Un maio na escola infantil

Un dos obxectivos do noso proxecto educativo cita “promover a escola como axente cultural sobre a infancia e dinamizar actuacións cos diferentes axentes do contorno próximo”; tamén recolle como obxectivo “avanzar nunha actitude de escoita activa e respecto polas iniciativas, necesidades e intereses da nena e do neno”.

Con algunhas actividades que promovemos, ás veces temos dúbidas: merece realmente a pena? É do interese do noso alumnado? Cal é o obxectivo da proposta?,….

Con todas aquelas actividades que rachan a rutina diaria xorden estas dúbidas, porque se a actividade non é verdadeiramente significativa, podemos ter resultados contrarios aos desexados. Non cómpre pois, baixo estas premisas, promover actividades para festexar o Día da muller traballadora, nin o Día da auga, do neno, da Constitución,… e un longo etc. que poderiamos incluír no noso currículo.

Nas tradicións populares, coma o Magosto, o Nadal e o Entroido, atopamos significatividade en favorecer os vínculos coa comunidade educativa, vivir as tradicións e entender a escola como espazo de socialización e desenvolvemento cultural.

É por iso que cando recibimos a proposta do Concello para a elaboración dun Maio co gallo de recuperar a tradición na zona, pareceunos unha proposta interesante.

Un obradorio coas familias para a súa elaboración considerámolo o mellor enfoque. A estrutura dun Maio é suficientemente complexa para que as nosas nenas e nenos puideran participar activamente, o que a convertía nunha proposta atractiva e interesante contrariamente ás que supoñan para o noso alumnado excesivos tempos de espera: o que lles corresponde é disfrutalo!

A participación das familias ten moitas variantes, sempre é así, porque somos moitos, e a posibilidade de colaborar dunha ou doutra forma, axuda a que todos nos sintamos parte do proceso e do resultado. As achegas de material son fundamentais: fiúncho, xestas, musgo, cocas, flores, canas,… imprescindibles para a elaboración dun Maio. A colaboración directa no obradoiro, con achegas de ideas, elaboración dos adornos e a experiencia na elaboración dos nós foi fundamental!

E por último, pero non menos importante, é o que sen dúbida enche de significado o esforzo desenvolto por algúns: pararse, ver, comentar, falar, disfrutar do Maio na entrada e na saída do centro coas nosas fillas e fillos.

Podemos garantir que as nenas e nenos disfrutaron con todo o proceso, vendo ao longo da semana como se enchía a entrada de flores para o Maio, cantando unha e outra vez a copla inventada, e coa sorpresa de velo e saír a cantarlle. Moitos nenos e nenas do grupo de maiores dicían que na entrada había unha árbore de Nadal! Resultounos moi gracioso pero sobre todo dounos a satisfacción de saber que se acordaban do obradoiro de Nadal cando fixeramos moitas árbores con material de refugallo coa colaboración das familias da escola. E é que o traballo compartido coa comunidade devólvenos experiencias que enchen de lembranzas a memoria das nosas pequenas e pequenos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará