Arquivos diarios: 21 Marzo, 2016

Garabateando!

O período comprendido entre os dous e seis anos está dominado pola función simbólica, cuxas manifestacións principais son o debuxo, o xogo e a linguaxe verbal. As tres atópanse íntimamente relacionadas e son xustamente a base sobre a que se desenvolverá a experiencia artística.

É por tanto a expresión plástica un dos camiños que empregan as nenas e nenos para comunicarse co seu entorno, e o medio de expresión plástica máis habitual é o debuxo. E nestas idades unha ferramenta estupenda para que expresen as súas emocións e sentimentos.

Nesta etapa á nena e ao neno non lles importan as cores, nin o material que empregan, simplemente gozan debuxando, independientemente de cal sexa o resultado.

Na escola ofrecemos unha ampla gama de materiais e texturas para que experiementen: pintura de dedos, ceras, tizas, rotuladores, esponxas, pinceis, …e que non falten as propias mans!

A actividade é libre, todas as nenas e nenos sen excepción son capaces de expresarse a través da plástica. A intervención do adulto é un obstáculo para o desenvolvemento da creatividade, a súa función principal será garantir as condicións para que as nenas e nenos podan disfrutar plentamente da actividade, ao seu ritmo e interese.

O primeiro rexistro permante de expresión plástica toma forma de garabato a partir dos 18 meses. O garabato non ten intención representativa. Son estruturas liniais que amosan as variacións de tensión muscular que está atravesando o neno e que non requiren de control visual. Esta etapa do garabateo ten o seguinte percorrido:

Garabateo desordenado. Non ten ningunha finalidade representativa. Son trazos largos, sen sentido nin orden, puramente xestuais, como xogo, que xeralmente dan lugar a dous tipos de garabatos: lonxitudinais e circulares. A nena e neno non ten control visual.

Garabateo controlado. Máis tarde a nena e neno adquiren maior coordinación viso-motora e goza practicándoa. O neno non pretende debuxar nada en concreto, é capaz de copiar un círculo, pero non un cadrado, e comeza o seu interese polo uso das cores.

Desde a escola intentamos favorecer este medio de expresión tan importante para pequenas e pequenos co principio fundamental de gozar da actividade en si mesma, porque como xa temos dito en numerosas ocasións: todo aquilo que provoca emocións se aprende!

Deixamos unha secuencia de fotos destes momentos de creatividade na nosa escola: