Arquivos mensuais: Maio 2014

O acto de comer

Como equipo fomos conscientes desde o inicio da importancia do momento de alimentación, xa que a comida é unha parte dos coidados básicos que se repiten ao longo do día e forman parte das rutinas diarias, tanto na casa como no centro.

Por iso consideramos que o acto de comer debe ser un momento tranquilo e relaxado onde nenas e nenos participen activamente, socialicen e gocen comendo.

Na escola dánse case todos os momentos de alimentación: o almorzo, a parva, o xantar e a merenda. Na nosa proposta pedagóxica, que podedes atopar neste blogue no seguinte enlace: http://www.escolasinfantisdegalicia.es/tui/documentos-do-centro, recollemos todos os acordos, decisións e actividades a desenvolver por adultos, nenas e nenos. Neste documento recóllense aspectos que son necesarios para a consecución dos nosos obxectivos, e parten de ter en conta as características individuais de cada nena e neno e o seu momento evolutivo.

Son moitas as cuestións que o equipo da escola debe ter presente ( nenas e nenos que comen no colo cando pasan á trona, da trona á cadeira, nenas e nenos que comen puré cando pasan a mixto ou ao enteiro, o respecto pola cantidade de comida que a nena e neno quere inxerir, a disposición e presentación dos utensilios, o ambiente onde se come, o rol de adulto, a colaboración coas familias, …) para que este momento sexa unha oportunidade de aprendizaxe natural e significativa, e polo tanto unha experiencia que a nena e o neno vive como propia e non imposta

Que o momento de alimentación debe ser unha situación agradable para a nena e o neno é unha premisa tan importante que en ningún caso se forzará a comer:

  •  Con estratexias de forza (suxeitar de maneira que non poida moverse no caso dos bebés, agardar a que abra a boca e meterlle unha cullerada, dar de comer a un neno que chora, …)
  • Con estratexias verbais (ameazando con non poder facer outra cousa, p. e.: se non comes, non podes ir escoitar o conto; senón comes, non medrarás; comparando con outros, …).

  • Con estratexias de engano (p. e.: veña, a última cullerada. O neno cede e acepta o acordo e logo recibe como resposta outro intento por parte do adulto: veña agora a última, a outra foi a penúltima!)

Podedes observar nesta secuencia a importancia de deixar facer, e o natural e pracenteiro que resulta para as nenas e os nenos o acto de comer: