O tempo de descanso na escola infantil

Ao igual que a alimentación, durmir é vital para o ser humano, física, psíquica e emocionalmente.

Todo sabemos que cando o bebé descansa, está de mellor humor, con máis enerxía, pero tamén mellora o seu sistema inmunitario, é máis creativo e aprende mellor! Estudos neurocientíficos sinalan que durante o sono consolidamos as aprendizaxes, sobre todo as que se dan antes de durmir.

Ás veces o ritmo de vida familiar non permite o descanso axeitado a nenas e nenos (vida laboral das familias, actividades sociais, enfermidades,…). A falta de sono pode comportar problemas a curto e longo prazo porque actuamos en contra da nosa bioloxía (obesidade, falta de atención, dificultade para razoar, problemas na adquisición da linguaxe, falta de enerxía, irritabilidade, estrés, enfermidades cardiovasculares,…). Somos o único animal que dorme menos do que precisa voluntariamente.

No caso dos bebés, necesitan o calor e o contacto directo da figura de apego para sentirse seguros. Non poden durmir coma os adultos porque teñen fases e espetares diferentes. A única forma de garantir un sono tranquilo é coidar que o momento de ir durmir sexa relaxado para a nena ou neno.

Como favorecemos o clima relaxado na escola á hora do descanso?

 Como xa vos contamos nunha entrada anterior, mecer e arrolar supón para nós unha estratexia necesaria e moi beneficiosa para calmar aos máis pequenos. Unha vez que se establece o vínculo co adulto de referencia, a necesidade de arrolos para durmir vai disminuíndo e a dinámica adquire maior autonomía.

Na aula de bebés decidimos retirar os berces. Os que contan con barrotes dan seguridade ao adulto pero non independencia aos pequenos, posto que no caso de espertar, necesitan dun adulto que se achegue a sacalo de onde está.

Colocar camas baixas, a carón do chan, é un opción que valoramos máis aconsellable: cos primeiros gatexos poden subir e baixar da cama, tanto para ir durmir como para deixar de facelo.

Na aula de bebés o sono é a demanda polo que non dormen ao mesmo tempo; para o grupo de medianos e maiores, aínda que se respecta a necesidade puntual de sono antes de comer, a sesta faise despois de xantar.

No grupo de medianos, a caixa decorada pola familia ao inicio de curso coa súa foto, e que recollen do seu casilleiro antes de durmir e volven colocar cando espertan, é un valioso elemento na rutina do descanso. A caixa garda a roupa, algún obxecto da casa, permítelles transportar as súas pertenzas sen que lles caia, ir buscala indícalles que é o momento do descanso.

A música relaxante, o ton baixo das educadoras e un ritmo de traballo máis pausado, o cambio de cueiro, colocar a roupa a carón da cama, identificar a cama pola foto ou pola manta, coller o chupete, o obxecto de apego os que o precisan,… son elementos que constitúen e identifican o ambiente relaxado que as nenas e nenos precisan para durmir.

Aínda que nos quedou un pouco longo, animámosvos a ver o seguinte vídeo que resume o momento de descanso na nosa escola infantil, que tan máxicos momentos nos permite compartir!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará