Arquivos diarios: 27 Abril, 2015

Conto contiño…

 

  A idea dunha biblioteca na escola nace da observación sistemática da actitude de nenas e nenos ante os contos: o seu interese, atención, emocións claras nos seus rostros,…; faise pois, imprescindible na escola coidar, mimar, preparar o escenario, o lugar dos contos.

  O proxecto xorde pronto; axiña detectamos no seo do  equipo educativo, a necesidade dun espazo adicado a que nenas e nenos gocen cos contos. A comisión da biblioteca é a encargada de habilitar un espazo que fose agradable, cómodo, tranquilo e accesible para todas e todos.

  Pensamos que o ambiente da nosa biblioteca é atractivo, ordenado e estimulante, propicio para o uso autónomo das crianzas.

  Arredor do proxecto, múltiples actividades que, ao noso parecer, enriquecen a proposta e que pouco a pouco vos imos contando (tendes á vosa disposición, na páxina de Galeria, unha morea de imaxes das diferentes propostas desenvoltas ao longo do curso pasado e das actividades que estamos realizando na actualidade). 

  A experiencia indícanos que o proxecto é un acerto, que adicar tempos e espazos a fomentar o gusto pola lectura é un valor engadido ao noso proxecto educativo, porque o gusto pola lectura empeza desde o berce.