O desenvolvemento motor

O conxunto de profesionais da escola tomou a decisión, ao inicio de curso, de favorecer que nenas e nenos puideran adquirir ao seu ritmo os logros no seu desenvolvemento. Para iso foi preciso retirar das aulas as hamacas, os bumbos e os sentabebés, material que nos daba moita seguridade pero que impedía ás nenas e os nenos permanecer na súa postura natural.

Despois do primeiro cuadrimestre, a avaliación é moi positiva, nós como adultos xa non sentimos a necesidade de apoiarnos nestes materiais porque o chan é o sitio máis seguro e onde elas e eles se desenvolven mellor.

Na aula dos máis pequenos, tamén tomamos a decisión de telos descalzos. Consideramos que deste xeito a nena e o neno ten maior liberdade para moverse, xogar e sentir o seu corpo. Todos sabemos que un bebé en posición boca arriba atopa o maior xogo nos seus pés, e cos zapatos postos impedimos ou freamos ese xogo tan necesario para el.

Esta semana tivemos titorías coas familias das aulas do grupo de 0-1. Nesta presentación que deixamos a continuación amosamos as etapas do desenvolvemento motor que se van dando nas súas fillas e fillos.

O DESENVOLVEMENTO MOTOR

Como temos nenas e nenos desde o tres  ata os 12 meses, fomos quen de observar tanto as grandes posturas como sentar, gatear e camiñar como as intermedias (permanecer boca abaixo, voltear, medio lado, semisentado ou de xeonllos).

A través delas, observamos que a nena e o neno modula o seu equilibrio, fortalece a súa musculatura, coñece o seu corpo e todas as súas posibilidades, o que lle permite explorar os espazos e os obxectos con gran soltura xa que dispón dun espazo amplo e sobre todo, a súa propia iniciativa, é dicir, nós como adultos non intervimos, deixamos que a nena e o neno se mova en liberdade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará