Arquivos mensuais: Febreiro 2016

Tarefas cotiás: limpar.

No deseño de propostas para as nosas nenas e nenos intentamos planificar actividades significativas para elas e eles, e vimos observando que as que lles resultan máis gratificantes son as que supón a colaboración e axuda para o coidado dun mesmo (quitar roupa, colgar mandilón, botar babeiros a lavar,..), do outro ( desabotonar mandilón, soar os mocos, repartir o pan,..) e das cousas que lle rodean (poñer os manteis, poñer a lavadora, limpar,..).
Entendemos no seo do equipo educativo, que implicar ás nenas e nenos nas tarefas cotiás é brindalos de responsabilidade compartida, motivación e satisfacción por axudar.
Na actualidade, o grupo de maiores colabora poñendo a mesa, a lavadora, recollendo e limpando o comedor e a propia aula despois dalgunhas das actividades que se fan diariamente. A atención e concentración neste tipo de actividades é fantástica.


Son moitas as razóns que nos empuxan a seguir demandando está participación das pequenas e pequenos no desenvolvemento das tarefas domésticas:
.- Aprenden a necesidade de facer as cousas (poño a lavadora para ter babeiros limpos, limpo a mesa para poder seguir xogando,…).
.- Son actividades sensoriais, todos os sentidos interveñen no desenvolvemento da actividade.
.- Favorécese a capacidade de atención e concentración.
.- Aumentan as destrezas no desenvolvemento das accións necesarias.
.- Adquiren confianza en si mesmos e satisfacción polo traballo desenvolvido.
.- O rol dos adultos de referencia é de ambos xénero polo que é visible para pequenas e pequenos que tanto homes como mulleres poden desenvolver as tarefas domésticas.
Todo son vantaxes, un xogo para as nenas e nenos!

Convidámosvos a favorecer esta colaboración na casa. Sorprenderavos a gran disposición para axudar que teñen, aproveitémola para facelos cómplices e orgullosos de participar do traballo en familia.

A saúde infantil, unha prioridade para a comunidade escolar.

Este mes de febreiro estamos a desenvolver na escola varias charlas de saúde con diversos especialistas para un maior coñecemento de aspectos da saúde de pequenas e pequenos escolarizados na escola infantil.

FISIOTERAPIA RESPIRATORIA.

Na charla de fisioterapia respiratoria contáronnos que unha sesión de fisioterapia respiratoria con bebés, baséase fundamentalmente no drenaxe e reeducación ventilatoria. O tratamento fisioterápico consiste na hixiene das vías altas, na movilización dos fluxos aéreos inspiratorios e espiratorios para arrastrar e mover o moco e a tose provocada para expulsar a secreción. Esta terapia é complementaria ás prescricións médicas, sempre será preciso valorar co pediatra o estado de saúde da pequena ou pequeno. IMG_2386 Na escola, como non pode ser de outro xeito, favorecemos a hixiene da nariz e incentivamos a autonomía na limpeza nasal, coincidimos coa fisioterapeuta que sempre a través do xogo: IMG_0492DSCF6824

 

 

 

 

 

E por que non, contando coa axuda dos máis voluntariosos! IMG_0449DSCF6612             ————————————————————-

 

SAÚDE INFANTIL.

Un ano máis tivemos a oportunidade de contar cunha das pediatras do Centro de Saúde de Tui para o desenvolvemento dunha charla sobre saúde infantil. Un dos aspectos máis sinalado pola facultativa é a importancia do lavado de mans para previr o contaxio e a transmisión das enfermidades. Como a adquisición deste hábito nos parece un aspecto relevante no día a día da nosa escola, compartimos un pequeno vídeo de como se desenvolve esta rutina e cuan divertida pode chegar a ser:

Deixamos tamén o enlace á Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria por atoparse nesta web multitude de consellos para as familias de como actuar en caso de tose, febre, catarro, convulsión,…:

http://www.aepap.org/

É unha sorte contar con profesionais implicados que nos axuden a coñecer á infancia e mellorar conxuntamente a educación das nosas fillas e fillos. IMG_2476

Transición ao segundo ciclo de educación infantil.

Achegándose o período de solicitude de praza para a escolarización das vosas fillas e fillos no segundo ciclo de educación infantil, consideramos importante que teñades en conta varios aspectos á hora de escoller o novo centro educativo:

Proxecto educativo. Os principios educativos do centro reflicten a educación que nenas e nenos reciben: como se entende o proceso de adaptación á escola infantil (na nosa escola chamámoslle proceso de familiarización), a participación das familias da vida da escola, a metodoloxía de traballo (metodoloxías activas que fomenten a creatividade das nenas e nenos, a curiosidade, as competencias sociais, que respecten os ritmos de aprendizaxe e non teñan especial empeño en adiantar etapas sobre todo en materia de lectoescritura…).
O comedor. En realidade formaría parte do proxecto educativo pero pola súa especial relevancia facemos especial fincapé neste tema. Una alimentación saudable é fundamental para o bo desenvolvemento de nenas e nenos polo que para todas as familias que precisan deixar as súas fillas e fillos no comedor escolar valoramos que a mellor das opcións é a cociña propia (faise a comida na cociña do propio centro). Tamén apostamos porque sempre que sexa posible as nenas e nenos coman na casa, no seu entorno familiar.
Distancia casa-escola. A posibilidade de que as nenas e nenos podan ir andando ao cole é un aspecto a ter en conta, co tempo cando sexan máis maiores poderán ir sós, autonomía que lles virá moi ben para a súa madurez e adquisición de responsabilidades, evitar madrugóns innecesarios ou percorridos de gran distancia en autobús que se sumarán ás actividaes extraescolares e as tarefas escolares para casa (os deberes).
O ambiente educativo. Que tamén formaría parte do proxecto educativo pero consideramos de especial relevancia. Nenas e nenos pasan moito tempo na escola, algúns demasiado, polo que é necesario que o ambiente que lles rodea sexa agradable, luminoso, amplo, con posibilidade de xogo no exterior, con aulas distribuídas por recantos ou talleres, a ratio de alumnado, o número de profesorado, o profesorado especialista, os tempos de descanso,…
Si! son moitas as cuestións a ter en conta á hora de escoller a futura escola, na nosa opinión precisa de reflexión, son moitas horas ao día, durante moitos anos, e é moita a pegada que a educación deixa en nenas e nenos. Para as familias que estades neste proceso recuperamos este vídeo do primeiro ano de andaina da escola (moitas sodes a nosa primeira promoción!), Con el quixemos trasladarvos a nosa filosofía de infancia e a nosa maneira de ver a educación:


Agardamos de todo corazón que levedes a idea dunha boa elección cando decidichedes matricular as vosas fillas e fillos no noso centro.
Pola nosa banda, tamén estamos en tempo de acoller ás novas familias (estéticamente mellorable pero por causas acheas á nosa vontade), polo que tamén estes recordos nos axudan como carta de presentación.

Alimentos saudables para a media mañá.

Coñecedores da importancia dunha alimentación san e saudable, na nosa escola favorecemos que pequenas e pequenos adquiran unha actitude positiva cara este tipo de alimentos.
En breve comezaremos a traballar na nosa horta e a final do curso, cando brotan as sementes nenas e nenos gozarán recollendo os alimentos, comerémolos na clase ou levarémolos para casa.
Outra proposta son os alimentos que ofrecemos no almorzo de media mañá, ” a parva” é unha parada para repor enerxías. A froita de tempada é o seu compoñente principal, e no grupo de maiores combinámola con obradoiros de cociña, que lles serve para coñecer de primeira man a elaboración de certos alimentos pero tamén son excelentes propostas de experimentación (peso, texturas, cantidades,…), que se traducen en oportunidades de aprendizaxe para nenas e nenos, porque comer sempre debe ser un pracer!

Compartimos neste enlace algúns destes momentos: