Arquivos mensuais: Marzo 2021

* Hai que ser obediente??

Norma: coidamos e admiramos aos animais sen danalos

“Hai que ser obediente” “Hai que facer caso”!! Cantas veces as persoas adultas lles dicimos isto aos nosos nenos e nenas, na casa, na escola, …? E verdade que hai que ser obediente? Que significa ser obediente?

Ser obediente e obedecer significa someterse ás ordes ou mandatos de alguén. Os sinónimos son ser dócil, guiado ou submiso. Educar na obediencia significa que os nenos e nenas deben facer o que as persoas adultas lles mandan, independentemente da súa vontade, criterio ou necesidade…

Isto vennos moi ben a nós. Que os nosos nenos ou nenas non cuestionen, non nos protesten, non confronten, non nos monten un espectáculo nos lugares menos procedentes …, fainos a vida mais doada, pero debemos saber que ser obediente, ter que obedecer ou  portarse ben, sen mais, adoita ser efectivo a curto prazo, e se persistimos tan só conseguiremos nenas e nenos  submisos  que precisaran de alguén que lles diga que teñen que facer ou non en cada momento.

norma: lavamos as mans antes de xantar

Norma: coidamos  e recollemos os elementos de xogo ao terminar

E diredes, entón vou deixar que faga o que lle dea a gana? Vou deixar que se manque? Vou deixar que tal situación lle prexudique? Vou deixar que moleste aos demais? Pois a resposta é NON.
Os nenos e nenas precisan límites, e estes deben ser claros e entendibles para ser efectivos, pero dende o respecto, dende o agarimo, que é a mellor forma de aprendelos. Deben primeiro entender as normas que deben cumprir. O ambiente calmado axudaranos moito. Na nosa man está   facilitar a interiorización das normas, educando a persoas responsables e competentes. Anticipar o que vai ocorrer, explicarlle as razóns, atender as súas demandas, escoitalos con atención… son algunhas das estratexias que usamos na escola como alternativas. E funcionan!

Moitas Grazas