Arquivos do autor: sobrado

* Ilusión para o novo curso

 

Vaia curso mais raro este! Tantos cambios houbo, tantas presas, tantos apuros,…e de repente,  todo se para. Todos e todas para casa. Agardamos expectantes. A  ver que pasa.

O equipo da escola  poñémonos en contacto de seguida . Imos  traballar de outro xeito, dende a distancia, nas nosas propias casas. Entendemos  que isto pode ser unha grande oportunidade. Para a reflexión individual e a posta en común, para a reflexión e o diálogo. Para o análise das posibilidades da nosa realidade e  apostar polo conxugar das capacidades persoais, para planificar e ofrecer unha escola coa maior calidade posíbel. Temos tempo!

Analizamos e repensamos o tipo de escola que queremos ofrecer, reflexionando sobre a misión da mesma ou para que serve a escola infantil. Tamén pensamos sobre a visión da escola ou como queremos que sexa vista. Pensamos e compartimos as propias experiencias. Analizamos as estratexias que como profesionais debemos levar a cabo para conseguir o que desexamos e ir achegándonos ao ideal de escola que perseguimos.   Tamén tratamos sobre a infancia en xeral, en clave de potencialidades e de capacidades, e como suxeitos activos que teñen uns dereitos que deben ser tidos en conta e escoitados, e por suposto o noso rol docente, ou o tipo de  profesionais que desexamos transmitir, que queremos ser, que debemos ser segundo os argumentos pedagóxicos mais respectuosos coa infancia . E, polo tanto,  as estratexias educativas que están á nosa man para poder acadar todo o que formulamos, sabendo que moito parte de nós, e en que en nós está o cambio.

Creando e desfrutado

 

Xa de volta á escola (aínda sen nenos nin nenas) puxémonos mans á obra con todo aquelo que se estivera reflexionando e planificando. E, a chegada do protocolo de actuación para as escolas infantís fronte ao coronavirus, confirmou gran parte do noso modo de facer na escola (andar descalzos no interior, uso do exterior todo o ano, …) mais, aínda que supuxo ter en conta aspectos relativos á protección e a prevención, posibilitou abrir a mente a novas posibilidades da nosa realidade.  Foron tempos para limpar, organizar, rexeitar, arranxar, …no interior da escola e tempos que repensar e ampliar as posibilidades do exterior. Traballo duro, intenso e en equipo.

Ampliando o exterior

Arranxando e coidando a horta

 

O concello de Sobrado sempre colaborando

 

 

A nova herbiña do novo exterior!!!!!

 

A herbiña medrando

 

 

Sentimos  pena polas crianzas que remataron, sen despedidas, dun xeito tan diferente: un agarimo moi grande para todas e todos eles!!

Sentimos esperanza de que todo isto se supere canto antes, e que non se impida o contacto, o achegamento físico, os aloumiños, tan necesarios para a aprendizaxe e o desenvolvemento!

Temos moita ilusión para o comenzo!

 

Feliz agosto  e moita saúde!

Vémonos en setembro!

 



 

*Avaliamos??

Pintura Maternidade. Leandro Lamas

 

Nestas alturas de curso, entre xuño e xullo, o equipo da escola de Sobrado realizaba reunións onde se comentaba a evolución do desenvolvemento de cada unha das nenas e dos nenos da escola. Falabamos das crianzas, de como chegaran á escola nos inicios e como estaban nese momento, axudabámonos con fotos e materiais, de todo o curso, e case sempre nos emocionabamos cos avances conseguidos das nosas neniñas e neniños.

Como medran, canto aprenden…que rápido pasa o tempo!!

Case sempre precisabamos colaboración das familias ou mesmo planificabamos traballos en conxunto entre as dúas partes, para resolver certas cuestións que afectaban directamente a os seus propios fillos e fillas. Para iso planificabamos as titorías. Nelas, a escola aportaba toda a información coa que contaba de determinada situación e solicitaba a visión da familia ao respecto, reflexionábase sobre un establecemento de estratexias a levar a cabo encamiñadas á mellora do benestar do neno ou da nena, marcábanse uns obxectivos e un compromiso de accións pensadas e compartidas.

Con todo isto facíase un informe que se entregaba ao final do mes, ao final do curso.

E agora? que pasa este curso???

Pois como a escola se fechou no mes de marzo, o equipo educativo non temos información das crianzas para elaborar un informe final. A atención educativa estivo a cargo exclusivo das familias e son elas, sodes vós, as que tedes a visión completa da situación dos vosos fillos e fillas neste momento. Sería absurdo entregarvos un informe no que valorásemos aos nenos e nenas coas observacións recollidas até o mes de marzo, xa que nestes momentos xa non sería válida. Os nenos e nenas medran e xa están noutro momento de desenvolvemento, logo de todos estes meses. Así que, teredes que ser vós mesmas, familias, quen teñades que facer a valoración final do curso se queredes, e podedes apoiarvos en esta serie de orientacións.

Primeiro hai que saber o que precisamos valorar. Propoñémosvos que vos centredes nos seguintes aspectos: os psicomotores, relativos as destrezas corporais; a comunicación, a capacidade de facerse entender e o interese e comprensión do que escoita; as relacións sociais, coas persoas coñecidas, descoñecidas,…;a autonomía, interese por facer por propia iniciativa, e as emocións, como defende os seus intereses, como xestiona os conflitos, …

Para poder avaliar a progresión e o desenvolvemento, deberemos pensar como estaban as nosas fillas e fillos no inicio do confinamento, e como están agora, usando os nosos recordos, vídeos, fotos, visións do resto da familia

Coa valoración facemos unha análise da evolución da nosa nena ou neno. Observamos que aspectos se desenvolven con fluidez e cales precisarían de algún tipo de estratexia de mellora. Buscar as posibles solucións en familia e mesmo permitirnos colaboración, sería óptimo !!!

Recordade que para que un neno ou nena ande, fale, escoite, controle esfínteres, defenda os seus intereses, sexa autónomo, … o único que precisa é que se lle dea a oportunidade, con afecto, agarimo e tenrura, coa comunicación necesaria, con escoita mutua, con respecto e empatía, apoiando e ofrecendo retos para estimular os logros, e establecendo os límites necesarios para acadar un control das emocións e do propio comportamento. Reflectindo, en definitiva, un modelo educativo que nutra.

Moito ánimo familias e contade con nós para calquera tipo de cuestión educativa que consideredes!!

 

 

* Carvalho Calero

 

E moi complicado definir unha figura tan importante como Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado hoxe, día das Letras Galegas, nesta humilde entrada de blogue.

Seguro que xa tivestes información sobre el a través dos diferentes medios, mais desexamos seleccionar algunha información  que é de interese para a nosa escola.

Interésanos dar a coñecer de Carballo Calero o proxecto pedagóxico avanzadísimo que levou a cabo durante 15 anos como director do colexio Fingoi en Lugo, dende o 1950 até o 1965, no que poñía en práctica o coñecemento para a vida,  a idea de que as persoas se educaran como persoas libres de xeito integral. Pensemos que nesas alturas, en plena dictadura, as escolas, tanto relixiosas como púbicas, eran memorísticas e sen conexión coa realidade próxima. Polo que, inspirándose na Institución Libre de Enseñanza, e tendo en conta que estaba recoñecido como un centro de ensino experimental non homologado, e que o alumnado tiña que examinarse por libre, puxo en marcha ese proxecto pedagóxico.  Ese proxecto estaba centrado nos ciclos da natureza, era científico, de coeducación, de ensino globalizado e personalizado, con profesorado implicado e comprometido con reflexión sobre a práctica para dar resposta ás diferenzas individuais e ás  necesidades e retos educativos, onde a cultura como o teatro e a literatura en galego era introducida.   E fixádevos de que época estamos a falar!.  Moitas veces andamos á procura de referentes pedagóxicos, e témolos ben preto de nós!. É importante comentar que todo este proxecto levouno a cabo sen poder figurar como director, xa que a súa situación de pertenza ao bando dos perdedores da guerra,  impedíalle exercer cargos. 

Outro aspecto que desexamos dar a coñecer é que durante toda a súa vida dignificou a lingua galega.  Pensade que con só 17 anos, sendo un brillante estudante universitario de Dereito, empezou a formar parte do Seminario de Estudios Galegos (institución creada para estudar e divulgar o patrimonio cultural galego,  e para formar investigadores, unha universidade galega), onde admirou e se relacionou cas mellores e maiores persoalidades galeguistas,  chegando a elaborar o anteproxecto do primeiro Estatuto de Autonomía.  Liderou o partido galeguista na súa terra natal. Coa guerra civil,  todo se truncou!. Mais a súa erudición,  cultura e o seu minucioso e inxente traballo de estudo, investigación e produción, converteuno no mellor coñecedor do idioma de noso en todas as súas dimensións. Será  solicitado  no ano 1965, para dar as primeiras aulas  de lingua e literatura galega na Universidade. Toda unha vida velando pola  lingua e literatura  galega, un referente.  Desexamos que a lingua galega estea presente en todos os ámbitos da nosa vida, na nosa escola, no noso entorno. O galego para todo. O noso deber e compromiso como escola  é usala, normalizala e protexela. Dende aquí invitamos ás familias  que a  usen, que a falen, que lle ofrezan aos seus fillos e fillas o dereito da lingua propia. 

 

A  persoa mais capacitada para planificar a lingua galega e mantela con boa saúde, era Carvalho Calero. Consideraba que para que o galego fora unha lingua normalizada, de uso normal en todos os ámbitos, no culto, no común, no científico e técnico,… unha lingua normal que deberían usar as persoas galegas, habería que reducir a distancia entre o galego e o portugués. Achegármonos os países lusófonos. Baseándose na historia da lingua galega, retomando o proceso natural que ela debería seguir.  A lingua galego-portuguesa, naceu no norte e avanzau cara o sur, impoñéndose á mozarabes da Lusitania, e logo foi polo mundo grazas a expansión marítima.   Mais ocorreu un feito histórico: a nosa zona quedou dividida por unha fronteira política cando se creou o reinado de Potugal. A parte norte ficou  isolada e colonizada polo reino castelán, influenciando a  fala e ortografía.

E,  aínda que non foi o primeiro en defender esta postura, xa que dende o século XIX,  había autores que o facían, D. Ricardo Carvalho Calero é  principal pensador e fundador do reintegracionismo moderno,  defendendo que  isto aseguraría unha xanela de oportunidades e, facilitaría a supervivencia do galego. 

Mundo lusófono

Tal e como está a situación da nosa lingua é preciso que a usemos, que a fagamos competitiva e normalizada, que a desconfinemos e solicitemos o seu uso en calquera ámbito da vida. Mais sería moi interesante, aproveitando o ano de Carbalho Calero ir achegándonos pouco a pouco ao galego internacional. Intentarémolo na nosa escola!

De Carballo a CarvalhoPremede nos seguintes enlaces:

 

CONTO BOLECHAS

AGAL DESCUBRINDO O GALEGO INTERNACIONAL

CARVALHO CALERO, VIDA E OBRA

 

Obrigada!!

* Escoitar Jazz dende os inicios

 

Instrumentos de jazz

Despois dunha boa temporada sen poder acceder ao blogue da nosa escola,  por motivos relacionados co período de confinamento que nos está  tocando vivir, desexaríamos retomalo de novo, aproveitando que hoxe,  30 de abril, celébrase o día internacional do Jazz, música moi relacionada co facer da nosa escola. 

De sobras son coñecidos os beneficios da música en xeral para o desenvolvemento das nosas crianzas.  Aínda que non se fixera referencia a  investigacións científicas sobre o tema,  calquera persoa que se relaciona cun bebé ou con nenos e nenas pequenas,  sabe que a música, as cancións de berce, as cantigas …teñen moito interese para elas e eles. Influen  no seu estado de ánimo, chegando a calmalos até quedarense durmidos en ocasións, ou mesmo facéndolles arrincar un sorriso nas situacións mais complicadas. Axúdalles a entender o mundo, o entorno, … Pero ademais, as investigacións dinnos que a música inflúe enormemente no desenvolvemento intelectual, sensorial, auditivo, da fala e incluso da actividade motora das nosas nenas e nenos. Dende bebés xa se van preparando  as competencias necesarias para a aprendizaxe e a apreciación da música. Lévanse a cabo (teoría do aprendizaxe musical de Edwing E. Gordon) co mesmo proceso utilizado para a  adquisición da fala,  así que é importante aportarlles aos nosos nenos e nenas ambientes ricos en experiencias musicais de calidade, non tendo que infantilizar a música para que  se poida desfrutar ou asimilar.  Elas e eles son quen de desfrutar da música tradicional, dunha sonata de música clásica, dun tema de rock, ou mesmo dun tema de jazz sen llo ter que simplificar,  dende que nacen.

Pero  que pasa co Jazz en especial?

O jazz é un xénero musical que se caracteriza ( básicamente e por abreviar) por notas e xiros inesperados, amosando a beleza da improvisación, falándonos de que aínda que algo non estea planificado, permítese facer, …e desfrutar, e incorporar, e conxugar,… polo tanto fálanos da liberdade  de actuación, de tolerancia, de adaptación ao diferente, da riqueza do diverso, do heteroxéneo. Axuda a que se vaia gañando na cofianza, na experimetación e no descubrimento, do valor de atreverse, de afirmarse, de participar, de formar parte, … Ten un carácter cambiante, vai buscando a sorpresa nos seus ritmos e nas súas  melodías, propicia a atención, a concentración,  e vai  predispoñendo o ouvido á escoita activa, a escoita con atención, a aprender diferentes linguaxes e diferentes linguas;   Céntrase no que ocorre no momento, sen importar o pasado nen o futuro, centrándose na felicidade do agora, do que ocorre no momento, no proceso, no importante …

Un estudioso do Jazz explicaba ” cando nalgunha ocasión me preguntaron que era o jazz ,contei que era como unha mesa redonda de discusión, nela habería varios participantes e poñeríase un tema en riba da mesa, e logo cada persoa iría dando a súa opinión sobre o tema e aportando, así sería como se explicaría o jazz , como un diálogo entre varios músicos”. 

Como no jazz, a nosa escola é un espazo no que se pretende que cada unha das persoas que participan da mesma  aporten o mellor de cada quen  e desfruten do proceso,   aprendendo unhas  persoas das outras.  As crianzas, as familias, nós…

Na nosa escola, como sabedes, é a música que máis nos  acompaña en moitos dos momentos importantes, que nos axuda a facer a envoltura que nos permite acompañar aos vosos fillos e fillas a unha dimensión diferente á propia casa e á propia familia,   na autonomía, na  diferenciación dos outros e outras ,  nas posibilidades, na calma, na relaxación, na confianza, así como tamén na creación ou no descubrimento.  Axúdanos a acadar un clima tranquilo durante a xornada , que da cabida a improvisación, así cando se precisa facer cambios por mor do grupo, das situacions individuais, permite a liberdade de incorporar, eliminar, sustituir, …adaptándonos as novas situacións tolerando  a diversidade, incluíndoa e respectándoa, dándolle resposta precisa e actualizada, procurando o desfrute na experimentación, no descubrimento, na participación e a satisfacción de estar aprendendo,  sempre na consecución do que se vai realizando.  A  sorpresa e o asombro, como no jazz, forman parte do ritmo da xornada, elaborando ocasións favorecedoras de  atención.  Céntrase no que ocorre no momento, no proceso,  no importante … eliminando o fracaso e a atención aos  resultados,  intentando ofrecer un espazo de diálogo, de tranquilidade e de calma onde todas as persoas aportamos para a súa creación.

Dicir que aparte de jazz,  escoitamos outra  moita  música como  a tradicional galega, de moito interese para as crianzas,  a música clásica…  e incluso o silencio, e a discriminación auditiva de sons que nos proporciona a natureza e o entorno da escola de  Sobrado que  atrae a atención dos pequenos e pequenas. Constitúe  todo isto uns dos recursos que nos acompañan no desenvolvemento  nesta etapa tan importante.

Aproveitemos este tempo de confinamento e de estar na casa para que non deixen de escoitar música de calidade. Poñámoslle  un pouquiño de jazz aos nenos e nenas! 

Moitas grazas

Aquí van uns temas de jazz galego  e outros que escoitamos na escola:

 

 

Un agarimoso e jazzístico saúdo!!

 

 

*Programar na escola infantil . Parte 1

As teas e o vento, indispensabeis

 

É o momento de entrar na escola. As nenas e os nenos xa saben o que hai que facer. Prepáranse para iniciar o xogo. Sen zapatos. modos. A música que se escoita é moi tranquila e inunda o ambiente. As persoas adultas pasan desapercibidas na escola. A escola é dos nenos e das nenas. Hai diferentes propostas e cada quen pode dirixirse onde lle interese. Cada espazo da escola teno seu aquel ese día, e outra cousa diferente o outro día. Estamos nun espazo ou noutro. As veces precísase un espazo de descanso e de tranquilidade, outras veces é preciso correr, moverse, saltar e facer moitos movementos. E  ás veces todo á vez. Na escola hai para todos e todas. Está planificado.

Para realizar a planificación, antes temos en conta unha serie de principios básicos:

  1. Consideramos que cada neno e nena é único e individual, cunhas características, intereses e necesidades propias, e polo tanto a resposta educativa a ofertar será individualizada. Enriquécenos  a diversidade.
  2. Entendemos que cada unha das actividades do cotiá da escola teñen un carácter educativo e formador, polo que será levado a cabo sen presas e tendo en conta o carácter globalizado da aprendizaxe.
  3. O xogo é o elemento central, tamén o é o fomento da autonomía e a liberdade de moventento, que estimulará as súas potencialidades e que xunto á afectividade e á xestión da vida emocional, impregnará cada unha das accións que se leven a cabo na escola.
  4. O papel docente é de acompañamento desfrutando do desenvolvemento de cada unha das crianzas e propondo retos reais e alcanzables que fomenten a satisfacción do benestar persoal e que proporcionen o gusto por aprender, sendo a observación e a autoobservacion as ferramentas fundamentais para levar a cabo o noso traballo educativo. 
  5. A colaboración das familias na escola é moi importante para a elaboración das estratexias e respostas educativas mais axeitadas coas súas crianzas, establecendo os espazos e os momentos para partillar.

Moitas grazas, e até a próxima!

*Pantallas, crianzas e sentido común

As pantallas forman parte do seu xogo

 

Non podemos negar os dispositivos tecnolóxicos. Os telemóveis, as tábletes, as pantallas en xeral forman parte da nosa vida. Pero tamén forman parte da vida das nosas crianzas. Non é raro ver a crianzas moi pequenas absortas mirando unha pantalla en calquera momento do día en calquera lugar, sendo as persoas adultas as que llelas proporcionamos, ouvindo argumentos do estilo “así deixame facer cousas”, “e que quero que se estimule”, ” axúdalle a tranquilizarse”. Pero, será bo? Será certo?

Na primeira etapa da infancia o sistema nervioso estase formando, e o xeito máis eficaz de funcionamento é a través do movemento e da estimulación física repetitiva. Ademais as crianzas precisan de experiencias sensoriais e da interacción con outras persoas. cando as conectamos a unha pantalla, Facemos todo o contrario!!

Moitos pediatras a nivel internacional e mesmo a OMS aconsellan que cando menos tempo pasen as crianzas fronte a unha pantalla moito mellor, e aínda que hai expertos que aseguran que non hai probas suficientes para apoiar o establecemento dos límites de tempo, aínda que sí os contidos, moitos empezan a falar de crianzas con problemas de autocontrol, que como etán habituados á distracción, á recompensa constante e a estímulos moi intensos, cústalles ser pacientes ou aprender a esperar, creando a falsa idea das cousas instantaneas e ao momento, entre outras cuestións de orde psicolóxica, fisiolóxica e do desenvolvemento.

Pero o que realmente nos fai desconfiar é que  os fillos e fillas das persoas visionarias dixitais de Silicom Valley(sede das grandes compañías tecnolóxicas), educan ás súas crianzas sen pantallas incluso até a adolescencia. Cal será o motivo?

Beneficios obterán as nosas crianzas,  se temos esta reflexión en conta!!

Agarimosos saúdos

 

Motricidade libre=crianzas autónomas!!

Postura previa ao gateo

Postura previa ao gateo

Colocar aos bebés en posicións que non conseguen por si mesmos é un grande erro que as persoas adultas debemos corrixir. É dicir, nin sentalos se non o fan por si mesmos, nin agarralos polos brazos para que anden, nin poñelos boca abaixo para que gateen, nin colocalos arriba do tobogán cando aínda non saben por si mesmos…Cando o facemos, entre outras cuestións, estamos obstaculizando a súa evolución natural, facendo que se salten etapas fundamentais e interferindo negativamente no seu desenvolvemento motor, ademais de facer que non desenvolvan a súa autonomía.

Se preguntamos ás familias ou as persoas profesionais da educación infantil que adoitan levar a cabo esas prácticas, as súas razóns, obtemos respostas do tipo “sempre se fixo así”, “aquí faise así”, “por costume”… ou mesmo razóns do tipo “para que aprenda a sentarse”, “para que aprenda a andar”, “para que aprenda…” Observamos por esas respostas que, ou ben non se fixo unha reflexión sobre este aspecto, e se está actuando de xeito inconsciente, ou ben, se pensa que si as crianzas chegan a andar gatear, comer, subir, …é grazas ás nosas ensinanzas.

Elixe o movemento necesario dentro do seu repertorio

Polo que non temos mais remedio que recordar a importancia de facer reflexións sobre o manexo das crianzas e a consecuencia do mesmo e, por outra banda, dicir que as crianzas xa veñen programadas xeneticamente para moverse e para chegar a ser bípedes. Polo que, deixando que aprenda só sen axuda, acompañándoo en cada conquista, facemos que non só mellore a súa motricidade, tamén a súa autoestima e o seu autoconcepto. Criaremos e atenderemos a nenas e nenos saudables, autónomos e libres.

O beneficio de respectar a súa evolución nótase na seguridade e na fluidez dos seus movementos. Practican e practican. Todo estará no seu rexistro persoal que pode encontrar cando o precise.

Que precisa unha crianza para poder desenvolver a súa motricidade de xeito autónomo e libre?

  • Que se coloquen nunha posición que poida realizar por si mesmo.

  • Que se respecte a súa postura no espazo e que se  colla no colo  cada vez que precise.

  • Que a súa roupa non lle impida nin limite nada

  • Que confíen nas súas capacidades e que lle deixen facer

    Practica con calma e confianza

Moitas grazas!!!

* OUTRA MASCULINIDADE É POSÍBEL!!

Non queda outra. Xa estamos no século XXI. Non podemos seguir sufrindo esa masculinidade responsable de cada unha das vítimas da violencia machista. As vítimas non só son as mulleres, son tamén as crianzas. Por sufrila nas súas propias carnes ou por padecer as consecuencias dun entorno familiar violento e/ou desigual. 


Sabemos que a violencia de xénero é a consecuencia da desigualdade, e que para facer prevención temos que eliminar o sexismo das nosas vidas. Ese que se vai aprendendo dende o mesmo momento de nacermos, cos modelos que lles ofrecemos ou as expectativas sociais que temos de elas e eles.


Nesta entrada de blogue reflexionaremos sobre


COMO SON OS MODELOS MASCULINOS REFERENTES DAS NOSAS CRIANZAS??

Pensemos nas propias casas:
A corresponsabilidade doméstica configúrase como o contrapunto necesario para acadar a igualdade completa. Significa facer un reparto equitativo e democrático das tarefas en tempos de produción, coidado das persoas, tarefas domésticas e tempos de descanso. E en relación coa paternidade, persigue que se consigan pais implicados e comprometidos.


Mireia Cabero, profesora de estudios de psicoloxía de la UOC (Universitat Oberta de Catalunya), clasifica dous modelos de paternidade relacionadas co nivel de presenza e de compromiso paternos. Diferencia entre os conceptos de compromiso, entendido como a decisión motu proprio para formar parte de maneira activa do núcleo familiar, e implicación, onde la mera situación de ser pai biolóxico abócalle a exercer ese papel e ter certas responsabilidades. “Quen está implicado participa e é pai, pero quen está comprometido procura dar a súa mellor versión e séntese pai” . (lavanguardia.com)

Pensemos na nosa escola:
O primeiro curso nesta nova andaina da escola apenas había presenza de pais. Ocasionalmente se achegaban para recoller ás crianzas, pero case sempre coa presenza das nais ou das avoas. Pouco a pouco, a situación foi mudando, empezaron a facer achegas, elaborar materiais, participar nas solicitudes da escola,…e logo, uns pais, ben vendo a outros, ben seguindo as nosas indicacións, empezaron a involucrarse no cotiá, sendo na actualidade unha situación habitual na maior parte dos casos.


Un dos obxectivos da escola é facer todo o posíbel por eliminar calquera conduta de desigualdade, involucrando aos pais no funcionamento da escola: solicitámoslles que entren na escola sen zapatos, que coloquen as pertenzas dos seus fillos e fillas (comida, roupa,…) nos lugares correspondentes, que estean pendentes do que lles fai falta (mais cueiros, camiseta, calcetíns…), que respecten o espazo das crianzas (que non anden polo medio do espazo de xogo e, se deciden quedar na escola, que usen as cadeiras colocadas ao respecto), que coiden o ambiente da escola co seu ton de voz (mais baixiño que o das crianzas), e que atendan ás solicitudes dos seus fillos e fillas. Ademais son moi interesantes a visión que ofrecen nas titorías ou nas entrevistas ofrecendo unha información mais ampla e completa.

Traballemos por unha concienciación de cambio social e cultural.
Gañamos todos e todas!!

 

As mesmas posibilidades e oportunidades para facerlles a hixiene

As mesmas posibilidades e oportunidades no control das pertenzas

 

De interese:

Poema musicado de Rosalía de Castro sobre a Corresponsabilidade:

MOITAS GRAZAS

 

 

*Educar no momento da alimentación

xogar a comer

 

Nas escolas adóitase planificar o momento de comedor en base a dous aspectos: onde se come, é dicir, o espazo físico que se vai usar, agrupamentos,… e cando se come, ou o que é o mesmo, a elaboración e organización de quendas en función das idades, dos grupos…, xa que o que se come, xa non depende de nós. Pero, van quedando moitos elementos da planificación en ocasións esquecidos, ou no mellor dos casos a criterio do bo facer dos e das profesionais.

Cando se fai unha reflexión en grupo, moitas veces aparecen cuestións sobre o carácter asistencial ou educativo, outras sobre os desexos das familias con respecto á comida ou a autonomía das crianzas, outras sobre as prácticas que ocorren nestes momentos por parte das persoas do equipo educativo, outras sobre a falta de recursos, pero moi poucas veces sobre as diferenzas de ritmos, intereses, necesidades…de cada unha das nenas e nenos que temos na escola, tendendo a homoxeneizar e a optar pola rixidez nas decisións que tomamos.

Para facer unha boa planificación deberíase chegar a elaborar a visión do momento da alimentación, no seo do equipo educativo, aprender de experiencias respectuosas, des-aprender e desprenderse de aquelas estratexias pouco respectuosas que usaron con nós cando eramos crianzas (xa que na maioría das veces facémoslles o que nos fixeron) e marcar unha serie de obxectivos compartidos, coas estratexias mais axeitadas para acadar esa visión de comedor e alimentación na escola.

O primeiro paso é a auto-observación.

Cal é o noso ton de voz?; Cal é a nosa posición no espazo?; permitímoslles elixir ou decidir?; Utilizamos chantaxes, ameazas, subornos para conseguir que coman, do estilo “se non comes voume enfadar” “vas ir comer cos bebés” “se non comes non che dou auga” “se non comes vas ser pequena” ou mesmo enganos como meter a culler con comida cando contan co chupete ou coa auga?; preguntámoslles se precisan a nosa axuda ou metemos a culler na súa boca sen mais?; estamos pendentes das súas miradas ou facemos que sexa un mero trámite da xornada da escola, mentres falamos entre as persoas adultas?; temos estratexias para os momentos de espera?; escoitamos o que nos din ou o que nos queren dicir?, coñecemos as accións que realizan para expresar o que desexan ou o que non? …


O que temos claro é que non debemos obrigar nin forzar a comer, do contrario estamos actuando en contra da súa vontade. Isto non é respectuoso, é violento. Non é educativo, non é asistencial. É unha imposición!!.


Non fagamos con elas e eles o que non quixeramos que nos fixeran a nós!

Moitas grazas compañeiras e compañeiros polo interese e a reflexión na propia práctica. Moitas grazas familias.

Para saber mais de alimentación respectuosa:

Algo más que comer

 

* Receita para os inicios da escolarización

 

Tecendo a confianza

O proceso de familiarización e inicio da escolarización é moi complexo. Na nosa escola organizamos quendas, espazos, tempos e propostas. Variamos e flexibilizamos cada elemento en base ao benestar dos e das pequenas. Todo está pensado para as crianzas. Observámolas e imos vendo como responden. Os progresos que van facendo durante cada xornada, as dificultades que se van atopando. Imos vendo o que lles gusta, o que lles gusta menos. Estamos pendentes do que supón este espazo novo e descoñecido, que pode provocar temores, a dificultade de formar parte dun grupo onde se comparten persoas adultas, os ritmos das actividades cotiás,…Témonos que ir coñecendo. Temos que ir probando. Eles e elas van confiando. Cada día un pouquiño mais.

Contamos coas familias. Son imprescindibles no proceso. Aínda que elas nos contan, non é ata que inician na escola cando podemos ver. Solicitámoslles que intenten pasar o mais desapercibidas posible dentro do espazo. Son moi importantes para as súas fillas e fillos, ofrecen tranquilidade. As crianzas xa saben que están aínda que non miren. E, parecendo invisibles, o resto do grupo non se sinte invadido. Cando non é así, debemos reconducir. Velamos polo benestar de todo o grupo.

Ter que separarse dos fillos e fillas non é doado. En moitos casos é a primeira vez. Que duro é. Hai familias que viven a separación con tranquilidade, pero tamén as hai que o fan dun xeito un pouco mais traumático. O certo é que produce inquedanza deixar aos nosos pequenos e pequenas na escola infantil, e mais cando sentimos que choran cando nos imos. Fainos sentir mal e moitas veces repensar todo de novo. É normal. A escola entende perfectamente a situación. A escola vai levando a cabo estratexias para minimizar ao máximo as inquedanzas, que son diferentes en cada quen.

Non hai receitas máxicas para superar eses primeiros momentos agás a vontade de ir facendo camiño, familia e escola xuntas, unificando os criterios cun bo traballo en equipo, coordinado e complementario, con implicación e confianza. O que está claro e que para vós e nós o primeiro son as crianzas. Démonos tempo. Fabriquemos confianza. Confiemos!