Arquivos mensuais: Xuño 2015

Unha escola da comunidade

Na escola consideramos fundamental empregar os recursos que nos ofrece a comunidade para realizar saídas ou recibir visitas, o cal implica abrirse ás distintas experiencias que nos ofrece o ambiente e ter un contacto directo co entorno. Como escola defendemos a idea de proxectarnos, de xerar espazos de convivencia dentro e fóra dos nosos muros.

As saídas que desenvolvemos ao longo deste curso (vista ao CEIP Nº1, á Biblioteca Municipal e á Radio Municipal de Tui) entendémolas como actividades que enlazan a escola co noso entorno e que permiten a vivencia directa, o descubrimento, o desenvolvemento do pensamento, o contacto directo coa realidade, a manipulación e actuación sobre o medio, e inflúen na súa atención, na súa linguaxe, na súa motivación…; así o demostran detalles como o que tivemos nesta última visita á radio, ao facer o mesmo percorrido a pé que cando fomos de visita á biblioteca, xa que todos os grupos de nenas e nenos, ao pasar por diante da biblioteca, recoñeceron o espazo! Pareceunos un indicativo fantástico da importancia deste tipo de actividades para pequenas e pequenos.

A única vía para educar é manter a nenas e nenos en contacto permanente coa vida, para o cal a propia escola debe ser catalizadora do entorno para que este entre na aula.

É por iso que entendemos que a nosa labor como axentes educativos ten que favorecer a escola como espazo de socialización e desenvolvemento cultural, a escola como un espazo que xera cultura e que o entorno próximo coopere e participe deste proxecto.

A participación do profesorado do Instituto San Paio e do Centro Cívico, institucións veciñas ao noso centro escolar, son un valor fundamental do noso proxecto educativo, grazas a actividades como concertos de música polo Nadal, pandereitadas conto musicalizado, acompañamento lector, a visita da policía local ou as charlas de saúde infantil para as familias por parte das pediatras do centro de saúde,…. A escola acolle á comunidade e favorécese da súa experiencia.