Arquivos mensuais: Xullo 2016

Auga e area

Xogar con auga e area non é só algo que nenas e nenos aman facer senón tamén unha actividade esencial para o seu desenvolvemento.

Non se precisan xoguetes especiais para xogar con auga e area. Esponxas, funís, cunchas, caixas, vasos de iogur,… son estupendos moldes para que nenas e nenos amplíen as súas habilidades manipuladoras. A coordinación man-ollo ao verter a auga ou area dun lado a outro, a experimentación lóxica cando observan que uns obxectos se mergullan e outros non, as cantidades, o peso, a temperatura,… Auga e area estimulan a creatividade, a concentración, as habilidades físicas, cognitivas e sociais.

En definitiva, xogar con area e auga ábrelles un mundo de posibilidades que provoca explorar, aprender cuestións básicas de causa-efecto e a resolver pequenos problemas, todas cuestións de gran importancia para o seu pensamento.

Xoguemos!

Grupos heteroxeneos. Enriquecer as interaccións entre iguais.

O debate sobre a división da escola por idades é vello; en principio, na nosa vida cotiá non nos separan por idades (no cine, na praia, na piscina, no teatro, no circo, no autobús, na oficina, no hospital,…).

Unha aula de idades diferentes é un ambiente máis natural e realista que o grupo convencional (todos da mesma idade).

Ao longo do curso, a escola promove diferentes situacións onde a interacción entre grandes e pequenos é posible: cando xogan no exterior, en momentos de acollida e recollida, co acompañamento lector do alumnado do IES San Paio, cando o grupo de maiores axuda no comedor de medianos e pequenos,.., pero é no grupo de nenas e nenos da tarde cando esta situación se converte en cotiá. Todos os días, en todo momento, maiores e pequenos interactúan.

collage-2016-07-26

Fóra da escola non nos separan por idade estamos xuntos pequenos e maiores, mozos e adultos, vellos e bebés, e todos precisamos da referencia dos demais para aprender.

A interacción das nenas e nenos, cando as idades son diferentes enriquece porque:

  • Se producen maiores oportunidades de avanzar ao su ritmo, segundo a súa personalidade e necesidades.

  • Están máis estimulados a aprender cando teñen referencias de nenas e nenos maiores.

  • A riqueza de experiencias aumenta (os maiores alentan as experiencias dos máis pequenos).

  • O xogo é máis rico e variado.

  • Os maiores convírtense en modelos de aprendizaxe para os máis pequenos.

  • Os maiores adquiren compromisos, complicidade co coidado dos máis pequenos.

Na escola valoramos a riqueza da interacción entre o noso alumnado, cremos que os agrupamentos mixtos son posibles e beneficiosos.

Para que poidades comprobar esta riqueza achegamos un pequeno resumo das actividades desenvolvidas polas nenas e nenos da tarde neste curso escolar:

 

Fonte: Elena Laiz Sasiain. ¿Tiene sentido dividir la escuela por edades? Ed. Graó.

Coidando vermes de seda

O coidado dos vermes de seda enche de experiencias “invisibles” (deixan pegadas na memoria de nenas e nenos): a observación do proceso biolóxico da metamorfose, a espera da eclosión dos ovos, o crecemento das larvas, a súa alimentación, limpeza, observación de como tecen o seu casulo ata marabillarse cos misterios da natureza cando deste sae unha “linda” bolboreta!

Neste vídeo podedes observar a capacidade de concentración, o mimo e entusiasmo que poñen no seu coidado:

Cada ano, o remate do seu ciclo coincide cos últimos días de escola. É por iso que solicitamos, unha vez máis, a colaboración das familias para vestir o noso corredoiro de coloridas bolboretas. Coma sempre, a resposta das pequenas e pequenos é magnífica, gozan ensinando a súa bolboreta, e disfrutan vendo un espazo da escola cheo de tanta cor: entre todos facemos o espazo máis alegre, con máis vida!