Xardín dos sons

Observar para atinar.

Xa vos temos contado en entradas anteriores a importancia de repensar os espazos para satisfacer as necesidades das nenas e nenos.

Nesta ocasión, queremos compartir unha nova proposta que levamos á práctica recentemente no patio da escola.

Temos a sorte de contar cunha magnífica zona exterior, o que nos leva a miúdo a reflexionar para buscarlle o maior número de posibilidades de aprendizaxe para as pequenas e pequenos.

Terminanos o curso anterior cun novo proxecto relacionado coas zonas exteriores da escola; a idea principal era involucrar a toda a comunidade educativa para enriquecer as propostas de xogo no xardín da escola. E comezamos o curso co forte compromiso de desenvolver, senón todas, gran parte das ideas plasmadas no citado proxecto.

Xa no primeiro trimestre construímos unha cociña de palés. Foi relativamente fácil: unha compañeira cedeu os palés que tiña na casa, outra conseguiu un fregadoiro, outras achegaron as ferramentas e a fundamental man de obra.

O resultado foi realmente satisfactorio: a acollida das nenas e nenos ao novo elemento do patio non decepcionou. Menos mal que xa tiñamos un nutrido repertorio de utensilios de cociña para colmar plenamente as necesidades de xogo simbólico que manifestaron.

Entre o material dispoñible atópanse: potas, tixolas, culleres e garfos de madeira, escumadeiras,…; espontaneamente varias nenas e nenos comezaron a poñer as potas boca abaixo e golpealas coas culleres e as escumadeiras, como se dunha batería se tratara. O xogo observamos que día a día se facía máis popular, polo que consideramos necesario habilitar unha zona do patio para a experimentación musical. E desta maneira naceu “O xardín dos sons”.

O xardín dos sons ou cotiáfono

Froito da observación dos intereses das nenas e nenos xorde pois o recanto para facer música no noso patio exterior.

Cotiá” é un adxectivo que fai referencia a algo diario, habitual ou frecuente. Os materiais que conforman a idea son de uso coñecido para o noso alumnado.

O sufixo -fono, indica “son, voz”. Estimúlase e provócase coa colocación destes materiais cotiáns.

Desde o primeiro momento a proposta foi ben recibida polas nenas e nenos, investigando, experimentando e sobre todo gozando da súa propia produción sonora.

É moi probable que o noso xardín dos sons ou cotiáfono medre, todo dependerá do que vaiamos observando nas nosas crianzas. De momento, as observacións que facemos devólvennos confianza; confianza para seguir o camiño que as propias nenas e nenos nos marcan.


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará