Arquivos mensuais: Maio 2021

* Chega o tempo de sacar o cueiro??

Os tomates madurando

Aínda que as persoas adultas sabemos que o control de esfínteres na infancia ten que ver coa maduración, cando chega o bo tempo moitas persoas expoñen que é o momento óptimo para lle sacar o cueiro aos nenos e nenas… En moitos casos a decisión xustifícase pola coacción de outros e outras que , como en moitas outras cuestións relacionadas coa crianza ou cos coidados, opinan sen cancelas; as veces ten que ver co auto-forzamento e así non semellar pais ou nais desleixadas é, por último, hai ocasións onde non hai xustificación, argumentándose que sempre se fixo así. Onde queda agardar pola maduración das pequenas e pequenos? Ou onde está aí o de acompañar de xeito respectuoso e natural o control de esfínteres?. Será que se  pensa que os nenos e nenas maduran coma os tomates co sol?

Importante a concentración na tarefa

Cal é a mellor forma de actuar entón? Debemos saber que nós non somos os que debemos tomar a decisión. Para que controle o seu propio corpo e para atender o ritmo de seu , de xeito respectuoso, o único que debemos facer é ir deixando que poida decidir o momento, nun ambiente seguro, positivo e que lle facilite o proceso, demostrándolles que os respectamos e que respectamos as súas decisións. Escoitar ao noso fillo ou filla e preguntarlle directamente se desexa sacar o cueiro, é a mellor opción.

Xogando e probando cun penico de xoguete

Na nosa escola cada nena e cada neno deciden. Observamos o que poden facer, imos solicitando a súa colaboración, pasan os días e aumenta a autonomía. O momento da hixiene é moi agradable e satisfactorio. Desfrutan cando as súas decisións son tidas en conta, tendo unha relación moi positiva con todo o que ocorre no cuarto de baño. Cada neno e cada nena son únicos e non hai unha idade fixa establecida na que se aprenda a controlar ou a soltar, e por suposto, agardar no penico ou no wc a que saia algo, non serve de nada, mais que para acadar unha asociación negativa do proceso, co cal, tanto si desexan sacar o cueiro como se non, as persoas adultas acompañamos o proceso ao seu carón, sen xulgar, sen premer, sen comparar.

Nalgún lugar lese “o cueiro non se quita, déixase”.

Moitas grazas