Tarefas cotiás: limpar.

No deseño de propostas para as nosas nenas e nenos intentamos planificar actividades significativas para elas e eles, e vimos observando que as que lles resultan máis gratificantes son as que supón a colaboración e axuda para o coidado dun mesmo (quitar roupa, colgar mandilón, botar babeiros a lavar,..), do outro ( desabotonar mandilón, soar os mocos, repartir o pan,..) e das cousas que lle rodean (poñer os manteis, poñer a lavadora, limpar,..).
Entendemos no seo do equipo educativo, que implicar ás nenas e nenos nas tarefas cotiás é brindalos de responsabilidade compartida, motivación e satisfacción por axudar.
Na actualidade, o grupo de maiores colabora poñendo a mesa, a lavadora, recollendo e limpando o comedor e a propia aula despois dalgunhas das actividades que se fan diariamente. A atención e concentración neste tipo de actividades é fantástica.


Son moitas as razóns que nos empuxan a seguir demandando está participación das pequenas e pequenos no desenvolvemento das tarefas domésticas:
.- Aprenden a necesidade de facer as cousas (poño a lavadora para ter babeiros limpos, limpo a mesa para poder seguir xogando,…).
.- Son actividades sensoriais, todos os sentidos interveñen no desenvolvemento da actividade.
.- Favorécese a capacidade de atención e concentración.
.- Aumentan as destrezas no desenvolvemento das accións necesarias.
.- Adquiren confianza en si mesmos e satisfacción polo traballo desenvolvido.
.- O rol dos adultos de referencia é de ambos xénero polo que é visible para pequenas e pequenos que tanto homes como mulleres poden desenvolver as tarefas domésticas.
Todo son vantaxes, un xogo para as nenas e nenos!

Convidámosvos a favorecer esta colaboración na casa. Sorprenderavos a gran disposición para axudar que teñen, aproveitémola para facelos cómplices e orgullosos de participar do traballo en familia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará