Nesta primeira anotación do noso blogue gustaríanos afondar no traballo desenvolvido ao longo deste primeiros días, e do tantas veces chamado proceso de adaptación. O certo é que un dos nosos obxectivos como equipo é precisamente que este período signifique algo máis para a nena e o neno que a adaptación a un novo espazo, novas persoas adultas de referencia e novos iguais cos cal relacionarse. Partimos da idea de ofrecer un espazo familiar no que a nena e o neno sexan quen, ao seu ritmo, de adueñarse da nova situación e se sintan seguros para afrontar novas experiencias.
Como escola que comeza por primeira vez a súa andaina desenvolvinmos propostas para presentarnos e para coñecernos, tanto familias, crianzas, como profesionais.
ENTREVISTAS INDIVIDUAIS
Como primeira toma de contacto, teñen como obxectivo coñecer as características da nena e do neno por parte das titoras, resolver inquedanzas das familias e favorecer a exploración dos espazos e materiais.
XUNTANZA XERAL
Nesta ocasión tratábase de contextualizar a nosa escola no marco do proxecto educativo da Rede de Escolas Infantís e tamén o coñecemento por parte das familias das normas de convivencia recollidas no RRI.
XORNADA DE PORTAS ABERTAS
Momento de encontro para favorecer os primeiros vínculos entre as familias, as crianzas e a escola. Permitiu coñecer todas as instalacións do centro e favorecer unha visión do conxunto da escola.
INCORPORACIÓN PROGRESIVA DAS NENAS E DOS NENOS
Os primeiros días, en tempos curtos e de xeito individual das familias acompañaron ás súas fillas e fillos na aula, o obxectivo era garantir a seguridade afectiva da nena e do neno, que a presencia da nai ou pai servira de ponte para o establecemento da confianza necesaria coa educadora.
Avanzado os días fomos aumentando os tempos e as familias retirándose da aula, na maioría todo foi segundo o planificado, noutros casos aínda estamos en pleno período de adaptación.
Entra dentro do habitual nestes inicios de curso, ao principio todo é novidade, cando os grupos aumentan, aumenta tamén a necesidade de establecemento de relacións sociais, é habitual as disputas polos xoguetes ( na casa como moito comparten entre irmáns no cole entre 20!!),e os espazos e ao adulto tamén teñen que compartilo,…
E cuestión de tempo e de confianza nas nenas e nos nenos, xa que cada un deles teñen os seus propios ritmos, e na escola, que tamén ten o seu ritmo, sabe que é cuestión de esperar, motivar e acompañar.