Arquivos diarios: 4 Decembro, 2016

Caixas de froita: todo un mundo por descubrir!

Son múltiples as posibilidades de xogo que nos ofrecen as caixas: as grandes e pequenas, as de cartón ou latón, con tapa ou sen ela,…nesta ocasión mostrarémosvos as marabillas das caixas de froita do supermercado.

A observación do xogo no exterior onde nenas e nenos acababan xogando de xeito colectivo para construír un tren, un autobús, unha casa,… derivou na decisión de ofrecérllelas tamén nos espazos interiores.

O resultado foi moi positivo, o xogo ampliouse de tal xeito que as nenas e nenos construían vertical e horizontalmente e o abano de posibilidades é francamente incrible: sentarse dentro ou encima, empregalas de mesa para o xogo simbólico, utilizalas de tarima, para saltar, para facer un tren, unha casa, para agocharse, para gardar xoguetes, de berce para as bonecas, para empurralas baleiras ou cun compañeiro dentro…

Despois de comprobar a utilidade deste material, que ademais ofrece moita información ás pequenas e pequenos, porque hainas máis grandes e máis pequenas, máis anchas e máis estreitas, máis altas e outras máis baixas, máis resistentes e máis febles,… é evidente que na nosa escola non podemos prescindir delas porque son fonte para a creatividade, a imaxinación e sobre todo para a diversión!

Fonte: Judit Carrera, Las cajas de fruta: el juego estrella,…año tras año. Aula Infantil nº78, novembro 2014.