Arquivos mensuais: Xaneiro 2021

*As despedidas da escola

Carmela cóntalle a papá cousas da escola

Moitas veces a despedida, momento no que as familias veñen buscar aos seus fillos e fillas, adoita ser esquecido nas planificacións docentes, mais debemos ofrecerlle a atención que se merece pola súa especial relevancia. Nós planificámola  dende o punto de vista das nenas e dos nenos e,  a partir das  observacións,   establecemos as  estratexias  individualizadas que fagan falta para chegar ao establecido.

En liñas xerais,   imos anticipando con cada un e unha cando se achega o momento de marchar.   Dirixímonos  a cada nena ou neno, sen interromper nin  romper o ambiente tranquilo da escola, falándolle á súa altura e en voz baixa, con calma e sen presas, favorecendo a autonomía, e acompañámolos cara a súa familia, facendo que o paso da escola á familia, sexa con tranquilidade e fluidez .

A mamá solicita a colaboración de Manuel para poñer o abrigo

Antes da pandemia  as familias podían entrar na escola, pero con esta situación que estamos a vivir na actualidade, cando a familia chega á escola debe agardar a que o persoal lle acheguemos ao seu fillo ou filla e, se outra familia está nese proceso, deberase agardar a quenda, fora do campo de visión das nenas e nenos, até que a entrada estea libre ou reciba indicacións de achegarse. En calquera caso, as familias saben que o respecto polo ambiente tranquilo da escola e polo resto das nenas e nenos do grupo, é de obrigado cumprimento. Evitar ruídos, timbres, coidar o ton de voz, e outras situacións que poidan alterar aos pequenos en particular ou ao grupo en xeral, é fundamental para levar a cabo as despedidas que pretendemos.

Solicitamos que o ambiente da escola sexa tranquilo tamén nas despedidas

Ademais, é importante comentar que a despedida convértese nun momento especial para compartir con cada unha das familias, de xeito informal, as vivencias das fillas e fillos mais significativas da xornada dentro da escola. Pero non debemos esquecer que o protagonismo é das nenas e dos nenos, e que xamais a conversa das persoas adultas lles restará o protagonismo que lles corresponde. Polo que nos centraremos en ofrecer aquela información que permita compartir coas nais e os pais a xornada nun par de frases, como se dunha imaxe da súa crianza se tratase, retos que acadaron ou que están en proceso, as novas conquistas, os intentos que fan, as alternativas que procuran, as aprendizaxes que van facendo, ou outras cuestións que se consideren relevantes, favorecendo que a transmisión de información sexa variada, xa que hai múltiples accións do cotiá que as nenas e nenos fan na escola.

Agarda a chegada da familia

E por último, para o equipo da escola o momento da despedida convértese nunha grande fonte de información sobre a relación que teñen os nenos e as nenas coas súas nais e pais. Observar como se interesan pola súa xornada, como se comunican con eles e elas, como lle posibilitan a autonomía, como limitan situacións, … danos, en moitas ocasións, pistas para comprender e poder planificar intervencións, accións e propostas educativas individualizadas que beneficien   a cada un dos nenos e das nenas que temos na escola. Trátase dun tempo de observación privilexiada.

Moitas grazas