Arquivos mensuais: Xullo 2015

Contos cantados por Susa Herrera

 

O pasado venres recibimos unha visita moi especial, Susa Herrera (pedagoga musical e autora, entre outras, da canción do Polo Pepe). Da súa voz descubrimos que os contos tamén se cantan!

Nenas, nenos e profesorado gozamos dun espectáculo que combinou palabra, música e movemento.

DSCF9704

Nun ambiente divertido sorprendeunos a todas e todos coa súa peculiar maneira de presentar aos distintos animais que podemos atopar no seu traballo:

ANIMAIS ENCANTADORES“.

Premendo sobre o nome da artista podedes acceder á súa web e ver toda a súa obra.
Nos seguintes enlaces podedes ver e escoitar alguns dos contos e
cancións que nos ensinou.

O CANGREXO

O PONNY

O GATO

O POLO PEPE

So nos queda agradecer a Susa Herrera a súa visita e o bo rato que nos fixo pasar. Agardamos vela pronto!

Outros espazos na escola infantil

DSCN7389Parece que na escola o lugar destinado para as nenas e nenos debe ser a aula; no noso centro valoramos necesario aproveitar todos os espazos para estar neles, incluso os que a priori se poden considerar sitios de paso (a entrada e o corredor).

A idDSCN7334ea é ben sinxela: presentar algunha proposta aproveitando o espazo libre do corredor que resulte atractiva e chame a atención de pequenas e pequenos, e tamén dos familiares que os acompañan. Estes espazos altérnanse: algunhas veces a actividade prepárase no chan, outras veces, polas paredes e noutras ocasións, no teito.

As propostas poden ser para un día concreto ou poden permanecer no espazo durante un tempo considerable. Cubrir o corredor con follas secas de diferentes tonalidades (ademais do impacto visual aínda podemos ulir o cheiro a outono), camiño sensorial, papel triturado, contos no teito, paraugas, papaventos, barcos de papel, fotos,…; propostas suficientemente interesantes como para provocar este tipo de reaccións:

O entusiasmo, sentimento intenso de exaltación do ánimo. É considerada unha das emocións máis positivas xa que non só se relaciona coa sensación de pracer ou de estar a gusto, senón que tamén se vincula coa idea de sentirse incentivado, interesado, comprometido con algo para levalo a cabo da mellor maneira posible.

A alegría, sentimento de pracer. É unha emoción positiva e agradable para calquera persoa que a observe. A maioría das veces, maniféstase cunha boa cantidade de enerxía e tendencia cara unha actitude construtiva.

O asombro, impresión no ánimo. É un estado ou sentimento que ten como denominador común da súa aparición o desenvolvemento dun evento que non se esperaba, que non estaba previsto.

Por que falamos das emocións? Porque con esta proposta o que buscamos é provocar emocións posto que compartimos a idea, xa moi difundida, de que todo aquelo que conduce á adquisición de coñecemento require da emoción. É unha das premisas da neuroeducación: “non hai razón sen emoción”.DSCN4077

Estas emocións son recíprocas, os profesionais proxectamos con entusiamo e alegría as propostas que imos levar a cabo neste espazo da escola, no corredoiro, e en cada unha delas non deixamos de asombrarnos e sorprendernos das respostas de nenas e nenos.

Compartindo unha idea de escola

Rematando o curso, e considerando fundamental para unha acción educativa de calidade, a participación das familias na escola, a cal non se pode dar sen dispoñer da suficiente información, mantivemos unha xuntanza para compartir con elas os sinais de identidade da escola.

Liñas do traballo desenvolvido ao longo do curso coas súas fillas e fillos e que precisan todas elas dunha estreita relación bidireccional entre a escola e a casa.

A través de diferentes secuencias de vídeos e imaxes intentamos compartir coas familias estas ideas:

O coidado. A procura dos profesionais polo benestar da nena e do neno é a súa tarefa principal: atender ás necesidades de alimentación, descanso, hixiene e xogo, partindo dun ambiente seguro, e o establecemento dos vínculos de apego necesario coas nenas e nenos. É preciso facer fincapé neste aspecto: o coidado prográmase, todo ten unha intencionalidade, como cambiar o cueiro, o ambiente na hora de descanso, os utensilios á hora de comer, o xogo libre,…

A autonomía. É a nosa intención procurar, na medida das capacidades e intereses das nenas e nenos, a posibilidade de facer as cousas por un mesmo, cunha premisa moi importante: o respecto pola toma de decisións. É fundamental que nenas e nenos teñan a oportunidade de decidir entre un ou outro material, entre este ou aquel espazo, entre poñer só os zapatos ou pedir axuda,…

A relación coas familias e a comunidade. A alta participación, colaboración e comunicación coas familias son uns factores que enriquecen o noso proxecto educativo, que permiten unha estreita relación en beneficio de nenas e nenos. O aproveitamento dos recursos profesionais do entorno (charlas do Servizo de saúde, sesións de música do grupo de pandeiretas do Centro Cívico, alumnado do Instituto, visita á biblioteca,…) ten un gran valor para o noso proxecto de escola.

Os profesionais. O rol do educador é atender as necesidades das nenas e nenos a través da escoita activa e da observación, polo que a procura do benestar das crianzas, ambientes de xogo ricos e variados, materiais diversos e motivadores,…, serán as dinámicas de traballo dos adultos que acompañan a pequenas e pequenos.

Como a nosa mirada é crítica, como intentamos avaliar e avaliarnos, somos conscientes de que nos equivocamos e por iso a nosa tarefa é imperfecta, con erros propios (unha proposta de xogo que non motiva a nenas e nenos, un conto pouco atractivo, un material que provoca pouco interese,…), e noutras ocasións, motivados polas circunstancias.

As familias coas que ata o de agora compartimos a educación das súas fillas e fillos deben ser testemuño da nosa realidade cotiá.