Psicomotricidade na escola infantil

Unha das premisas máis importante á hora de preparar unha sesión de psicomotricidade é garantir que o movemento e a interacción cos obxectos dispostos para as nenas e nenos sexa libre, deste xeito as accións que as nenas e os nenos establecen son por iniciativa propia, motivadas polo seu interese, polo que as aprendizaxes xeradas son de maior significatividade.

Neste exemplo que vos mostramos preparamos unha sesión con pelotas e teas para o grupo do máis pequenos e observamos que a maioría deles xa establecían unha conduta intencional cos obxectos: destapaban as teas para atopar as pelotas debaixo delas.

Co grupo de medianos observamos que non se limitaron a repetir accións que tiveron éxito ( encher e baleirar o caldeiro), senón que experimentaron e atoparon novas solucións mediante o procedemento de tanteo. A experimentación sobre o entorno adquire un papel predominante na conduta do neno, sendo quen de mostrar moita atención e concentración.

 

SESIÓN DE PSICOMOTRICIDADE CON PELOTAS E CALDEIROS

E no grupo de maiores, as nenas e nenos foron quen de simbolizar coas teas. A escena de taparse e ir durmir foi a máis repetida ao longo da sesión.

Despois das observacións dos diferentes grupos de idades avaliamos moi positiva a sesión de psicomotricidade, valorando o corpo como o primeiro obxecto que a nena e o neno emprega para crear.

Esta experiencia corporal é esencial para o desenvolvemento do sentido dun mesmo, da aprendizaxe e da comunicación. Agardamos seguir traballando nun entorno que favoreza o crecemento en equilibrio e benestar da nena e do neno.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará