Arquivo da categoría: MOMENTOS DA ESCOLA

*Educar no momento da alimentación

xogar a comer

 

Nas escolas adóitase planificar o momento de comedor en base a dous aspectos: onde se come, é dicir, o espazo físico que se vai usar, agrupamentos,… e cando se come, ou o que é o mesmo, a elaboración e organización de quendas en función das idades, dos grupos…, xa que o que se come, xa non depende de nós. Pero, van quedando moitos elementos da planificación en ocasións esquecidos, ou no mellor dos casos a criterio do bo facer dos e das profesionais.

Cando se fai unha reflexión en grupo, moitas veces aparecen cuestións sobre o carácter asistencial ou educativo, outras sobre os desexos das familias con respecto á comida ou a autonomía das crianzas, outras sobre as prácticas que ocorren nestes momentos por parte das persoas do equipo educativo, outras sobre a falta de recursos, pero moi poucas veces sobre as diferenzas de ritmos, intereses, necesidades…de cada unha das nenas e nenos que temos na escola, tendendo a homoxeneizar e a optar pola rixidez nas decisións que tomamos.

Para facer unha boa planificación deberíase chegar a elaborar a visión do momento da alimentación, no seo do equipo educativo, aprender de experiencias respectuosas, des-aprender e desprenderse de aquelas estratexias pouco respectuosas que usaron con nós cando eramos crianzas (xa que na maioría das veces facémoslles o que nos fixeron) e marcar unha serie de obxectivos compartidos, coas estratexias mais axeitadas para acadar esa visión de comedor e alimentación na escola.

O primeiro paso é a auto-observación.

Cal é o noso ton de voz?; Cal é a nosa posición no espazo?; permitímoslles elixir ou decidir?; Utilizamos chantaxes, ameazas, subornos para conseguir que coman, do estilo “se non comes voume enfadar” “vas ir comer cos bebés” “se non comes non che dou auga” “se non comes vas ser pequena” ou mesmo enganos como meter a culler con comida cando contan co chupete ou coa auga?; preguntámoslles se precisan a nosa axuda ou metemos a culler na súa boca sen mais?; estamos pendentes das súas miradas ou facemos que sexa un mero trámite da xornada da escola, mentres falamos entre as persoas adultas?; temos estratexias para os momentos de espera?; escoitamos o que nos din ou o que nos queren dicir?, coñecemos as accións que realizan para expresar o que desexan ou o que non? …


O que temos claro é que non debemos obrigar nin forzar a comer, do contrario estamos actuando en contra da súa vontade. Isto non é respectuoso, é violento. Non é educativo, non é asistencial. É unha imposición!!.


Non fagamos con elas e eles o que non quixeramos que nos fixeran a nós!

Moitas grazas compañeiras e compañeiros polo interese e a reflexión na propia práctica. Moitas grazas familias.

Para saber mais de alimentación respectuosa:

Algo más que comer

 

*Un control de esfínteres respectuoso, por favor!!

O control de esfínteres é considerado na nosa escola como un proceso mais. Trátase dunha adquisición que levarán a cabo as nenas e os nenos de xeito natural, como andar, falar ou mesmo comer.

(Vías nerviosas dende o lóbulo frontal do cerebro á vexiga urinaria e o  recto no control da continencia (Imaxe sacada de 123RF))

(Vías nerviosas dende o lóbulo frontal do cerebro á vexiga urinaria e o recto no control da continencia (Imaxe sacada de 123RF))

Como podemos observar na imaxe, é o sistema nervioso central o encargado de enviar a sinal de que a vexiga ou o recto están preparados para evacuar.
As nenas e nenos co seu desenvolvemento madurativo aprenderán a recoñecer as sinais. Interpretarán que cando senten presión deberán ir ao baño, pero para conseguir isto, precísase unha madurez fisiolóxica, psicolóxica e un ambiente axeitado.

O que é, o que cren.

O que é, o que cren.

En ocasións este tema esperta angustia nas familias e tensión nas nenas e nenos. Dende a escola debemos recalcar que mais que aprender ou educar no control de esfínteres, trátase de que paulatinamente vaian ADQUIRINDO A CAPACIDADE. Debemos ter en conta que a idade de inicio variará dunha crianza a outra e é preciso recordar que tan só é un proceso, e que chegará mais tarde ou máis cedo, do mesmo xeito que comer con cubertos.
Como facemos na nosa escola??:
O momento de hixiene está pensado, planificado e construído como calquera outro momento da escola. Traballamos para que sexa o mais pracenteiro e natural posible, sen presións. O espazo está organizado para facilitar a autonomía das pequenas e pequenos. Aínda que hai establecido un horario, xa que é unha medida que facilita o hábito e así se van acostumando ao uso, pódese usar cando sexa necesario.
A nosa posición é de acompañamento constante, animando á autonomía e valorando positivamente cada logro e, como no resto dos espazos, sentados na cadeira, observando e acompañando.
Solicitamos ás familias que lles traian roupa cómoda e sinxela para favorecer o seu aprendizaxe e autonomía.

 

Triana e Lucía elixiron penico

Triana e Lucía elixiron penico

Suxerimos que vaian ao cuarto de baño, de xeito individual. Avísaselles en voz baixa e sen interromper ao resto do grupo. Desde que as crianzas andan por si mesmas iniciamos o proceso, empezando co acompañamento no seu desenvolvemento autónomo, traballando en primeiro lugar no cambio de cueiro de pé, xa que dende esa posición son conscientes do que ocorre e dámoslles a posibilidade de sentarse no inodoro, penico ou mesmo non sentarse.

Mateo e Diego decantáronse polo váter

Mateo e Diego decantáronse polo váter

Logo iniciamos a aprendizaxe de “trucos”que lle axudan a se liberar do body e do cueiro. O interesante é que se fagan participes e que teñan poder de decisión en todo o proceso. Pouco a pouco, e vendo aos demais compañeiros e compañeiras, van gañando mais autonomía. Á medida que vai formando parte do cotiá, comprobamos que ir en pequeno grupo ao váter, inflúe moi positivamente nesta cuestión.

Baixa o pantalón  e quita o cueiro

Baixa o pantalón e quita o cueiro

Habitualmente o que soe ocorrer é que, primeiro avisan cando senten suciedade; logo no mesmo momento que están facendo, e paulatinamente un pouco antes, ata que pouco a pouco van incrementando o tempo.
Algúns dos aspectos que nos indican que as crianzas están preparadas son os seguintes:
1. manifestan cando teñen mollado ou manchado o cueiro
2. pide para ir e quere sentarse no váter
3. fai pis ou caca cando pide
4. e quen de manter seco o cueiro durante un largo intervalo de tempo

Izan e Lucía demostran a súa autonomía no proceso

Izan e Lucía demostran a súa autonomía no proceso

Atención persoas adultas!!:

  1. Xamais debemos premiar ou castigar neste proceso. O control de esfínteres non se aprende, adquírese cando están preparadas e maduras as crianzas.
  2. Non hai presa. Non nos adiantaremos ao proceso cando os indicativos non son claros. Facer presión pode axudar a que xurdan problemas.
  3. Evitaremos o idioma Pis (queres facer pis? Facemos pis? …)
  4. Non enfadarse cando ocorran escapes, nin ridiculizar .
  5. Recordamos que son os nenos ou as nenas os que controlan o seu corpo, non as persoas adultas, e son os que deberán decidir seguir ou non  cos cueiros, por iso debemos preguntarlle.

Para saber mais:
http://www.pequefelicidad.com/2015/10/como-dejar-el-panal-segun-la-filosofia.html
https://www.ceac.es/blog/el-control-de-esfinteres-desde-el-acompanamiento-respetuoso
https://www.guiainfantil.com/bebes/panales/por-que-debes-cambiar-el-panal-de-pie-al-nino-segun-metodo-montessori/
Para ter en conta:
https://educacionrespetuosa.com/podcasts/control-de-esfinteres-y-escolarizacion-entrevista-a-creciendo-y-criando
https://www.creciendoycriando.com/control-de-esfinteres-y-escolarizacion/

Jimena fai unha demostración de como facemos cos bebés:

*As acollidas. Momento privilexiado!

 

“ACONSELLÁMOSVOS ESCOITAR A MÚSICA MENTRES LEDES ESTE ARTIGO”

 

Para poder conseguir as acollidas que temos na nosa escola precisamos unha moi boa coordinación entre o equipo, pero fundamentalmente a colaboración activa de cada unha das familias.
No equipo sabiamos o que desexabamos conseguir, e as experiencias foron as que axudaron a delimitar mais este momento e perfeccionalo ata conseguir o que temos nestes intres. Tivemos especial interese en tratalo, pois consideramos que é un momento privilexiado e ás veces esquecido, aínda que con moitas potencialidades, así que, intentamos pensalo, reflexionalo, planificalo e construílo, dende o punto de vista das crianzas. Vaise construíndo pouco a pouco, buscando sempre estratexias de mellora precisas e adaptadas á realidade do momento.

acompañándoos na súa autonomía

acompañándoos na súa autonomía

Así, en liñas xerais pretendemos:
Que cando as crianzas entren na escola sintan “é a miña escola”
Entendemos que isto se ten que facer pouco a pouco, e a axuda das familias é fundamental. E interesante comentar que non é convinte que as crianzas se queden na escola á forza, polo que non debemos facer enganos ou dicirlles mentiras. Solicitámoslles que dende a casa se transmita información en positivo aos fillos e fillas sobre a escola: o ben que o van pasar, a cantidade de xoguetes que xa hai alí e que non precisan levar da casa, a cantidade de amigos e amigas que van ir á escola e nomealos, entre outros. Nós colocaremos fotos dos amigos e amigas da escola facendo calquera das actividades do cotiá, para que se favorezan conversas entre a familia: “que ben o pasas na túa escola”, “cantos amizades fas na túa escola”…

Izan observa as fotos do que fan os seus amigos e amigas

Izan observa as fotos do que fan os seus amigos e amigas

Ofrecer unhas acollidas cálidas e afectuosas.
Para conseguilo, cada un de nós organizase para acoller a cada crianza que entra na escola, ímola acompañando en todo o proceso. Asegurámonos de prestarlles toda a atención posible e estamos moi pendentes do que deciden. Ademais, haberá unha música tranquila que favorecerá a acollida e a estancia na escola nos primeiros momentos da xornada.

Precisa unha acollida envolvente

Precisa unha acollida envolvente

Se entenda este momento como un momento de aprendizaxe tan importante como calquera outro momento da escola.
Moitas persoas alleas (ou non) ao mundo da educación infantil cren que as aprendizaxes que fan as nenas e os nenos, parten das actividades que se fan na aula. Nesta escola, como comentamos en varias entradas deste blogue, consideramos que en calquera momento da escola se poden producir aprendizaxes, e o momento da acollida non é menos.
As crianzas que xa andan, aprenden que ao entrar na escola deben dirixirse ao sofá e quitar os zapatos, gardalos no moble, quitar o abrigo e intentar colgalo no seu percheiro. Nós estamos acompañándoos en todo momento, e observamos como se desenvolven ou a axuda que precisan. As mais pequenas van aprendendo a confiar en nós e, pasado un tempo bótanse aos nosos brazos, mentres as familias se centran nas pertenzas.

As familias colocan as súas pertenzas

As familias colocan as súas pertenzas

Pero non só aprenden as crianzas. Aprenden as familias e tamén aprendemos nós.
Ás familias aprenden:
1. Que na escola deben entrar sen zapatos, caladiñas, e con moito respecto ao espazo das nenas e dos nenos e, se nos teñen que dar información relevante referente as súas crianzas, fanno de xeito case imperceptible.
2. A andar polo espazo, sen interromper o xogo, xa que saben que as protagonistas da escola son as nenas e os nenos, non as persoas adultas.
3. E, si deciden quedar, aprenden a mirar, utilizando os espazos preparados, e desfrutando da súa crianza e do grupo, sentados dende unha cadeira.
4. Os lugares onde teñen que deixar a súas pertenzas e a comprobación das mesmas
5. Que para que non existan malos entendidos, deben transmitir a calquera das persoas encargadas de traer aos nenos e nenas á escola todo o que se espera deles.
As observacións que facemos nas acollidas proporcionan aos profesionais moita información sobre os estilos de relación familiar, tamén sobre a autonomía que teñen as crianzas, e outros aspectos que nos axudan a comprender e a actuar para favorecer aos individuos e ao grupo.

Escoita activa dos intereses e necesidades dende a acollid

Escoita activa dos intereses e necesidades dende a acollida

Un momento de comunicación privilexiada onde a escoita activa e as decisións das crianzas se tiveran en conta
Con cada acollida intentamos estar pendentes do que as nenas e nenos nos queren transmitir: a preferencia de que a familia se quede na escola, atendendo nos así ás pertenzas e as familias aos propios fillos e fillas; as dificultades nos procesos autónomos e a axuda que precisan; a necesidade de afecto,…Inténtase manter conversas e prestar toda a atención, aos seus desexos, intereses e necesidades, acompañándoos na preparación para entrar no espazo de xogo.

 

FAMILIAS, GRAZAS POR APRENDER TANTO!!!

UN SAUDIÑO!!

* A importancia do exterior

Primeiros de Febreiro na escola de Sobrado

Primeiros de Febreiro na escola de Sobrado

Anotamos nos documentos de centro que potenciaríamos na nosa escola o xogo no exterior tódolos días do ano, sen importar a climatoloxía, posto que sabemos que xogar ao aire libre é tan importante como durmir.

 

comedor exterior en xaneiro

Comedor exterior en xaneiro

Un descanso na sombra no exterior

Un descanso na sombra no exterior

Que as nenas e nenos xoguen no exterior ofrécelle moitos beneficios.

É un dos principais espazos para que as nenas e os nenos se desenvolvan física e socialmente. Xogar no exterior da a posibilidade de explorar e moverse, accións básicas para aprender sobre o mundo que as rodea. Ademais, estar en contacto coa natureza fortalece o sistema de comportamento, xa que fomenta a creatividade, a adaptación ás diferentes situacións, seguridade, o interese e a motivación, sensibilidade, habilidades comunicativas e socioafectivas. Tamén fai que se fortaleza o sistema inmunolóxico, xa que cando están en espazos cerrados e con pouca ventilación é un caldo estupendo para a propagación de virus.

Descubrindo a neve

Descubrindo a neve

Explorando co xeo

Explorando co xeo

Como o exterior é tan importante para o benestar e o desenvolvemento das nenas e dos nenos, é un dos principios metodolóxicos da escola de Sobrado.

 

Desprazandose cara a neve

Desprazándose cara a neve

Aprendendo a camiñar sobre a neve

Aprendendo a camiñar sobre a neve

O espazo exterior planifícase do mesmo xeito que os demais espazos da escola, dando igual, polo tanto, a climatoloxía, que chova, que faga vento, que neve, que faga sol, que sexa inverno, outono, primavera ou verán, aínda que, adquire mais protagonismo cando vai bo tempo, xa que ademais do xogo, a maior parte das actividades do cotiá son feitas no exterior, como o descanso, o tentempé ou ben o xantar, e, o coidado e mantemento da horta da escola.

A meteoroloxía regálanos situacións inesquecibles e con moitísimas posibilidades, así que cun mínimo complemento xa temos propostas divertidas e diferenciadas, tan só hai que esperar a acción e o interese que provocarán nas crianzas.

Como en calquera outra acción que se leve a cabo na escola contamos coa decisión dos nenos e nenas para saír, ou quedar no interior, polo que se planifican estratexias organizativas flexibles, e lévanse a cabo unha presentación dos espazos que provoquen o máximo interese e que sexan ricos en experiencias de xogo, variados e que atendan á diversidade de intereses e idades.

Algunhas familias ou mesmo profesionais cuestionan o xogo no exterior. Consideran que é propicio á suciedade, á inseguridade, e ás enfermidades, obviando os beneficios que aportan. Dende a escola intentamos facerlles entender, e argumentamos coas estratexias que se levan a cabo: poñer roupa e calzado axeitado para o exterior, unha rápida, organizada e individualizada hixiene das nenas e nenos, e outras …

Mudándonos despois de vir do exterior

Mudándonos despois de vir do exterior

Saír ao exterior é un gran esforzo para os profesionais. Requírese unha boa organización entre o equipo educativo. É mais doado quedarse dentro da escola xa que así os nenos e nenas apenas se ensucian, non é necesario mudalos por completo, tampouco é preciso andar vestíndoos e desvestíndoos, ou andar planificando zonas para iso, tampouco co calzado, e menos estar pensando nas propostas lúdicas do exterior, tendo xa bastante que organizar no interior, pero,… deixaríamos ás nosas nenas e nenos sen eses beneficios? Na escola de Sobrado apostamos decididamente polo desfrute da Natureza durante calquera época do ano.

Achegamos unha nova de interese, e esperemos que vos guste: Los pediatras ‘recetan’ naturaleza y juegos al aire libre para mejorar la salud”:

http://www.elmundo.es/ciencia-y-salud/salud/2017/12/03/5a2156c7ca4741e4288b45a7.html

Moito exterior e moita saúde.

Ata a próxima!!!!