Arquivos diarios: 22 Novembro, 2016

Espazos alternativos de xogo

DSCF0488
As rutinas da aula xa están incorporadas, nenas e nenos son quen de participar activamente no seu desempeño: sacar e poñer os zapatos para ir e volver da sesión de psicomotricidade, poñer e sacar o mandilón para ir e volver do comedor, coñecer os espazos da aula e onde está o material, sacar os zapatos e poñer as botas de auga cando chove, limpar mesas, sillas e chan cando ensuciamos…, e un longo etcétera porque o día está cheo de secuencias que se suceden e que lles ofrecen aos pequenos seguridade para desenvolver o seu traballo: xogar!

É neste contexto cando decidimos abrir as portas das aulas, nun primeiro momento as do grupo de maiores, e permitir que cada nena e neno decidan onde queren xogar. Noutras entradas temos explicado en que consiste a proposta pero nesta ocasión gustaríanos contarvos que observamos:

  • Nun primeiro momento, a proposta de psicomotricidade é a máis concorrida, son poucos os que prefiren quedar no xogo simbólico, contrución ou plástica (a oferta é variada e mudan también os materiais). Cando as enerxías foron liberadas, algúns nenos optan por investigar outras opcións pero tamén os hai que quedan na sala de psicomotricidade o tempo total que dura a proposta.

  • Aínda que se escoita algarabía, é un caos controlado, de nenas e nenos concentrados na súa actividade e felices. É moi raro que xurdan conflitos neste tempo, pode chorar porque tropezan entre eles, algún roce non desexado,…, pero con carácter xeral, as normas de convivencia son aceptadas con maior facilidade. No xogo simbólico o material non cae polo chan, nas propostas de construcións as pezas non se esparexen polo chan, tampouco coas pinturas ou outros materiais que se van ofrecen nas sesións.

  • Polas observacións efectuadas, concluímos que a proposta de abrir as aulas resulta positiva para nenas e nenos e para adultos, que poden adquirir o papel de observador e ceder o protagonismo a quen corresponde: a infancia.