Arquivos diarios: 18 Decembro, 2016

Todo un abano de posibilidades: a caixa de cartón.

As caixas son xustamente iso: caixas… a menos que llas ofrezas a un grupo de nenas e nenos e observes en cantas cousas as poden converter ou para cantas cousas as poden empregar!

Na entrada anterior xa falamos das case infinitas posibilidades das caixas de froita. Coas caixas de cartón ese abano de posibilidades vese ampliado porque a variedade de caixas é tamén moito maior, así unha caixa poder ser todo aquilo que lles permita a imaxinación ou a nosa, porque tamén gozamos coa idea de darlle utilidade ás caixas que acaban entre as nosas mans.

Para que teñades unha idea deixámosvos eiquí varias das propostas máis exitosas, pola boa acollida entre pequenas e pequenos, na nosa escola. Unha caixa pode ser unha…

Caixa dos tesouros ou Illa dos tesouros (Elionor Goldschmied). É unha actividade educativa para nenas e nenos de un a tres anos que ten por finalidade estimular a linguaxe, a experimentación e a concentración a través do uso de obxectos cotiás. Consiste nunha caixa que contén diferentes utensilios pequenos e que se lle ofrece as crianzas en momentos nos que queremos conseguir que haxa calma e tranquilidade. Mentres as nenas e nenos observan, manipulan e descobren os materiais, a educadora ou o educador está sempre ao seu carón favorecendo o diálogo. A educadora presenta os materiais con actitude de expectación e sorpresa, e así os obxectos convértense en tesouros para quen abre a caixa.

DSCF0982

Caixa de sorpresas. Xa temos falado da necesidade de sorprender para motivar a aprendizaxe, nenas e nenos disfrutan moito procurando os obxecto que están agochados dentro da caixa. Os elementos que se introducen dentro da caixa, á que previamente se lle fan varios buratos, son de diferentes texturas; a reacción das nenas e nenos cando tocan “a cegas” os materiais é diferente e ofrece moitas pistas sobre a interacción das crianzas cos obxectos.

P1100573

Caixa sensorial. Esta proposta funciona moi ben no grupo 0-1. A caixa ademais de permitir a estimulación sensorial é de gran axuda para os primeiros intentos de posturas bípedas.

DSCN2596

Caixa de destrezas. Encaixar é unha das actividades que de xeito máis eficaz estimulan a atención de pequenas e pequenos. Está proposta a par de sinxela, é moi atractiva e as posibilidades de xogo cando os paus son de cores vese ampliada.

DSCF0752

Caixa para as pertenenzas persoais. De gran valor simbólico, as caixas decoradas polas familias no inicio do período de familiarización á escola infantil permite que nenas e nenos teñan un lugar onde deixar os seus obxectos persoais cando chegan á escola. As veces é un chupete, un pano, un debuxo,…outras un xoguete ou conto que trouxeron para ensinar e compartir coa escola.

4 (2)

Unha caixa é simple e sinxelamente unha caixa. Para apilar e derrubar, arrastrar, entrar e saír, tapar e destapar, meter e sacar, amontonar ou esparexar, subir e baixar, pintar, romper,….

3 (19)

De seguro vos tedes outros usos. Animámosvos a que os compartades connosco, nós compartimos éstes porque é bo agora que chega unha época de moitos agasallos que teñades presente que as nenas e nenos necesitan ben pouco para xogar! Non lles fagades crer que precisan de máis!