* Ao ano andar e aos dous falar??

Enriquecen o conto coas súas aportacións

Enriquecen o conto coas súas sorprendentes achegas

 

Unha das conquistas que os nenos e nenas fan no ciclo de 0 a 3 anos é a adquisición da linguaxe. Que  falen antes ou despois depende do momento evolutivo de cada quen, pero tamén da cantidade e calidade de experiencias comunicativas que se lle proporcionen.

A linguaxe empeza moito antes de que os nenos e as nenas sexan quen de producir as primeiras palabras. Primeiro os gorxeos, despois os balbuceos, logo os primeiros sons,  e ao mesmo tempo que se produce esa emisión, as habilidades comunicativas se van preparando.

Dende  que nacen, falámoslles mirándoos á cara e a curta distancia,  repetimos as súas emisións, falámoslles  despaciño,  cunha pronunciación   clara e cunha entoación mais esaxerada do que normalmente falamos, poñemos palabras ás situacións que os rodean e tamén as súas emocións,  acompañámolos cada día  con palabras en contextos que van tendo  significado  para eles e elas,  pola reiteración, pola repetición, acompañándoos así  na preparación das habilidades comunicativas. En moi pouco tempo  imos observando que  van adquirindo a capacidade de entender todo o que lle dicimos. Comprenden antes de ser quen de expresar con palabras. 

 A tarefa educativa, tanto na escola infantil como na familia,  sería  a de ir observando  as manifestacións da expresión comunicativa, pero sobre todo ser modelos de produción lingüística axeitados falando con precisión e corrección,  facilitarlles  oportunidades para expresarse, darlles tempo para responder agardando a que eles e elas  mesmas respondan as nosas cuestións, sexa ou non con palabras e sobre todo, reforzando positivamente cada intención comunicativa.

Os momentos do cotiá dan tantas oportunidades comunicativas…

 

En todo o proceso é fundamental que o clima de afecto acompañe,  xa que posibilita e fai agradábel a comunicación  en cada un dos momentos do cotiá  que se compartan, sendo preciso que se preste  moita atención a que sexan momentos ricos, vivos e cheos de experiencias relevantes.

Aproveitemos todas as oportunidades de practicar a comunicación, ao longo da xornada hai tantas!!

Agradecementos

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *