Arquivos mensuais: Setembro 2021

*Canto dura a adaptación na escola infantil?

Desfrutado dos elementos de xogo

 

Saber o  tempo que dura a adaptación na escola adoita ser unha das cuestións que mais se repiten nas  entrevistas iniciais  coas familias, tanto sexan familias novas como familias que renovan. E  a resposta non é nada doada.  O termo adaptación,  é a primeira cuestión na que reflexionar.

Quen se ten que adaptar? (as nenas e os nenos seguro, pero tamén as familias, que deixan as súas xoias mais prezadas en mans descoñecidas; pero tamén as persoas profesionais da escola, que cada curso nos temos que repoñer da  marcha dos pequenos e pequenas que se van para o segundo ciclo, e temos que iniciar un novo proceso afectivo con nenas e nenos novos) .

 Se  non están adaptados, significa que están inadaptados? como se sabe se están adaptados ou seguen inadaptados? o paso do tempo é o que fai que se acaben de adaptar?

Se o prantexamos ese proceso dese xeito tan simple,  podemos entender que os nenos e nenas están adaptados cando non choran.  Pero,  en moitas ocasións podemos pensar que un neno ou nena que pasa desapercibida, que non da problemas, que non se sinte…está xa adaptada, e isto, non ten por que ser así. O grupo enteiro da escola pasa por un proceso de crise: os nenos e nenas que renovan teñen que compartir o afecto das profesionais da escola con outros que o precisan mais, e as pequenas e pequenos que empezan na escola, deben iniciar un proceso doloroso de separación familiar, … polo que aparecen  diferentes tipos de manifestacións e formas de expresar o malestar,  tantas como nenas e nenos hai: algúns choran, outros enfádanse , ou deixan de comer, non queren xogar, durmen peor, rexeitan ou solicitan mais afecto, … non nos chegan as mans, nin os colos!

Cando os nenos e nenas se senten seguros como para poder amosar o seu mundo emocional e o seu malestar non é tan intenso como para rexeitar ou recibir afecto, e tamén ofrecelo, cando  observamos unha progresiva independencia da persoa de referencia na escola, cando se pode relacionar cos obxectos e cos outros nenos e nenas … poderíamos dicir que o proceso está listo. Chegar a establecer un vínculo afectivo é o obxectivo para iniciar o camiño…nesas estamos!