Arquivos diarios: 13 Novembro, 2016

Actividades sensoriais: estímulos imprescindibles!

Cando falamos de estimulación sensorial facemos referencia á entrada de información do entorno ao sistema nervioso a través dos sentidos para elaborar sensacións e percepcións, que constitúen a primeira etapa do desenvolvemento das funcións cognitivas básicas (atención e memoria) e permiten o desenvolvemento das funcións cognitivas superiores (linguaxe, creatividade, resolución de problemas,…).

É a través dos sentidos e explorando o entorno mediante o movemento cando se produce o proceso de asimilación e acomodación, que permite a construción de aprendizaxes e a comprensión do mundo que nos rodea. Este proceso é natural desde o nacemento, favorecéndoo ampliamos a bagaxe de estímulos recibidos beneficiando o desenvolvemento do pensamento, a intelixencia e a linguaxe.

En definitiva, poderiamos dicir que a estimulación sensorial (táctil, propioceptiva -posición e movemento- e vestibular -equilibro e control espacial-) é a base fundamental para asegurar respostas axeitadas ás demandas do entorno.

Existe unha aposta clara na nosa escola por este tipo de actividades: a estimulación propioceptiva e vestibular obtémola das sesións de psicomotricidade e do xogo libre nas zonas exteriores con variedade de estímulos e retos para nenas e nenos. Das actividades de estimulación sensorial xa temos defendido a importancia de aproveitar os recursos do contorno e os materiais non estruturados. Nesta presentación tendes unha pequena mostra do traballo desenvolvido: