Nunha entrada anterior contabamos a nosa proposta pedagóxica para o momento de comedor, os obxectivos dos que partiamos e o xeito de desenvolvelos.
O acto de comer é un dos momentos principais da xornada da escola, por non dicir o principal. Témolo claro, porque ao redor deste momento dánse outras actividades co fin de asegurar unha alimentación saudable, e non nos referimos soamente á cantidade de comida dixerida; o conxunto de propostas constitúe, desde o noso punto de vista, unha oportunidade para que pequenas e pequenos perciban a hora de comer como unha situación agradable e cun amplo abano de sensacións. Estes son os nosos ingredientes:
(premede nos enlaces para ver os videos)Alimentámonos de tranquilidade
Comezamos cedo para evitar as présas e poder desenvolver todas as rutinas con bo ritmo (somos moitos) pero con posibilidades de pausas.
Aliméntamos de autonomía
Respectando o interese e nivel madurativo de cada nena e neno son numerosas as propostas para a actividade autónoma, tanto no que se refire a habilidades e destrezas como pode ser coller e poñer o mandilón do percheiro, lavar e secar as mans, poñer a mesa, etc, como no que se refire á autonomía na toma de decisións: onde sentar na mesa, recoller cando xa non teño máis fame, repetir se quero máis,…
Alimentámonos de liberdade nos movementos
Moi ligado á autonomía son as accións que a nena e neno poden desenvolver libremente. Tal e como temos planificado e deseñado o momento de comedor e a vida na escola en xeral é fundamental para nós potenciar a liberdade de movemento. É por iso que para ir comer pequenas e pequenos se moven entre a súa aula e a sala de usos múltiples (comedor) sen utilizar o tren, a fila india, sen ir agarrados do mandilón do outro,…; camiñan entre un espazo e outro, e non se perden, iso si, páranse, sempre se paran, porque xa o temos previsto e polo tanto, o espazo, o corredoiro, está pensado para atraer a súa curiosidade.
Alimentámonos de rutinas
Non se contradín coa nosa liña de traballo: son necesarias. Na organización escolar, as actividades repítense, tanto para adultos como para crianzas, todos os días na mesma frecuencia: a hixiene previa ao comedor, poñer o mandilón, xogar ou contar un conto,… son elementos indicativos para a nena e o neno de que pronto irá comer. Sentar, poñer o babeiro, beber auga, coller pan, levantar para coller a comida, recoller,…, son accións que a medida que medran van adquirindo maior destreza (colocan eles o babeiro, botan auga da xerra, sérvense a comida,…). A hixiene inicia o momento e termínao, lavar as mans e os dentes (maiores) despois de comer, recoller a mesa, poñer a lavadora e ir para clase ou durmir son as últimas actividades do día na escola para moitas nenas e nenos, e tamén son as rutinas que dan por finalizado o momento de comedor.
Aliméntamos de relacións
O ambiente relaxado e tranquilo propicia o diálogo entre nenas e nenos e os adultos que os acompañan, pero sobre todo entre iguais. É un momento incrible onde se potencia a linguaxe, a colaboración, a empatía,…
Alimentámonos de situacións de conflito
O momento require dunha gran planificación e organización; son moitas nenas e nenos que comen en varias quendas nun mesmo espazo. Desde que se inicia ata que remata, son moitas as situacións que requiren poñer en marcha estratexias para a resolución de conflitos (evitar as présas entre quenda e quenda, a crianza que non quere comer, que lle cae o prato de comida, alguén que non quere poñer o babeiro, o que verte auga coa xerra, o que repite de comer e logo non o quere, quen fala demasiado alto, quen non é quen de manterse sentado mentres come, quen abre a billa con demasiado forza para lavar as mans,…). Algúns conflitos son relativamente fáciles á hora de atopar unha estratexia que os resolva, outros teñen maior complexidade. No seu conxunto son unha oportunidade para medrar e un esforzo dos adultos de mellora.
En definitiva, alimentámonos de vida, da vida entre iguais, da vida da escola.