Arquivos diarios: 6 Novembro, 2016

Menos é máis

Durante os primeiros anos de vida a velocidade de produción de sinapse é asombrosa polo que a sobrestimulación, ademais de innecesaria, pode chegar a ser perxudicial para o correcto desenvolvemento do cerebro.
Cando un neno se ve sometido a unha sobrecarga estimular (televisión, teléfonos móbiles, tabletas, xoguetes a pilas,…), os seus patróns de percepción e resposta non se chegan a consolidar xa que se ven interrompidos polos novos estímulos que loitan por captar a súa atención antes de poder asimilar os anteriores. Isto ten como consecuencia que a capacidade de atención disminúa e teña cada vez máis dificultades para centrarse nalgunha tarefa.

Menos é máis
Esta sobrecarga de estímulos tamén é frecuente nas aulas (láminas, pósters, debuxos, xoguetes con luces e sons,…, ocupando todo o espazo visual de nenas e nenos).
Na nosa escola optamos por un ambiente de estímulos naturais: o espazo máis desexado é o exterior, os materiais os non estruturados, e o ambiente libre de imaxes estereotipadas (calquera debuxo de serie televisiva e calquera póster que non represente imaxes reais) na procura sempre de harmonía.

IMG_7173
A observación e a experiencia indican que canto máis excesos de xoguetes, de ruídos, de propostas,…, as posibilidades de caos (nenos alterados, chorando, coa atención dispersa,…) é moito maior.
Pronto chega o Nadal, datas de moitos agasallos para pequenas e pequenos. Tede presente que os xoguetes con luces e sons son moi eficaces para chamar a súa atención, sen embrago, reducen a interacción verbal entre adultos e nenos (é maior cos xoguetes tradicionais como pezas de construción, contos, pelotas,…).
Para concluír, todos aprendemos de forma espontánea cando algo nos fascina, cando acontece algo diferente,…: pechade os ollos e imaxinade un mundo novo, completamente descoñecido, onde todo está por explorar…; iso exactamente é o que lle ocorre ao bebé!
Deixemos pois que o descubran, ao seu ritmo, de xeito espontáneo, por eles mesmos, sen forzar “aprendizaxes” que non lles corresponden e para os cales non están preparados; crecer non debe ser unha carreira chea de retos e competicións (quen camiña antes, quen está sen cueiro antes, quen sabe ler antes,…).
Deixemos libre o seu interese natural, estamos convencidos que é o camiño para que medren como adultos inquedos e curiosos ante as aprendizaxes.

Neste enlace podedes ver un pequeno vídeo do xogo das vosas fillas e fillos con materias non estruturados:


Milagros Valiente, https://escuelaconcerebro.wordpress.com