Arquivos diarios: 18 Outubro, 2016

Un outono cheo de sensacións

Inmersos xa no mes de outubro, unha das actividades que máis conectan coa escola e axudan a deixar atrás o período de adaptación é compartir experiencias.

É por iso que todos os anos aproveitamos estas datas para pedirvos que gocedes dun pequeno paseo coas vosas fillas e fillos na procura de elementos do entorno. Estes elementos da natureza que as nenas e nenos traen con tanta ilusión axúdannos a vestir a escola de outono, sentir e conectar cos cambios que se producen na natureza nesta época do ano.

Cesto dos tesouros de outono

Un xogo no que a actividade consiste na exploración de obxectos de uso cotiá ou neste caso, materiais da natureza (piñas, cabazas, follas,…), que estimulan e axudan no desenvolvemento dos cinco sentidos: ábreselles todo un novo horizonte cara o descubrimento do mundo que os rodea.
O cesto dos tesouros esperta a curiosidade pola diversidade de obxectos e o desexo de practicar a súa crecente habilidade de tomar posesión, polos seus propios medios, das cousas novas, atractivas e que están ao alcance da súa man.

IMG_6585

Mesa de experimentación

Inspirada na “mesa azul” de Paola Tonelli, xera experiencia manipulativa cos diversos materiais (follas, castañas, cocas, piñas, cabazas,…) que lle podemos incluír, promove o desenvolvemento expresivo, reforza a habilidade lóxico-matemática xa que nos permite experimentar cos obxectos, fomenta a observación e activa a imaxinación e a creatividade.

IMG_6244

 Trasvases

Dependendo da proposta, máis ou menos recipientes ou máis ou menos materiais, pode ser de maior ou menor complexidade.
A actividade principal é o trasvase dun recipiente a outro do material presentado. O que supón para as nenas e nenos investigar e experimentar con este tipo de accións: encher, baleirar, trasladar, volcar, esparcir, recoller,…
Neste caso, os materiais empregados son ofrecidos pola natureza (castañas, cocas e noces) e recollidos polos eles mesmos na nosa horta (millo e fabes).

DSCF9724

Instalacións

A proposta supón presentar a diversidade de materiais de xeito atractivo, provocador do asombro e que motive e estimule o xogo creativo.

IMG-20161011-WA0001

Na entrada do centro, podedes ver a variedade de elementos que fomos recollendo das vosas achegas para que pequenas e pequenos interactúen, experimenten, investiguen,… Animámosvos a que teñades na casa un pequeno recanto con estes “tesouros” para que as vosas fillas e fillos xoguen. Sorprenderavos o concentrados que poden chegar a estar manipulando castañas, follas, cocas,…

P1090126

Soamente nos queda mostrar as experiencias en imaxes: