Proceso de familiarización á escola infantil

O termo período de adaptación é un concepto que toda a comunidade educativa asume como necesario e parte no momento en que nena e  neno inicia a súa escolarización.

Esta incorporación á escola por primeira vez supón, para as pequenas e pequenos, moitos cambios que precisan de certa confianza, rutina, acomodación,…, polo que na escola avogamos por denominalo proceso de familiarización á escola infantil.

Adaptarse supón asumir o establecido, acomodarse ás novas circunstancias; neste caso son as nenas e os nenos os que fan ese esforzo. Familiarizarse supón ir incorporando pouco a pouco esas novas rutinas desde o coñecemento mutuo e desde unha perspectiva de bidireccionalidade, non se “adaptan” soamente as pequenas e pequenos, tamén as familias e os profesionais asumimos a responsabilidade de facilitar a transición entre o fogar e a escola.

Moito antes de comezar setembro, a escola desenvolveu accións encamiñadas a favorecer este proceso de familiarización: visita guiada polas instalacións durante o período de prescrición, información detallada no proceso de matriculación, xuntanza xeral coas familias para falar do proceso de familiarización-adaptación, xuntanza xeral de inicio de curso, entrevistas individuais con cada familia, xornada de portas abertas, incorporación progresiva e acompañamento da nena e do neno nos primeiros días de escola.

Para nós non acaba aquí, o proceso continúa a través dun diálogo aberto e participativo coas familias sobre a vida da escola e tamén dunha proposta pedagóxica pensada nos tempos, ritmos e necesidades das crianzas, así como dun coidado atento e delicado dos momentos cotiás, e dunha relación de afecto, escoita activa e respecto cara as nenas e os nenos.

Sabemos que para moitas familias o proceso é vivido con dúbidas e preocupacións polo que vos deixamos no seguinte enlace algúns momentos deste mes de setembro.

Fonte: Ivan Febrer, Eva Jansà, Empieza la escuela infantil, un proceso de familiarización. Infancia 129.

1 reflexión sobre “Proceso de familiarización á escola infantil

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará