Interaccións entre iguais

Na nosa escola infantil os grupos-aula están mesturados: os máis grandes cos máis pequenos dos natos ese ano. É unha elección dun equipo que cree na riqueza das interaccións entre iguais, pero como na vida, iguais heteroxéneos ( irmás, curmáns, veciños, amigas,…).

Nesta secuencia de fotos, Matilda, nena do grupo de 0-1 que vai cumprir 11 meses intenta poñerlle o chupete a Carolina, compañeira da súa aula que ten catro meses e medio.

Matilda xogaba tranquilamente cando escoitou protestar a Carolina, rápido entendeu que lle caera o chupete, e fixo varios  intentos para axudala. Mentres o intenta Carolina a observa curiosa, ao final non o consegue, pero tivo a oportunidade de axudar a un igual, e Carolina percibiu esa axuda. Foi unha interacción moi importante e dunha gran riqueza para a constitución da personalidade de Matilda e Carolina.

INTERACCION

O adulto nesta secuencia, foi quen de agardar, esperar a que Matilda resolvera a situación. De ter acudido rapidamente a poñerlle o chupete a Carolina, grande e pequena non terían vivida a experiencia.

Ao longo da xornada existen momentos que favorecen a interacción entre as nenas e os nenos de diferentes idades, favorecendo que as nenas e nenos teñan modelos a imitar nos de maior idade, e no caso dos maiores a gran satisfacción de axudar a o outro máis pequeno.

De momento, como profesionais observamos que a nosa elección é a mellor para as nenas e nenos da nosa escola, e para nós, os adultos, tamén xa que presenciamos escenas como estas que están cheas de vida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará