O Nadal coa comunidade

Estamos en decembro e tamén nós nos deixamos levar pola imperiosa necesidade de decorar, facer adornos e festexar o Nadal.

Se nos preguntaran o motivo defenderiamos a necesidade de convivir coa tradición, xa que a escola non pode illarse do que pasa ao seu redor ( luces nas rúas, escaparates cheos de reclamos, fogares envoltos en  adornos de Nadal,…). Desde esta liña de argumentación parece que incluír na programación xeral anual e nas programacións de aula esta celebración é xustificable e coherente.

Claro está que se entramos no detalle esa coherencia parece feble, por numerosos motivos: porque non sabemos as crenzas de cada familia, porque os ritmos de traballo son moi acelerados, porque máis dunha nena e neno amosan medo ante personaxes como Papá Noel ou os Reis Magos, …

Retomando a idea da tradición e tendo como obxectivo a participación activa de toda a comunidade educativa, ao longo deste mes mantivemos diversas actividades  que nos permitiron establecer relacións con aquelas persoas que por diferentes motivacións quixeron compartir connosco o seu tempo, afecto e experiencia.

A primeira axuda, imprescindible, foi a das familias. Elas foron as encargadas, xunto a nós, da elaboración dos xoguetes de refugallo que entregou Papá Noel na Festa de Nadal que celebrou a escola.

O equipo organizou diferentes obradoiros, en días e horas diferentes para que o abano de posibilidades á participación fora o suficientemente amplo. A valoración foi positiva tanto por parte do equipo como das familias. Poderíamos ter feito nós os xoguetes  pero desaproveitariamos unha estupenda oportunidade de vencellar á familia coa escola.

Os xoguetes de refugallo ( botellas de plástico, tubos de cartóns, caixas de queixos,..) quedaron moi atractivos, optamos por instrumentos musicais ( maracas, tambores chinos e paus de choiva). De cara a outras ocasións deberemos revisar o material a empregar, xa que non todo o material empregado pode ser considerado de refugallo (gomets, papeis de cores, limpapipas,…) perdendo no camiño o obxectivo do consumo responsable.

Outra importante colaboración foi posible grazas a estar situados ao carón dun Centro Cívico onde teñen lugar múltiples obradoiros. Neste caso pedimos a colaboración do grupo de pandeireta que viu tocar a nenas e nenos. A interacción entre eles e as nenas e nenos foi marabillosa, e a experiencia da música en directo foi moi positiva para todas e todos.

E para poder celebrar a festa tivemos que solicitar de novo axuda ao Centro Cívico que nos cedeu unha das súas salas e unha vez máis puidemos contar cun grupo de pandeiretas para escoitar música en directo na Festa de Nadal.

Tamén contamos coa axuda de familias que colaboraron nos talleres ( ben con achega de material para o seu desenvolvemento, a súa experiencia na elaboración de galletas, representando a Papa Noel…).

Aínda que somos conscientes da necesidade de reflexionar sobre todo o que rodea a estas festas e outras ( o Entroido tamén ten o seu aquel empeñados todos en disfrazar a nenas e nenos que non camiñan e choran porque o disfrace non lle permite moverse con liberdade), quedounos un bonito recordo das novas relacións iniciadas e  experiencias vividas.

Deixamosvos un pequeno vídeo con fotos da Festa de Nadal e aproveitamos para desexarvos a todas e todos un BO NADAL!!!

O NADAL COA COMUNIDADE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará