Arquivos diarios: 27 Outubro, 2016

Acompañando na autonomía

 

“O exercicio da cidadanía é un proceso que se inicia desde a infancia, cando se ofrecen ás crianzas oportunidades de elección e de autogoberno”. Referencia Curricular Nacional para a Educación Infantil no Brasil.

A capacidade de facer eleccións é primordial na medida en que o neno amplía os seus recursos (móvese mellor, exprésase con máis habilidade ) e ten oportunidade para colocar a autonomía en práctica. Se centralizamos todas as decisións, impedimos o desenvolvemento dos pequenos e pequenas nas aprendizaxes relacionadas coa identidade e a autonomía.

Ademais das accións de coidado, é fundamental que, desde os primeiros anos de vida, os nenos e nenas poidan realizar pequenas accións. Os xoguetes e obxectos necesitan estar a disposición das crianzas e ao seu alcance, sexa en caixas ou en estantes baixos, organizados no espazo da escola. Os nenos tamén necesitan ser convocados a axudar nas actividades do grupo, cada unha coa súa función.

A autonomía da crianza non se pode limitar á capacidade de facer as cousas por si mesmo; significa tamén o dereito a decidir cando facelas.

Polo tanto:

Non facemos á nena e neno autónomo, acompañámolo na súa evolución cara a autonomía.

IMG_20161006_171459

A autonomía non é unha obrigación senón un dereito da nena e neno, dereito que é preciso asegurar para que aflore. Isto é tarefa do adulto.

IMG_5847

Situacións reais e significativas que supoñen a adquisición de múltiples aprendizaxes nun contexto de seguridade afectiva. Unha relación de respecto é a base da seguridade afectiva. É a través da escoita activa como establecemos esa relación de respecto. Hai que confiar nas nenas e nenos, nos seus desexos e capacidades. Observalos, escoitalos e sentilos!

DSCF9620

 

As situacións de axuda entre as nenas e  nenos son momentos igualmente importantes para o desenvolvemento da autonomía. Aínda que os pequenos non consigan finalizar algunhas tarefas, xurdirá que un neno axude a outro a vestir, que colla o seu vaso, lave as mans, ou mesmo que garde determinado obxecto, por exemplo.  Require por parte do adulto evitar a linguaxe imperativa, as ordes; é vivir xuntos cada situación, permitindo que o neno responda en cada momento coas súas posibilidades e motivación.

IMG_1783

Condicións indispensables, ao noso xuízo  por parte do adulto son:

  • Sincero e profundo interese polo benestar da nena e do neno.
  • A aprendizaxe indirecta é a nosa responsabilidade- A nena e o neno aprende sempre, en calquera situación. Non podemos saber cales son as achegas da nosa intervención, o que si sabemos é que non lle é indiferente.

Por suposto, defender o dereito do neno a desenvolver a súa capacidade autonóma non está reñido coa aceptación de normas e límites. Afondaremos neste tema noutra ocasión…