Arquivos mensuais: Febreiro 2021

* Feliz día de Rosalía

Alá, no 1837, o 24 de febreiro, naceu en Compostela Rosalía de Castro, a nosa figura central da literatura. Cento oitenta e catro anos. Hoxe está de aniversario, e o noso Pobo tamén. E todo grazas   á súa obra, innovadora, comprometida e adiantada ao seu tempo. Foi quen de poñer a nosa Terra, o noso  sentir,  a propia cultura e a  propia lingua, tan  desprestixiadas e danadas, no núcleo,  iniciando a recuperación da identidade de Galicia.  Pero ademais  cabe destacar que esta muller non tivo medo a ser  politicamente incorrecta e rebelde, manifestando inxustizas,  e situacións que aínda hoxe están tan de actualidade, e así nolo amosa nas súas obras cargadas de feminismo e de denuncia de inxustizas sociais, converténdose na referencia para unha Galicia que se transforma e recupera a súa conciencia galega e de amor polo propio.

Falar galego ou usar a nosa lingua en calquera dos contextos da nosa vida, pode ser tamén un acto de rebeldía aínda hoxe en día, mais  na nosa escola temos a grande sorte de contar con familias que usan e transmiten aos seus fillos e fillas a lingua galega. Saben  que  transmiten  modalidades de expresión e de pensamento propias, as tradicións, os recordos,  a identidade e a integración na sociedade, …transmiten riqueza. Usar na escola a lingua materna é,  ademais de velar polo seu prestixio, favorecer unha educación de calidade ,  xa que axuda a  respectar e preservar o patrimonio cultural e lingüístico do pobo galego,  e  ademais é a base de apoderamento das persoas e da nosa sociedade.

moitas grazas