Arquivos mensuais: Febreiro 2014

Xuntanzas coas familias

A idea de manter reunións informativas coas familias de cada nivel vén motivada pola necesidade de que estas coñezan o proxecto educativo da escola: que supón organizar unha experiencia dunha maneira ou doutra, cales son as nosas prioridades, cales son os nosos obxectivos,…

En cada xuntanza (foron tres, unha por cada grupo de idade) apoiámonos nunhas presentacións que inclúen imaxes do día a día coas nenas e os nenos. Na súa visualización  poderedes comprobar que as ideas principais son semellantes para os tres niveis, xa que o traballo do equipo consiste en coordinar e manter o consenso nas propostas pedagóxicas da escola.

Ao premer nas seguintes ligazóns poderes ver estas presentacións.

PRESENTACION GRUPO 0-1

PRESENTACION GRUPO 1-2

PRESENTACION GRUPO 2-3

Serviunos a preparación previa das reunións para reflexionar sobre o traballo desenvolto neste primeiro cuadrimestre, organizar as nosas ideas, recoller o que facemos ou pretendemos facer e si se corresponde ou non co que queremos proxectar.

En liñas xerais, e tendo en conta que estamos dando os nosos primeiros pasos, a avaliación é positiva pero somos conscientes da importancia e necesidade de ir pulindo moitos aspectos do día a día, tanto organizativos como pedagóxicos, para dar a mellor atención educativa ás nenas e aos nenos da nosa escola.

Psicomotricidade na escola infantil

Unha das premisas máis importante á hora de preparar unha sesión de psicomotricidade é garantir que o movemento e a interacción cos obxectos dispostos para as nenas e nenos sexa libre, deste xeito as accións que as nenas e os nenos establecen son por iniciativa propia, motivadas polo seu interese, polo que as aprendizaxes xeradas son de maior significatividade.

Neste exemplo que vos mostramos preparamos unha sesión con pelotas e teas para o grupo do máis pequenos e observamos que a maioría deles xa establecían unha conduta intencional cos obxectos: destapaban as teas para atopar as pelotas debaixo delas.

Co grupo de medianos observamos que non se limitaron a repetir accións que tiveron éxito ( encher e baleirar o caldeiro), senón que experimentaron e atoparon novas solucións mediante o procedemento de tanteo. A experimentación sobre o entorno adquire un papel predominante na conduta do neno, sendo quen de mostrar moita atención e concentración.

 

SESIÓN DE PSICOMOTRICIDADE CON PELOTAS E CALDEIROS

E no grupo de maiores, as nenas e nenos foron quen de simbolizar coas teas. A escena de taparse e ir durmir foi a máis repetida ao longo da sesión.

Despois das observacións dos diferentes grupos de idades avaliamos moi positiva a sesión de psicomotricidade, valorando o corpo como o primeiro obxecto que a nena e o neno emprega para crear.

Esta experiencia corporal é esencial para o desenvolvemento do sentido dun mesmo, da aprendizaxe e da comunicación. Agardamos seguir traballando nun entorno que favoreza o crecemento en equilibrio e benestar da nena e do neno.

O desenvolvemento motor

O conxunto de profesionais da escola tomou a decisión, ao inicio de curso, de favorecer que nenas e nenos puideran adquirir ao seu ritmo os logros no seu desenvolvemento. Para iso foi preciso retirar das aulas as hamacas, os bumbos e os sentabebés, material que nos daba moita seguridade pero que impedía ás nenas e os nenos permanecer na súa postura natural.

Despois do primeiro cuadrimestre, a avaliación é moi positiva, nós como adultos xa non sentimos a necesidade de apoiarnos nestes materiais porque o chan é o sitio máis seguro e onde elas e eles se desenvolven mellor.

Na aula dos máis pequenos, tamén tomamos a decisión de telos descalzos. Consideramos que deste xeito a nena e o neno ten maior liberdade para moverse, xogar e sentir o seu corpo. Todos sabemos que un bebé en posición boca arriba atopa o maior xogo nos seus pés, e cos zapatos postos impedimos ou freamos ese xogo tan necesario para el.

Esta semana tivemos titorías coas familias das aulas do grupo de 0-1. Nesta presentación que deixamos a continuación amosamos as etapas do desenvolvemento motor que se van dando nas súas fillas e fillos.

O DESENVOLVEMENTO MOTOR

Como temos nenas e nenos desde o tres  ata os 12 meses, fomos quen de observar tanto as grandes posturas como sentar, gatear e camiñar como as intermedias (permanecer boca abaixo, voltear, medio lado, semisentado ou de xeonllos).

A través delas, observamos que a nena e o neno modula o seu equilibrio, fortalece a súa musculatura, coñece o seu corpo e todas as súas posibilidades, o que lle permite explorar os espazos e os obxectos con gran soltura xa que dispón dun espazo amplo e sobre todo, a súa propia iniciativa, é dicir, nós como adultos non intervimos, deixamos que a nena e o neno se mova en liberdade.