Arquivos mensuais: Outubro 2016

Acompañando na autonomía

 

“O exercicio da cidadanía é un proceso que se inicia desde a infancia, cando se ofrecen ás crianzas oportunidades de elección e de autogoberno”. Referencia Curricular Nacional para a Educación Infantil no Brasil.

A capacidade de facer eleccións é primordial na medida en que o neno amplía os seus recursos (móvese mellor, exprésase con máis habilidade ) e ten oportunidade para colocar a autonomía en práctica. Se centralizamos todas as decisións, impedimos o desenvolvemento dos pequenos e pequenas nas aprendizaxes relacionadas coa identidade e a autonomía.

Ademais das accións de coidado, é fundamental que, desde os primeiros anos de vida, os nenos e nenas poidan realizar pequenas accións. Os xoguetes e obxectos necesitan estar a disposición das crianzas e ao seu alcance, sexa en caixas ou en estantes baixos, organizados no espazo da escola. Os nenos tamén necesitan ser convocados a axudar nas actividades do grupo, cada unha coa súa función.

A autonomía da crianza non se pode limitar á capacidade de facer as cousas por si mesmo; significa tamén o dereito a decidir cando facelas.

Polo tanto:

Non facemos á nena e neno autónomo, acompañámolo na súa evolución cara a autonomía.

IMG_20161006_171459

A autonomía non é unha obrigación senón un dereito da nena e neno, dereito que é preciso asegurar para que aflore. Isto é tarefa do adulto.

IMG_5847

Situacións reais e significativas que supoñen a adquisición de múltiples aprendizaxes nun contexto de seguridade afectiva. Unha relación de respecto é a base da seguridade afectiva. É a través da escoita activa como establecemos esa relación de respecto. Hai que confiar nas nenas e nenos, nos seus desexos e capacidades. Observalos, escoitalos e sentilos!

DSCF9620

 

As situacións de axuda entre as nenas e  nenos son momentos igualmente importantes para o desenvolvemento da autonomía. Aínda que os pequenos non consigan finalizar algunhas tarefas, xurdirá que un neno axude a outro a vestir, que colla o seu vaso, lave as mans, ou mesmo que garde determinado obxecto, por exemplo.  Require por parte do adulto evitar a linguaxe imperativa, as ordes; é vivir xuntos cada situación, permitindo que o neno responda en cada momento coas súas posibilidades e motivación.

IMG_1783

Condicións indispensables, ao noso xuízo  por parte do adulto son:

  • Sincero e profundo interese polo benestar da nena e do neno.
  • A aprendizaxe indirecta é a nosa responsabilidade- A nena e o neno aprende sempre, en calquera situación. Non podemos saber cales son as achegas da nosa intervención, o que si sabemos é que non lle é indiferente.

Por suposto, defender o dereito do neno a desenvolver a súa capacidade autonóma non está reñido coa aceptación de normas e límites. Afondaremos neste tema noutra ocasión…

 

Un outono cheo de sensacións

Inmersos xa no mes de outubro, unha das actividades que máis conectan coa escola e axudan a deixar atrás o período de adaptación é compartir experiencias.

É por iso que todos os anos aproveitamos estas datas para pedirvos que gocedes dun pequeno paseo coas vosas fillas e fillos na procura de elementos do entorno. Estes elementos da natureza que as nenas e nenos traen con tanta ilusión axúdannos a vestir a escola de outono, sentir e conectar cos cambios que se producen na natureza nesta época do ano.

Cesto dos tesouros de outono

Un xogo no que a actividade consiste na exploración de obxectos de uso cotiá ou neste caso, materiais da natureza (piñas, cabazas, follas,…), que estimulan e axudan no desenvolvemento dos cinco sentidos: ábreselles todo un novo horizonte cara o descubrimento do mundo que os rodea.
O cesto dos tesouros esperta a curiosidade pola diversidade de obxectos e o desexo de practicar a súa crecente habilidade de tomar posesión, polos seus propios medios, das cousas novas, atractivas e que están ao alcance da súa man.

IMG_6585

Mesa de experimentación

Inspirada na “mesa azul” de Paola Tonelli, xera experiencia manipulativa cos diversos materiais (follas, castañas, cocas, piñas, cabazas,…) que lle podemos incluír, promove o desenvolvemento expresivo, reforza a habilidade lóxico-matemática xa que nos permite experimentar cos obxectos, fomenta a observación e activa a imaxinación e a creatividade.

IMG_6244

 Trasvases

Dependendo da proposta, máis ou menos recipientes ou máis ou menos materiais, pode ser de maior ou menor complexidade.
A actividade principal é o trasvase dun recipiente a outro do material presentado. O que supón para as nenas e nenos investigar e experimentar con este tipo de accións: encher, baleirar, trasladar, volcar, esparcir, recoller,…
Neste caso, os materiais empregados son ofrecidos pola natureza (castañas, cocas e noces) e recollidos polos eles mesmos na nosa horta (millo e fabes).

DSCF9724

Instalacións

A proposta supón presentar a diversidade de materiais de xeito atractivo, provocador do asombro e que motive e estimule o xogo creativo.

IMG-20161011-WA0001

Na entrada do centro, podedes ver a variedade de elementos que fomos recollendo das vosas achegas para que pequenas e pequenos interactúen, experimenten, investiguen,… Animámosvos a que teñades na casa un pequeno recanto con estes “tesouros” para que as vosas fillas e fillos xoguen. Sorprenderavos o concentrados que poden chegar a estar manipulando castañas, follas, cocas,…

P1090126

Soamente nos queda mostrar as experiencias en imaxes:

 

Unha proposta pedagóxica para o grupo de bebés

Que é unha proposta pedagóxica?

Na orixe etimóloxica das dúas palabras temos a resposta:

  • Proposta: deriva do latín “proposita”, que pode traducirse como “posta cara adiante”.
  • Pedagóxica: emana do grego, da unión do substantivo “paidos” (neno) e o verbo “ago” (conduzo) e o sufixo “-ico” para indicar “relativo a”. Polo tanto, “relativo ao que ensina aos nenos” sería o seu significado.

A proposta pedagóxica é un documento que recolle a intencionalidade, o camiño do que ensina aos nenos, do profesorado.

O documento que presentamos para o grupo de bebés (0-1) parte do que se vén facendo desde o inicio da actividade do centro, no curso escolar 2013/14. É, ao noso parecer, un documento realista que deriva da propia práctica, da experiencia e das necesidades de nenas e nenos.

As decisións recollidas son colectivas, reflicten a realidade das nosas aulas; o punto de partida é o propio proxecto educativo do centro, é por iso que non é unha proposta estable, estará sempre en continuo proceso de revisión.

Por sorte a práctica e a formación continua devólvenos experiencia e a posibilidade de saír de zonas de confort non apropiadas para estas idades (propostas pouco apropiadas para os intereses e motivacións das nosas nenas e nenos), o que promove outras formas de facer cando as propias quedan obsoletas.

De moitos dos acordos recollidos neste documento xa temos falado con moitísimo máis detalle en entradas anteriores deste blogue, ás cales vos recomendamos acudir premendo no enlace: os beneficios de estar descalzos, do colo ou mecedora, de respectar o ritmo propio do desenvolvemento motor, da confianza nas súas posibilidades.

Temos falado tamén dos tempos de descanso e alimentación na escola e do desenvolvemento do xogo no primeiro ano de vida.

Queda moito por contar, todo o que acontece na escola infantil 0-3 ten unha intencionalidade educativa, que parte dunha reflexión previa e unha constante autoavaliación, ingredientes fundamentais para a “posta cara adiante”.