Arquivos diarios: 15 Febreiro, 2016

Transición ao segundo ciclo de educación infantil.

Achegándose o período de solicitude de praza para a escolarización das vosas fillas e fillos no segundo ciclo de educación infantil, consideramos importante que teñades en conta varios aspectos á hora de escoller o novo centro educativo:

Proxecto educativo. Os principios educativos do centro reflicten a educación que nenas e nenos reciben: como se entende o proceso de adaptación á escola infantil (na nosa escola chamámoslle proceso de familiarización), a participación das familias da vida da escola, a metodoloxía de traballo (metodoloxías activas que fomenten a creatividade das nenas e nenos, a curiosidade, as competencias sociais, que respecten os ritmos de aprendizaxe e non teñan especial empeño en adiantar etapas sobre todo en materia de lectoescritura…).
O comedor. En realidade formaría parte do proxecto educativo pero pola súa especial relevancia facemos especial fincapé neste tema. Una alimentación saudable é fundamental para o bo desenvolvemento de nenas e nenos polo que para todas as familias que precisan deixar as súas fillas e fillos no comedor escolar valoramos que a mellor das opcións é a cociña propia (faise a comida na cociña do propio centro). Tamén apostamos porque sempre que sexa posible as nenas e nenos coman na casa, no seu entorno familiar.
Distancia casa-escola. A posibilidade de que as nenas e nenos podan ir andando ao cole é un aspecto a ter en conta, co tempo cando sexan máis maiores poderán ir sós, autonomía que lles virá moi ben para a súa madurez e adquisición de responsabilidades, evitar madrugóns innecesarios ou percorridos de gran distancia en autobús que se sumarán ás actividaes extraescolares e as tarefas escolares para casa (os deberes).
O ambiente educativo. Que tamén formaría parte do proxecto educativo pero consideramos de especial relevancia. Nenas e nenos pasan moito tempo na escola, algúns demasiado, polo que é necesario que o ambiente que lles rodea sexa agradable, luminoso, amplo, con posibilidade de xogo no exterior, con aulas distribuídas por recantos ou talleres, a ratio de alumnado, o número de profesorado, o profesorado especialista, os tempos de descanso,…
Si! son moitas as cuestións a ter en conta á hora de escoller a futura escola, na nosa opinión precisa de reflexión, son moitas horas ao día, durante moitos anos, e é moita a pegada que a educación deixa en nenas e nenos. Para as familias que estades neste proceso recuperamos este vídeo do primeiro ano de andaina da escola (moitas sodes a nosa primeira promoción!), Con el quixemos trasladarvos a nosa filosofía de infancia e a nosa maneira de ver a educación:


Agardamos de todo corazón que levedes a idea dunha boa elección cando decidichedes matricular as vosas fillas e fillos no noso centro.
Pola nosa banda, tamén estamos en tempo de acoller ás novas familias (estéticamente mellorable pero por causas acheas á nosa vontade), polo que tamén estes recordos nos axudan como carta de presentación.