Arquivos mensuais: Outubro 2015

Conectándonos coa natureza: o outono

Inmersos xa no mes de outubro, unha das actividades que máis conectan coa escola e axudan a deixar atrás o período de adaptación, é compartir experiencias.

É por iso que todos os anos, aproveitamos estas datas para pedirvos que gocedes dun pequeno paseo coas vosas fillas e fillos na procura de elementos do entorno. Estes elementos da natureza que as nenas e nenos traen con tanta ilusión axúdannos a vestir a escola de outono, sentir e conectar cos cambios que se producen na natureza nesta época do ano.

IMG_20151006_153614

Na entrada do centro, podedes ver a variedade de elementos que fomos recollendo das vosas achegas para que pequenas e pequenos interactúen, experimenten, investiguen… animámosvos a que teñades na casa un pequeno recanto con estes “tesouros” para que as vosas fillas e fillos xoguen. Sorprenderavos o concentrados que poden chegar a estar manipulando castañas, follas, cocas,…

A alegría edúcase

A alegría é unha emoción contaxiosa, é un piar clave para as situacións de grupo, para a súa conexión e encontro.

É por iso, que desde a escola valoramos, a alegría, como parte da nosa vida cotiá, é unha opción consciente do equipo educativo. Xa o dicía Loris Malaguzzi “ sen alegría non se pode educar”.

Como facelo?

Creando momentos de gozo e pracer cotiá; apertas, contos, miradas, complicidade, e xogo, moito moitísimo xogo! Estamos convencidos que vivenciar os pequenos detalles con consciencia e alegría promove nenas e nenos cunha imaxe positiva e segura de si mesmos.

 IMG_20150923_094458920