundo prato, a primeira e a segunda quenda,…), cardinais (cando contan o número de pratos, cubertos… a poñer nunha mesa), e a resolución de problemas (cando se lles presentan todas as situacións anteriormente descritas e as teñen que resolver).

Compartimos un pequeno vídeo do momento de comedor co grupo de maiores: