Arquivos mensuais: Setembro 2015

Descalzos?…Si!

O estímulo sensorial dos bebés a través dos pés descalzos é un factor de maduración, de desenvolvemento propioceptivo (sistema mediante o cal o cerebro recibe a información sobre a posición e o movemento das partes do corpo entre si e en relación á súa base de soporte) e de desenvolvemento intelectual.

IMG_20150929_100401

Os pés do recén nado teñen unha sensibilidade táctil exteroceptiva (sensacións provocadas por estímulos externos, captan estímulos como a luz, o son, calor, presión, etc) moito máis fina que as das mans que manteñen case ata os oito ou nove meses. Durante os primeiros meses empregan os pés para informarse do mundo exterior, tocan todo aquelo que teñen ao seu alcance, manipúlaos coas súas mans e lévaos á boca, onde hai unha gran cantidade de terminacións sensitivas. A partir desta idade, o pé, de forma gradual, perde este tipo de sensibilidade e comeza outra máis profunda: a sensibilidade propioceptiva (esta información é moi precisa sobre os movementos rápidos e contribúe a manter o ton muscular, desencadeando a maior parte dos reflexos que manteñen o equilibrio, sendo de vital importancia na coordinación do movemento). Antes de que o neno comece a camiñar precisa a información que recibe da planta do pé, que conta con dous tipo de receptores (terminacións nerviosas especializadas): os somatoestéticos ou profundos e os receptores sensitivos superficiais.

DSCF9606

O calzado non só non é necesario para aprender a camiñar senón que é un erro que o neno o faga con zapatos xa que o pé debera estar en contacto con superficies irregulares co obxectivo de estimular as sensacións cinestésicas (sensación ou percepción do movemento, permiten percibir o que temos ao noso redor) e os reflexos posturais. O calzado para gatexo tampouco ten xustificación xa que sabemos que o roce do dedo polgar do pé co chan activa o reflexo de gatexo.

20150625_102009

Fonte: Milagros Valiente Martínez. Neuroeducación y modelos de crianza. Blog: Escuela con cerebro.

Oler a nai

 

Moita é a literatura que fala do período de adaptación; desde unha perspectiva de familiarización á escola infantil (temos como obxectivo que pequenas e pequenos se familiaricen co espazo, cos materiais, cos novos adultos que os rodean) confiamos na importancia de que nenas e nenos compartan e sintan a presenza da súa nai ou pai na escola infantil nestes primeiros días.

É a nai quen dá seguridade ás súas primeiras experiencias, a que reforza o seu comportamento, a que dá seguridade para o reto que supón a exploración do mundo. A entrada na escola infantil é unha primeira conquista dun mundo alleo á familia, que require de tempo e sensibilidade ás emocións que produce o cambio da vida familiar á vida na escola.

É por iso que nos gusta moito a idea de “ulir a nai” na escola infantil, que nenas e nenos sintan a presenza das súas familias na aula. Isto permite ás crianzas conquistar os espazos; a nova situación sen ansiedade permite compartir experiencias para contalas, revivilas, volvelas soñar na casa, cando xa non se está na escola e imaxinan, xunto a súa nai e o seu pai, as vindeiras experiencias no centro (mañá volveremos á escola, poderás xogar no patio con ese camión que tanto che gustou, ou quizás prefiras ir ao areeiro e facer un castelo,…).

1 (19)

Por outra banda, somos conscientes que esta proposta de permanencia na aula por parte da familia xera moitas dúbidas. En primeiro lugar, por unha cuestión de tempo: a vida laboral é unha prioridade para a nosa sociedade actual, e por outra, a sensación que teñen os familiares, trasladada en numerosas ocasións, de que a súa presenza é un atraso para a nena e neno, que o único que conseguen é que non xoguen porque se pegan ás súas saias.

Ao primeiro punto temos que dicir que, sendo moi sensibles ás necesidades e ás obrigas laborais, a incorporación á escola infantil non é unha sorpresa nin algo novidoso, é un procedemento moi estendido na incorporación á escola de pequenas e pequenos; sendo así, cando se toma a decisión de incorporar ao neno á escola, esta vén asociada á busca de solucións para os primeiros días mentres a nena e neno establece os vínculos afectivos necesarios para quedar tranquilo con outras persoas.

En relación á inseguridade de quedar na aula coa nena e neno, debemos ser conscientes da individualidade de cada proceso de adaptación. Se os pais con máis dun fillo sempre comentan a diferenza de caracteres entre eles, é lóxico pensar que en aulas de 8, 13 e 20 nenas e nenos as primeiras reaccións, interaccións cos iguais e experiencias teñan uns tempos e ritmos diferentes, segundo as necesidades de cada nena e neno que se adapta. Non existen receitas máxicas máis que a de respectar o ritmo de cada pequeno e confiar; todas as nenas e nenos nun ambiente seguro e de confianza queren xogar. A vosa presenza dálles a seguridade que necesitan a eles, a nós e a vós, que cando xa non teñades que quedar saberedes a realidade da vida da escola, da vida das vosas fillas e fillos na aula. A todas luces parécenos unha gran oportunidade, sexamos quen de poder aproveitala!

Fonte: Gómez Mayorga, Cristóbal  ” La conquista de la clase. El período de adaptación en la escuela infantil”. Infancia nº131, Marzo-Abril 2003.
Deixamos imaxes destes primeiros días na escola no seguinte enlace:

Enerxías renovadas

O verán danos tempo para descansar, estar coa familia e persoas achegadas, coñecer novos lugares, e tamén nos queda tempo para novas lecturas, reflexións e novos propósitos para un novo curso escolar.

O ano pasado deixámonos seducir pola lectura de Catherine L`Ecuyer “ Educar en el asombro, que nos devolveu a mirada das nenas e nenos cara aos pequenos detalles, e o tipo de educación que profesionais e familias estamos dando á infancia, e de Francisco MoraNeuroeducación onde descubrimos a importancia da emoción para o aprendizaxe: “ nada se pode chegar a coñecer máis que aquelo que se ama, que aquelo que nos di algo”.

DSCF8867

Este verán deixámonos fascinar polas ideas de Augusto Cury: “Padres brillantes, maestros fascinantes”. Somos os adultos conscientes do perxudicial do exceso de televisión, teléfono, tablets, … para as nenas e nenos, que para funcionar se acostuman a ter unha enorme cantidade de estímulos, e terminan facéndose dependentes do exceso deles? Como evitalo? Disminuíndo o tempo fronte ao televisor e outros dispositivos electrónicos e posibilitando experiencias reais.

Catherine L`Ecuyer, “Educar en la realidad”, volveunos enganchar coas súas mensaxes cheas de sentido común. Conta a autora:

“ Unha viñeta dun humorista gráfico describe un pai subindo á montaña cos seus dous fillos. Dilles: -Mirade, fillos meus, que posta de sol tan bonita-, ao que os seus fillos responden, -Papá, dúas horas camiñando para ver un fondo de pantalla!-. Hoxe, as nosas fillas e fillos poden padecer déficit de realidade e isto repercute na súa aprendizaxe.

Afianzan estas lecturas a nosa idea de escola: unha escola que busca o benestar da nena e do neno, e atópao nos coidados, nas relacións de respecto e afecto, na autonomía e na capacidade de asombro de pequenas e pequenos.