Para vivir ben o xardín, fai falta pensar, organizar, articular e equipar o espazo exterior como sa fai con espazo interior. O espazo exterior é un sitio privilexiado”Penny Ritscher
Compartimos convosco un proxecto da zona exterior que temos previsto desenvolver coa axuda de todos os axentes educativos do contorno. O documento que vos presentamos recolle as ideas, reflexións e acordos do equipo de traballo da Escola Infantil de Tui e ten como obxecto transformar a zona exterior para potenciar todos os seus recursos e mellorar as posibilidades de xogo das nenas e nenos.
En base ao noso crecente interese por fomentar a vida da escola no patio exterior pensamos que son moitos os argumentos que avalan a nosa proposta pedagóxica:
Estudos recentes conclúen que despois da actividade física no exterior as nenas e nenos teñen períodos de maior concentración.
As nenas e nenos que xogan con regularidade ao aire libre desenvolven máis as súas habilidades motoras de coordinación, equilibrio e axilidade.
A maior tempo ao aire libre, máis rico, imaxinativo, creativo e variado é o xogo, o que favorece a adquisición da linguaxe e as habilidades de cooperación.
O contacto directo coa natureza aumenta a capacidade de observación e concentración, de asombro.
As nenas e nenos que xogan ao aire libre teñen unha mellor percepción de si mesmos, e desenvolven maior grao de autonomía e independencia.
Os espazos naturais estimulan a interacción social entre as pequenas e pequenos.
En definitiva, xogar fóra estimula as capacidades infantís moito máis que os espazos pechados; o contacto cotiá coa natureza favorece que as nenas e nenos medren sans e felices. Todos estes motivos son argumentos de moito peso para poñer todo o noso empeño programático para que a vida no exterior sexa unha realidade, unha experiencia vital.